Conquistas... por la boca

A partir deste sábado o mundo culinario xa non será o mesmo para algúns composteláns. Mónica Novas, sexóloga, psicóloga e cociñeira, impartirá na capital galega un taller sobre gastrosexoloxía, un concepto que nace da unión destes tres ámbitos e que trata de explicar os mecanismos de excitación que subxacen no pracer para comer ou de cociñar para outros.

Así, a gastrosexoloxía sérvese destes mecanismos e da suxestión inducida para que pratos, bebidas, símbolos gastronómicos ou determinados produtos produzan un pracer incrementado. Esta suxestión previa lógrase a través de imaxes, películas, música e aromas que preparan a persoa para o prato.

“Non se trata de ensinar a preparar comidas afrodisíacas, senón de explicar mecanismos que podemos aplicar a calquera prato”, di Novas. A experta aclara que “non é algo que eu invente, senón mecanismos que están estudados e que funcionan; o que sucede é que moita xente non
sabe por que lle pasa iso”.

Novas sinala que a gastrosexoloxía non é algo exclusivo de homes ou de mulleres, aínda que si hai sabores que gustan máis a un sexo ou a outro. “Aos homes adóitalles gustar o queixo curado, pola súa semellanza cos fluxos corporais femininos”, pon como exemplo.

Sobre o público ao que vai dirixido este taller, asegura que está destinado a xente “que teña curiosidade”, xa sexan parellas, calquera persoa a título individual ou ata grupos de amigos. De feito, o prezo baixa se se apuntan varias persoas xuntas: 25 euros. A inscrición debe formalizarse
previamente na páxina web www.gastrosexología.com.

Comentarios