Nomear cogomelos

 

 

Como dixo Álvaro Cunqueiro, só aquilo ao que se lle dá nome podemos posuílo.

O mundo dos fungos está en evolución constante e polo tanto tamén os seus nomes. Como é sabido, existen dúas formas de denominalos, ben polo nome popular, que non sempre existe en Galicia e pode resultar confuso pola falla de costume na recollida na nosa terra e ser un país tradicionalmente micófobo, ben polo nome científico, en latín, de carácter universal. A Macrolepiota procera, é unha excepción ao recibir a lo menos medio cento de nomes populares por toda Galicia como "cogordo", "choupís", "zarrota", "crego", "cogomelo da horta" ou "cogomelo da xente"...

A actualización na denominación e catalogación dos cogomelos vén determinada por tres factores: todos os anos aparecen novas especies ou variedades dalgunhas que xa existían; outras cambian de nome trala investigación científica que decide o seu paso dun xénero a outro; e rexístranse cambios nas súas propiedades, como o caso dun comestible que pode co tempo causar enfermidades, ao volverse tóxico.

En Galicia hai documentados novos cogomelos descubertos para a toda a comunidade científica internacional, froito do traballo de micólogos como Luís Freire, Marisa Castro, Cristovo Ruíz Leivas ou Jaime Blanco Dios, entre outros, que catalogaron especies que non estaban descritas e levan nomes moi galegos para todo o mundo, na maioría dos casos relacionados coas localidades onde apareceron, como: Amanita porrinensis, pola aparición na localidade pontevedresa do Porriño; Clytocibe alaricensis, atopada nas inmediacións de Allariz (Ourense); ou a Morchella valdeorrensis, descuberta na bisbarra ourensá de Valdeorras entre outros. Na actualidade hai varios cogomelos en proceso de inscrición.

            Algúns dos cogomelos con orixe e selo galego serían: Agaricus freirei (Blanco-Dios), Leucocoprinus castroi (Blanco-Dios), Cantharellus gallaecicus (Blanco-Dios), Tricholoma gallaecicum (Blanco-Dios), Sparassis miniensis (Blanco-Dios e Zheng Wang), Clitocybe alaricensis (Blanco-Dios), Clitocybe auniosiana (Blanco-Dios), Cantharellus lourizanianus (Blanco-Dios), Boletus atlanticus (Blanco-Dios e G. Marques) e Rickenella piquiniana (Blanco-Dios). Tamén cómpre destacar a Psathyrella ascarioides (Losa-Quintana e Freire), Amanita porrinensis (Freire e Castro), Gyroporus ammophilus (Castro e Freire), Psilocybe gallaeciae (Guzmán e Castro), Cystoderma freirei (Justo e Castro), Tricholoma eucalypticum var. alboflavescens (Lago e Castro) e Morchela valdeorrensis (Ruíz Leivas).

            Malia que xa hai miles de anos que chineses e aztecas empregaban os cogomelos, moitas veces como medicinas, a investigación micolóxica aínda ten moi pouca historia. Nos últimos anos os avances teñen sido moi importantes pero falta moito por descubrir e investigar. Os científicos falan de máis dun millón e medio de especies distintas no mundo. Delas tan só 77.000 están catalogadas e clasificadas. En Galicia, polo de agora, temos 1.600 e cada vez existen maior número de afeccionados aos cogomelos para os que cada ano se publica máis e mellor bibliografía centrada no medio milleiro de cogomelos que podemos atopar con facilidade no monte. O cambio de especies dunha familia a outra provoca, polo tanto, cambios de denominación científica, xa que o estudo dá como resultado que un cogomelo que estaba enmarcado ou incluído dentro dun xénero, resulta que, ao final, pertencía a outro ou constitúe un novo. Esta circunstancia orixina algúns problemas entre os novos afeccionados, que poden atopar con facilidade ata tres nomes distintos para un mesmo cogomelo. É por iso que cada certo tempo resulta interesante mercar novas publicacións para actualizar as denominacións científicas, aínda que hai que ter coidado con aqueles textos traducidos de autores alemáns, franceses ou italianos, que non están actualizados e que seguen chegando ás librarías, incluso neste ano 2010.

Por último, existen cogomelos que sempre foron considerados comestibles e que poden cambiar a súa catalogación e pasar a ser tóxicos. É o caso do Tricholoma equestre, popularmente "tortullo dos cabaleiros", considerado dende sempre un excelente comestible, que na actualidade está catalogado como sospeitoso tras provocar numerosos casos de rabdomiolise, co resultado de morte en Francia, polo que en España se prohibiu a súa comercialización xa no ano 2006. Non obstante hai que sinalar que está por determinar se foi por consumo reiterado, sensibilidade especial dos comensais a este cogomelo ou incluso polas características do chan no que foron recollidos os exemplares “mortais”. En Galicia non hai constancia de ningún episodio semellante.

Comentarios