Blog |

Ringo Starr, o batería melódico

Sucede con frecuencia que detrás de tres músicos hai un batería. O batería que estaba detrás de Lennon, McCartney e Harrison era Ringo Starr. Un home tranquilo, de humor popular e que segue explicando a estas alturas da súa vida que o importante das cancións é a melodía.

Ringo Starr
photo_camera Ringo Starr

AÍNDA NON acabara o primeiro ano da beatlemanía e a pregunta xa se repetía en todas as entrevistas: Que ides facer cando acabe a fama? A resposta de Richard Starkey (Liverpool, 1940) repetíase entre a broma e a realidade: Abrir unha cadea de peluquerías de señoras. Ringo Starr non estaba preocupado por ser unha estrela, nin un xenio, nin o batería máis espectacular do mundo, nin parecer ningunha das tres cousas. Chegou o último e durante os anos das xiras converteuse na cara inesperada de The Beatles. O vindeiro venres tocará na Coruña coa súa All Starr Band presentando o seu último disco, Give more love.

Ringo Starr é unha rock and roll star sen biografía. Tivo vida, pero non unha desas avultadas e excesivas vidas dos príncipes do rock and roll. Un chaval tranquilo rodeado por un mundo excesivo. Os baterías están sempre detrás. E parece que era un papel que lle sentaba ben a quen, andando os anos, debería ter por diante tres egos en tensión creativa. Ringo, cos seus dedos cheos de aneis para ter un alcume e cun apelido retranqueado para parecer unha gloria do showbusiness, aceptou con moita calma o papel que lle foi asignado: ser o tipo sinxelo no grupo de música máis importante do século XX. Ser o músico sen ambición na máquina musical máis importante da música popular. É o batería máis famoso da música pop, pero non o máis valorado. A fama sempre acaba por ser inxusta.

Ringo Starr non foi o primeiro batería de The Beatles. A historia de como chegou á banda é unha desas clásicas da grande oportunidade perdida. A primeira formación estable de The Beatles (Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe) contaba cun batería tamén de Liverpool, fillo da propietaria dun club de música, Jacaranda, no que The Beatles tocaban. Pete Best sumouse á banda e comezaron a facer xiras que en Galicia levarían o nome de comarcais. Best tiña un grupo particular de fans. A banda vai gañando sona e son contratados para tocar en Hamburgo. Na cidade portuaria do norte de Alemaña coinciden con outra banda do norte inglés: Rory Storm and the Hurricanes. Nesta banda de rock tirando a clásico toca Ringo Starr. Storm pasa por ter a mellor banda de Liverpool, así que actúa en clubes mellores que os garitos nos que tocaban, comían, bebían e facían demais cousas orgánicas The Beatles. Nese Hamburgo xuvenil intimaron Ringo Starr e o resto do grupo.

Foi en Hamburgo onde Astrid Kirchherr coñeceu a Lennon e Sutcliffe, e onde lles reconverteu o tupé rockabilly no floco que cambiaría un par de xeracións. Aínda que non é un asunto musical, a perrera infantil foi aceptada por todos os membros da banda como sinal de identidade menos por un: Pete Best. Cando a banda regresou da perdición de Hamburgo o seu manager, Brian Epstein, porfiaba con todas as discográficas de Londres louvando o talento sen límite dos seus representados. Fixeron a proba en Decca, onde obtiveron unha das respostas máis famosas da historia do rock: "As bandas de guitarras están pasadas de moda". O sentenciador foi Dick Rowe e xunto con Best forman unha parella inimitable desa xente que queda no purgatorio da Historia. Lennon, McCartney e Harrison xa gastaban o traxe que lles puxo Epstein e o floco de Kirchherr, pero Best non se deixaba encaixar na banda. O trío das cordas decidiu que Ringo Starr era unha opción mellor para a batería e fixeron o que faría calquera banda: Encargáronlle ao manager que anunciase a Best que xa non era o mellor para The Beatles. Pete foi despedido, Ringo incorporouse como se levase alí toda a vida e as fans fixeron un pouco de ruído xusto antes de que explotase a beatlemanía e levase todo o pasado por diante.

Ringo, aseguraban, era un socarrón prototípico de Liverpool que, dos catro, era o que pertencía a unha familia máis obreira

Para os occidentais todo está na infancia. John Lennon e Paul McCartney quedaron sen nai sendo adolescentes, aínda que o primeiro fixo moita máis biografía con iso que o segundo. Ringo Starr tivo unha infancia solitaria por enfermiza. Moito tempo na cama, moito tempo só. Os seus biógrafos aceptan o tópico de que ese carácter melancólico do batería que tanto se explotou na primeira película beatle procede desa época. Pero non é seguro. Nin o de que influíse nin que fose nunca melancólico. Ringo, aseguraban, era un socarrón prototípico de Liverpool que, dos catro, era o que pertencía a unha familia máis obreira. Un currante sen veleidades de xenio. Un chaval práctico que no medio das gravacións profería frases como: "It’s been a hard day’s night" —"Foi a noite dun día duro"—. A música chegoulle a Ringo durante a enfermidade infantil e foi conformándose como un batería autodidacta, heterodoxo e nada dado ás tradicións. A lenda urbana di que Ringo prefería coller as baquetas frontalmente, polo fondo en lugar de polo medio, como acostumaban os profesionais ata entón. Un cambio que adoptarían case todos os baterías de rock.

Pero a música non considera a Ringo Starr un instrumentista á altura de baterías de bandas coetáneas. Poñamos por caso: Keith Moon, de The Who; Charlie Watts, nos Rolling Stones, ou o batería de Led Zeppelin, John Bonham. Hai motivos. Sempre hai motivos aínda que sexan malos. Starr nunca foi un exhibicionista e o seu interese non era tanto lucirse como facer que as cancións cadrasen. No Beatles anthology Ringo explica cal é o papel do baterista nun grupo: "O importante dunha canción é a melodía". Noutras entrevistas explica cal é a súa relación: "Chegaba George e pedía un golpe así, e chegaba Paul e quería outra cousa e un batería está para conseguilo". Os prexuízos sobre a capacidade musical de Ringo poderían proceder da comparación con instrumentistas moito máis evidentes, pero tamén procedían do propio grupo. A lingua bífida de John Lennon cando lle preguntaron por Ringo nunha entrevista unha vez disolta a banda contestou: "Ringo? Nin sequera era o mellor batería de The Beatles".

A tranquilidade clase obreira de Ringo Starr encaixou perfectamente co grupo. Durante as xiras tiña paciencia, no estudo non metía presión. Cando The Beatles fixeron cine acabou por converterse na estrela e iniciar unha carreira cinematográfica que non lle deu para un Oscar, pero si para diversificar o seu traballo. Entre as dúas películas rodadas pola banda, o batería pasou de ser o protagonista dunha secuencia en A hard day´s night a ser o centro do argumento en Help. 

Abandonadas as xiras e refuxiados no estudio, o papel de Ringo foi a menos ata un momento da gravación do White album no que, ignorado pola loita de egos que ía construíndo o disco entre os outros tres membros, decidiu abandonar a banda. Tardou menos dunha semana en regresar tralas desculpas dos demais. Volveu e encontrou a súa batería en Abbey Road rodeada de flores.

A Ringo sempre lle tirou o country, as baladas melancólicas e cantar sen facer ruído

En certo sentido, o grupo estaba sentenzado. Ringo comezou a traballar no cine facendo cameos en películas esquecibles e deulle tempo a escribir unha canción completa, Octopus´s Garden, para meter nun disco que había ser de despedida. Meter unha canción propia nun disco como Abbey Road foi a culminación da carreira de Ringo Starr en The Beatles. Case dez anos de carreira e, por fin, o apelido Starkey figura con canción propia xunto aos de McCartney, Lennon e Harrison. 

Acabaron The Beatles e Ringo Starr comezou unha particular carreira de famoso tranquilo. Compartiu estudo co resto dos beatles en solitario. Tocou nos discos de Lennon, nos de Harrison, actuou como estrela no Concert for Bangla Desh e foi sacando discos máis ou menos aceptables en función da simpatía que se lle teña. A Ringo sempre lle tirou o country, as baladas melancólicas e cantar sen facer ruído. Iso e repetir sempre que lle preguntan: "Peace and Love".

Ringo Starr é un batería melódico. Máis preocupado polas cancións que por sobresaír como instrumentista. Pero se aínda quedan dúbidas das habilidades de Richard Starkey coas baquetas, van cinco exemplos do seu manexo sinxelo, efectivo e preciso: Tomorrow never knows, ‘Ticket to ride, Rain, Here comes the sun e o único solo de batería que se permitiu con The Beatles, en The end.

Ringo
Starr é máis coñecido por cantar Yellow submarine ou With a little help from my friends que as súas propias composicións. Máis por estas dúas que por Octopus’s Garden, a súa de verdade en The Beatles. Tras fracasar con dous discos postbeatles, sacou un disco co seu nome, contando coa colaboración dos seus excompañeiros e cun son máis rock e menos familiar.

Comentarios