2018: O ano das mulleres

JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Primeiro foi o movemento #MeToo e agora a folga do 8 de marzo: o feminismo cobra forza en todo o mundo para visibilizar e loitar contra a discriminación que sofre a metade da poboación

Ata 177 países participarán na folga feminista convocada no Día Internacional da Muller co obxectivo de demostrar que se as mulleres paran, para o mundo. A iniciativa comezouse a fraguar na primavera de 2017 tras a boa acollida dos paros de mulleres promovidos desde o movemento arxentino Vivas nos queremos contra a violencia de xénero, aínda que o gran precedente histórico tivo lugar en Islandia en 1975, cando o 90% das mulleres deixaron de traballar e paralizaron o país, conseguindo, finalmente, unha lei de igualdade salarial. 

Malia que o ano pasado España acolleu paros simbólicos, a do xoves será a primeira folga legal para reclamar a igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres. As asociacións feministas que a convocan chaman a paros totais (que apoian Podemos, Izquierda Unida, GCT, CNT, Confederación Intersindical e os sindicatos galegos) ou parciais de dúas horas (respaldados por PSOE, CC OO, UGT e os sindicatos vascos). Ademais, a folga non se limitará a paros laborais, senón que trascenderá ao ámbito estudiantil, de consumo (principalmente de produtos gravados coa tasa rosa, como os de hixiene feminina) e de coidados (as mulleres dedican 26,5 horas semanais a coidar fillos ou familiares e a realizar tareas domésticas ou colaboracións non pagadas, mentres que os homes invisten tan só 14). 

A convocatoria desta folga sen fronteiras converte o Día Internacional da Muller de 2018 nunha data histórica que confirma o rexurdir do movemento feminista en todo o mundo. E é que desde que se destapou o caso Weinstein e se popularizou nas  redes sociais a campaña #MeToo (Eu tamén), a discriminación da metade da poboación mundial, máis alá das prácticas machistas como o acoso sexual ou os abusos de poder, está a ser moito máis visible. 

No caso de España, os datos falan por si mesmos, comezando polas cifras da violencia machista. Así, en 2017 foron asasinadas 49 mulleres, fronte ás 44 de 2016. Ademais, o ano pasado oito nenos e nenas morreron a mans dos homes que torturaban as súas nais. 

A fenda salarial tamén é unha realidade, aínda que os datos varían segundo os estudos. Para Eurostat é do 14%, o que implica que as mulleres, en comparación cos homes, traballan gratis 53 días ao ano, mentres que UGT a sitúa no 22,86%, polo que máis de sete millóns de mulleres cobran case 6.000 euros de media menos ao ano que os homes. A conciliación é outra das materias pendentes. Segundo datos do Instituto de la Mujer, en 2016 foron 37.531 as nais que pediron excedencias por fillos fronte ás 2.986 solicitadas por pais. O acoso, a linguaxe, os estereotipos, a redución das mulleres a instrumentos de placer sexual ao servizo dos homes, a cultura patriarcal, o teito de cristal... A lista de agravios que hai que erradicar é longa pero, hoxe máis ca nunca, está sobre a mesa.

María Xosé Queizán, escritora: "A idea do amor afecta moito ás mulleres e caen nesa trampa"
Cunha longa traxectoria a prol da causa feminista, María Xosé Queizán (Vigo, 1939) cre que o 8 de marzo deste ano vai estar marcado pola "unión e a solidariedade". "Está habendo unha reacción promovida polo #MeToo, é dicir, polas mulleres con poder económico e poder mediático que comezaron a denunciar no sitio que menos pensariamos: Hollywood. Na medida en que teñen difusión, están movendo a sociedade e vaise producir un 8 de marzo moi notable en todo o mundo. Ademais o feminismo sempre quixo ser internacional. De feito, naceu con mulleres como Clara Zetkin ou Rosa Luxemburgo, que eran internacionalistas. Por outra banda, a opresión da muller é mundial, engloba a todos os países e a todas as clases sociais e neste momento, debido á globalización e a Internet, as cousas chegan ao último rincón do mundo. Polo tanto, vai ser un ano verdadeiramente importantísimo para a saída das mulleres á rúa". 

O 8 de marzo deste ano tamén vai ser especial pola folga feminista. Con respecto a esta convocatoria, a escritora amósase escéptica. "Hai un problema moi gordo -precisa-, porque na sociedade existen dúas esferas: a pública e a privada. Na privada están todas as mulleres que, casadas ou con parella, manteñen un fogar. Aí non se resolve nada. Todo se resolve na esfera pública: a economía, a política, a lingua... Aínda que algunhas delas tamén traballan na esfera pública, moitas das mulleres da esfera privada están apartadas da sociedade. Entón aí non hai posibilidade de folga porque non hai un salario, non hai unha relación con outras mulleres para poder facer o mesmo... Cada muller está illada no seu fogar. Se recibe maltrato moitas veces culpabilízase a si mesma e non se decata de que isto é xeral. Esta trampa na que estamos metidas e, ollo, na que as mulleres se queren meter porque ninguén as condena a iso, é algo persoal e particular". 

Botando man do seu último libro, Rosalía de Castro e o poder sexual, e das verbas da lendaria poeta, a quen cualifica de "feminista do século XXI", Queizán lamenta «esa fascinación das mulleres polo poder masculino, como van, como di Rosalía, como bolboretiñas á luz. Os sentimentos e a idea do amor afecta moito ás mulleres e caen nesa trampa. Mentres isto siga así -afirma- aí non se pode facer folga. Eu confío en que no mundo público si vai haber folga de mulleres, pero o mundo privado é moi amplo e moi extenso. Alomenos a ver se serve para que as mulleres se decaten de non entrar nese mundo. Para min -prosegue-, ese sería o comezo dun feminismo auténtico: que as mulleres estiveran no mundo público igual que os homes, traballando e recibindo un salario igual que eles, e que desaparecera o mundo privado». 

En canto ás posibles solucións, a autora de Anti natura insiste en que é "un problema de convencemento, un problema persoal". "As mulleres teñen que perder esa fascinación da que falaba Rosalía -recalca-. No mundo público está todo lexislado, pero no mundo privado non hai ningunha lei. A xente casa, pero o contrato de matrimonio é o que dicía Rosalía: Dime casadiña nova como che vai de casada, como criada que serve e non lle pagan soldada. Esa é a clave". Que os homes muden a súa maneira de pensar non o contempla. "Nunca podes cambiar a xente que ten privilexios -afirma con rotundidade-. O home simplemente por ser home xa ten un privilexio na sociedade. Non hai ningún home que queira cambiarse por unha muller. Ningún". 

Por último, María Xosé Queizán lamenta que non sexa 8 de marzo todos os días. "O que pasa é que non é fácil. Por moi avanzada que digan que é unha sociedade, nunca vai modificar isto porque esas mulleres que son o último do mundo son as que realmente producen máis PIB para o estado. As mulleres fan todo tipo de traballos que fóra se pagan pero dentro non e fano, ademais, con amor. Quen vai perder iso?".

María Reimondez, escritora e tradutora: "Temos que demostrar que pasa cando nosoutras paramos"
Se algo ten claro a autora de títulos como A dúbida é que xa non se pode falar "da muller, hai que falar das mulleres, porque as circunstancias de vida das mulleres son moi diversas". Aínda así, considera que "estamos nun claro retroceso de dereitos en xeral, e no caso das mulleres hai un aumento de discriminación de xénero. Sobre todo do discurso, das cousas que estamos escoitando diariamente e que están despois na base das violencias máis tanxibles, dos asasinatos, das violacións, das agresións...". Para María Reimóndez (Lugo, 1975), un claro síntoma é "estar a estas alturas escoitando cousas como, por exemplo, cando Mariano Rajoy di que non quere manifestarse sobre a desigualdade salarial,  que é algo que como sociedade xa teriamos que dar por sentado que ten que ser unha prioridade". A escritora considera que basta con "acender a televisión" e ver o modelo de mulleres e homes que presentan programas como Mujeres y hombres para ver que "aí está a base de todas as vivencias, incluída a violencia cara as persoas transxénero, cuestións de orientación sexual, de raza, de clase... Nun momento no que hai unha tensión moi grande na sociedade e unha demanda de flexibilizar os papeis de xénero hai un discurso cada vez máis retrógrado". 

É por iso que pensa que as liñas de actuación pasan por cambiar ese discurso, sobre todo nas industrias creativas. "Temos que facer un traballo de transformación porque son os elementos que van creando un imaxinario sexista e que pasan desapercibidos". Na súa opinión, ata que non cambien eses elementos "é moi improbable que podamos chegar a afectar as políticas de emprego, de dereitos, de prevención da violencia... É case imposible se non empezamos a atallar o imaxinario". 

Reimóndez é tallante sobre a necesidade de conmemorar datas como o 8 de marzo. Para ela, é un día no que "celebramos que as mulleres nos unimos para reivindicar e recordar o traballo das que viñeron antes", pero serve tamén para "poñer en evidencia que este espellismo da igualdade non existe. Necesitamos unha mobilización de toda a sociedade todos os días". 

Este ano, ela celebrará este día dende Filipinas, onde se atopa dende mediados desta semana, polo que non se sumará á folga convocada directamente, mais considera que é necesario facela porque "hai que demostrar que pasa cando as mulleres paramos". Ela asegura que estará "coas compañeiras de Filipinas nas súas mobilizacións e nas súas propostas de acción".

Montse Fajardo, escritora e xornalista: "As xeracións anteriores eran máis conscientes da necesidade de loitar que as mozas de agora"
Malia que é autora de libros como Invisibles. Relatos do maltrato ou Matriarcas. Mulleres en pé de vida, a xornalista e escritora Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973) asegura que aínda está "opositando" á feminista. "Quero selo pero hai que traballalo. E quero selo por obriga, por como están as cousas -afirma-. Vémolo cada día nas cifras de feminicidios, na brecha salarial e na resposta que os gobernantes dan a esta inxustiza, sobre todo o partido político que está no Goberno, A frase demoledora do presidente, no nos metamos en eso (respecto a una posible ley que obligue a las empresas privadas a la equiparación salarial), é moi definitoria de que non lles importa nada que sexamos a metade da poboación e esteamos nunha posición claramente marxinal". 

Fajardo defende que "agora máis que nunca temos que estar na loita porque teño a sensación de que a xeración anterior era máis consciente da necesidade desa loita que as mozas de agora mesmo. As mulleres que viviron a transición eran máis conscientes de que estabamos nun escalón por debaixo e tiñamos que facer moito máis esforzo para conseguir o que a eles lles custaba menos". 

A escritora tamén amosa a súa preocupación por «esa perversión que queren facer das cousas» e pon como exemplo o movemento #Metoo. "Empezan a dicir que nos cabreamos por un piropo e as feministas pasamos de ser unhas fáciles que nos acostabamos con todo o mundo a unhas estreitas. A nós o que nos molesta é que a sociedade patriarcal nos intenta converter en obxectos, pero intentan manipular". 

Á hora de atopar solucións, Montse Fajardo recoñece a complexidade, mais ten claro que nesa loita deben participar os homes. "Non poden ver o feminismo como unha afronta, teñen que velo como algo de xustiza e apoialo", subliña. 

Así mesmo, Fajardo salienta que ás veces as mulleres teñen que loitar contra si mesmas. "Temos que loitar contra a nosa propia visión porque a nós déusenos desde sempre o rol de facerse cargo da casa, dos fillos... Iso fai que, por exemplo, as mulleres que traballan fóra da casa teñan cargo de conciencia por non estar cos fillos se están enfermos, algo que a eles non lles pasa -explica-. Ás veces permitimos eses pequenos micromachismos e non debemos. Un amigo di que hai que converter o carro da compra en carro de combate e eu intento facelo". 

Neste senso, Fajardo lembra unha anécdota que lle sucedeu cando acompañou a un amigo a comprar un xersei. "O vendedor non se dirixía a min para nada, pero no momento de empaquetalo miroume e dixo: Non llo lave a máis de 30. Eu monteille un cristo. Ás veces é difícil, pero hai que cambiar as pequenas cousas para poder cambiar as grandes. Todos, un a un, podemos ir facendo cousas: criar aos nenos en igualdade, etc. Despois é importantísimo non permitir que as autoridades estean mexando por nós". 

Asemade, denuncia como, constantemente, "se xulga a sexualidade dunha muller e o seu aspecto» e lembra o caso da manada, no que se "criminalizou" á muller sendo vítima, ou como foi noticia o flequillo de Anna Gabriel. "Ela porque non lles gusta o look, Inés Arrimadas porque lles gusta... Estamos sempre sendo xulgadas de xeito diferente a eles", lamenta. 

A Montse Fajardo sóbranlle os motivos para defender a folga do 8 de marzo e que esta data se siga a conmemorar. "Dáme rabia que haxa administracións que só lembren esta loita agora, pero bendito sexa que, polo menos, a lembren este mes ou en novembro. Mentres non haxa esa inercia de decatarse de que a loita ten que ser todo o ano, o 8 de marzo é necesario porque é unha oportunidade para que os medios falen da brecha salarial, do feminicidio, de como a crise foi distinta para nós...".

Sés, cantautora: "É urxente considerar que o tema da muller nos atinxe a todos e a todas"
Feminista declarada, a cantautora María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1983), non é optimista respecto á realidade actual das mulleres. "Houbo un retroceso claro na cuestión da igualdade de xénero motivado polas novas lexislacións. Os recortes levan a muller outra vez ao posto de asistenta para todo gratuíta", denuncia. Darlle a volta a isto é, na súa opinión, "moi complicado",  pero "precísase urxentemente un cambio de goberno, que a dereita saia do goberno. Con iso -precisa- xa sería un gran paso porque toda a lexislación da dereita está influíndo negativamente tanto nos nosos dereitos como na construción da educación que está creando a sociedade futura".

Respecto á folga do 8 de marzo, a cantante, que tamén é filóloga e antropóloga, ten claro que debe estar dirixida "a todos os seres humanos". "Eu chamo a todas as persoas a participar. Creo que calquera tipo de discriminación é cousa de todos: a discriminación racial é cousa miña igual que dun negro, a discriminación confesional tamén, a discriminación por discapacidade tamén e non son parapléxica... A loita ten que ser inclusiva. Eu teño que loitar pola fin de calquera discriminación sexa eu representante dese colectivo oprimido ou non. Existe a necesidade urxente de que se considere que o tema da muller nos atinxe a todos e a todas porque é a loita máis esquecida de todas. Dáselle moitísima máis credibilidade, por exemplo, a loita contra a desigualdade racial".

Malia que no último ano iniciativas como o movemento #MeToo contribuíron a unha maior visibilización da discriminación que sofren as mulleres, Sés segue amosándose pesimista: "É fume. As cousas van quedar como están. Iso non leva consigo ningún tipo de medida de cambio a ningún nivel. No mundo en xeral, desde as políticas de Trump ás de Rajoy que, ao fin e ao cabo, son moi similares, están pasando cousas a todos os niveis de desigualdade que hai 15 anos nos parecían imposíbeis de aturar e a día de hoxe estámolas tragando como verdadeiros imbéciles. Incluso eu vexo certo ton un pouco burlesco nos medios hexemónicos".

En canto á celebración de datas como o 8M ou o 25N, a autora de Opoñerse á extinción sinala que lle provocan "posturas encontradas porque case nos levan a considerar que temos os problemas dous días ao ano e isto non é así. Non só non é así, senón que hai un retroceso perigosísimo. Estamos asistindo á normalización de certos discursos outra vez. Toda esa apoloxía da ama de casa que se fai desde as películas, as series e os contidos televisivos en xeral estase agudizando dunha década a esta parte".