A CRTVG afasta "preventivamente" o director denunciado por acoso das producións para a compañía pública

A Asociación de Mujeres Cineastas foi o último colectivo en mostrar o seu apoio á actriz Iria Pinheiro, que denunciou a José Luis Viñas Orta por acoso sexual

Iria Pinheiro. ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA
photo_camera Iria Pinheiro. ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA

A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) anunciou a decisión de afastar "cautelarmente" ao produtor José Luis Viñas Orta de calquera produción relacionada coa compañía pública tras a denuncia interposta pola actriz Iria Pinheiro por acoso sexual. 

Nun comunicado, a corporación expón que, "preventivamente" Viñas Orta "non traballará en ningunha produción relacionada coa CRTVG mentres non se aclaren os feitos denunciados".

Con todo, matiza que o produtor non é traballador da compañía pública nin mantén actividade "en ningunha produtora" que lle preste servizo á televisión autonómica na actualidade. É dicir, que "non existe relación contractual algunha" co denunciado. 

A CRTVG explica ademais que está a solicitar "a información exhaustiva dos feitos por parte de Ficción Produciones" e manifesta que entende "a sensibilidade sobre esta cuestión", pero puntualiza que "debe tamén respectar a legal presunción de inocencia e agardar o curso da Xustiza". 

Pinheiro presentou o pasado día 9 de marzo unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela contra o director do programa Con amor e compañía, un programa de Ficción Producciones que se emitiu pola TVG o ano pasado. Na denuncia, a actriz describe tocamentos, insinuacións e humillacións durante os tres meses que traballou en dita produción.

MOSTRAS DE APOIO. Tras coñecerse o caso, diferentes asociacións de profesionais do teatro, o cinema e o xornalismo mostraron o seu apoio á actriz. A última foi a Asociación de Mujeres Cineastas (CIMA), que pediu "medidas concretas" que permitan loitar contra o acoso.

A denuncia de Pinheiro, informa CIMA, "describe unha situación de fustrigación continua" que poderían chegar a mostrar unha situación de gravidade extrema, á que se sumaría a lamentable incapacidade do sector para facer fronte a situacións que implican acoso ou abusos sexuais.

Por iso, as mulleres cineastas españolas non só se solidarizan con ela, senón que "se suman á denuncia dos abusos na profesión por parte de persoas con cargos de poder que sofren moitas profesionais e dunha maneira especial as actrices".

"Colocándonos sempre na defensa da presunción de inocencia que se debe preservar para todas as persoas nun estado de dereito como é España, cremos que si é o tempo para chamar á creación de medidas que impidan situacións como a que presuntamente ocasionou esta denuncia", sinala CIMA nunha nota.

Por iso, suxiren a adopción dunha serie de protocolos de "prevención do acoso sexual", coa incorporación de profesionais especializados neste tipo de agresións, como primeira e máis urxente medida. A nota conclúe que "a cultura en xeral e o sector audiovisual en particular deben liderar o mandato de defensa social dos dereitos das mulleres que tan claramente escoitáronse o 8 de marzo nas rúas".

"SITUACIÓN DENIGRANTE E NOXENTA". Tamén amosou "o seu total apoio" a Iria Pinheiro a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que tilda de "deplorables e completamente intolerables" os feitos denunciados pola intérprete.

A AAAG cualifica a situación denunciada por Pinheiro como "denigrante e noxenta, completamente incompatible cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas pola que apostamos e que defendemos dende a Asociación". O comunicado destaca, ademais, que desde o colectivo, "procuran a erradicación tanto deste tipo de condutas de asoballamento machista, abusos de poder e acoso laboral coma o silencio e a invisibilización".

Comentarios