Facebook alerta dun fallo que activa a cámara do iPhone sen permiso

Varios internautas compartiron en Twitter capturas de pantalla que mostraban o que lles estaba ocorrendo
Aplicación de Facebook nun iphone. PIXABAY
photo_camera Aplicación de Facebook nun iphone. PIXABAY

A rede social Facebook alertou este mércores dun fallo que afecta á versión máis actualizada do sistema operativo para teléfonos iPhone e que fai que a cámara se active automaticamente sen que o usuario o autorice cando este navega a través da aplicación móbil.

Nunha retahíla de mensaxes na súa conta de Twitter, o vicepresidente para Integridade de Facebook, Guy Rosen, confirmou a existencia do fallo informático ("bug", como se coñece en inglés), que varios usuarios denunciaran horas antes.

"Mentres resolviamos un problema a semana pasada, por erro introducimos un fallo de programación que fai que a aplicación (de Facebook) navegue parcialmente á pantalla da cámara cando se pulsa sobre unha fotografía", indicou Rosen.

Desde a rede social aseguraron que polo momento non teñen constancia de que por culpa deste fallo se colgaron na plataforma fotografas ou vídeos sen a autorización dos usuarios e aseguraron que as imaxes que mostraba a cámara en ningún momento foron gardadas pola aplicación ou subidas ao servidor.

Rosen tamén indicou que xa enviaron á App Store de Apple unha actualización que soluciona o fallo e que están a esperar a que esta sexa aprobada, algo que confían que ocorra nas próximas horas.

O fallo afecta a algúns usuarios de sistemas operativos iOS do iPhone, pero non aos de Android.

Varios internautas compartiron en Twitter capturas de pantalla que mostraban o que lles estaba ocorrendo, nas que se pode observar como mentres navegan en Facebook, sen que eles o soliciten a pantalla pasa a mostrar imaxes captadas pola cámara do sitio no que se atopan. 

"Cando a aplicación (de Facebook) está aberta, esta usa a cámara de forma activa. Achei que un fallo de programación na aplicación é o que fai que vexas a cámara activa detrás do teu fío de contidos. Fixádevos que a cámara mostraba a alfombra", indicou o usuario de Twitter Joshua Maddux, un dos primeiros en denuncialo.

Comentarios