viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Montse Fajardo: "Foi moi duro emocionalmente escribir este libro porque vin que as estaba facendo sufrir"

Detalle del libro 'Invisibles', de Montse Fajardo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Detalle del libro 'Invisibles', de Montse Fajardo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Sete nomes de muller. Sete historias —de supervivencia ou non— engarzadas co fío da violencia machista. A escritora e xornalista Montse Fajardo presenta o seu libro ‘Invisibles’, co que procura a reflexión sobre o maltrato

EVA, MARILUZ, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son sete mulleres vítimas da violencia machista. As súas historias describen ó longo de máis de 200 páxinas a realidade da lacra do maltrato contada a pequenas sacudidas, como flashes, as duras lembranzas do que un día viviron.

Como naceu Invisibles?
Foi por casualidade. Estaba falando no Facebook do meu libro anterior sobre a represión sufrida polas mulleres no franquismo e unha amiga animoume a recoller testemuños de mulleres que sufren a violencia machista. Comentei diante de xente do Concello que ía escribir sobre este tema e á semana seguinte Carme Fouces animoume a poñelo en marcha para este mes de novembro. E en nove meses saíu do prelo. Entendo o xornalismo e a escrita como unha implicación na sociedade e paréceme moi importante poñer o foco sobre a violencia machista.

De que maneira pensaron este libro?
Fixemos equipo a concelleira  Carme Fouces, a psicóloga do CIM, Rosa Campos, e máis eu. Expliquei que quería abordar as distintas tipoloxías de maltrato. Desde o máis evidente, o da agresión física e a morte, ó psicolóxico, o máis difícil de detectar... Tamén nos interesaba moitísimo entender ás mulleres que denunciaban, ás que tardan en denunciar e ás que nunca denuncian. Para non xulgalas. Parecíanos preciso avanzar niso e tamén poñer o foco nas criaturas, na descendencia das mulleres maltratadas, que sofren ese maltrato ben na súa pel, ben como testemuños do maltrato á súa nai. O libro vai reflectindo como estala todo na familia, como marca ós fillos e ós netos. Porque calquera pode ser vítima, a culpa é do que maltrata. E finalmente intentamos poñer o foco neles, nos que maltratan.

Non sería doado abordar as situacións de maltrato coas vítimas.
Entre as sete historias, hai un relato dunha muller que perde o seu fillo asasinado polo seu pai. Sempre conto que chamei a Marga para preguntarlle se querería participar no libro. O primeiro contacto foi un domingo pola mañá, só foron quince minutos de conversa telefónica e pola tarde estiven toda a tarde tirada no sofá. Deixoume en shock. Dubidei se sería capaz de escribir o libro, porque non son capaz de poñer distancia. Involúcrome, emociónome. E para elas, imaxínate. Unha das protagonistas, Irene no libro, a medida que avanzaba na conversa empezou a ter unha reacción na pel. Estaba revivindo o que sufría no momento que convivía co seu maltratador e ti estás vendo esas reaccións nelas. 

Invisibles está contado a través de pequenos capítulos, coma se fosen flashes dunha mesma historia.
Si. É como elas contan as cousas. Non son capaces de empezar e seguir. Volven atrás, teñen que parar, sofren... Algunha case se bota atrás cando viu a súa historia escrita. Pasárono mal cando o leron. Din que non é o mesmo velo sobre o papel e tivemos que deixar cousas fóra porque non se sentían cómodas. Foi moi duro emocionalmente porque vin que as estaba facendo sufrir. Fíxenas reler iso. Revivilo. 

E que as animou a contalo?
Todas coinciden en que neste deserto do maltrato te sentes moi soa e pensar que lle pode servir a outras persoas que pasaron ou pasan polo que elas pasaron foi determinante. Fixérono todas pensando en ser un apoio para outras, para que vexan que dos malos tratos se sae. Para dicirlles "Nós cremos en ti e pasamos por isto coma ti". E logo tamén criticamos certas actuacións de xente que non estivo á altura das circunstancias nos distintos organismos e institucións. Coido que non estamos realmente como sociedade para apoialas cando denuncian. Convertémolas en culpables e culpámolas a elas. No libro somos moi duros. Haberá xente que se sinta incómoda léndoo, pero tiñamos que recoller as críticas e é certo, non saímos moi ben parados como sociedade. 

É posible enviar unha mensaxe positiva logo de mergullarse nas historias reais destas sete mulleres?
Hai unha cousa moi importante que di Rosa Campos no epílogo. "O tempo xoga ó teu favor". Unha vez que decides afastarte do maltratador pódese seguir adiante. A pesar de todo, hai que enviar esa mensaxe positiva de que si se pode.
 

Montse Fajardo: "Foi moi duro emocionalmente escribir este libro...
Comentarios