lunes. 03.08.2020 |
El tiempo
lunes. 03.08.2020
El tiempo

Sete concellos únense ao programa 'Apego'

Acto celebrado este vernes en Nigrán
Acto celebrado este vernes en Nigrán
Poden integrarse na rede as familias que están a esperar un bebé ou que teñen un fillo de 0 a 6 anos

As localidades pontevedresas de Nigrán, Ponteareas e Vilagarcía, os municipios coruñeses de Cee e Sada, a cidade de Lugo e o concello ourensán do Carballiño, adheríronse ao programa Apego, cuxo obxectivo é fomentar e mellorar a transmisión e o uso do galego nas novas xeracións desde os primeiros anos de vida.

O acto de firma deste protocolo de colaboración celebrouse na mañá deste venres en Nigrán, co que este sete localidades pasan a unirse ás outras 23 xa incorporadas a este programa. Con iso, xa forman parte de Apego o sete grandes cidades galegas e "as principais áreas urbanas" de Galicia.

Segundo comunicou a Europa Press a coordinadora do proxecto e técnico de normalización lingüística do concello de Ames, Rosa Moreiras, o obxectivo deste programa é "promover e arroupar a crianza en galego", polo que poden integrarse as familias que están a esperar un bebé ou que teñen un fillo de 0 a 6 anos.

Por medio de Apego, créase unha rede de contacto fluído entre as familias e os concellos e entre os propios nenos; organízanse actividades para familias, profesores e nenos; e ponse a disposición das familias diferentes recursos físicos e virtuais. Actualmente hai unhas 2.000 familias adheridas ao programa, e "moitas máis" participan nas actividades organizadas.

As familias interesadas poden solicitar unirse gratuitamente no servizo de normalización do seu concello ou a través da páxina web www.apego.gal, tras o que se lles explica o programa e o seu funcionamento. Ademais, entréganlles un disco con cancións en galego e unha caixa de benvida cun medidor, unha manta-mordedor, un libro sobre o programa e un álbum, entre outras cousas.

Pola súa banda, para que os concellos poidan formar parte desta rede, é "imprescindible" que teñan un servizo de normalización lingüística con persoal técnico especializado; así como "vontade" de intervir.

Moreiras indicou que non importa o tamaño das localidades porque "se buscou unha fórmula para que puidesen participar todas".

"VALORACIÓN MOI POSITIVA". Apego naceu en 2015 da man de 12 concellos galegos, ante a "preocupante" perda do galego nas novas xeracións e a demanda das familias para educar neste idioma.

Así, co obxectivo de "incentivar e favorecer o uso do galego na infancia", realízanse actividades formativas e de dinamización e ofrécense recursos ás familias.

Durante o acto, Moreiras destacou que, despois de dous anos de vida, pódese facer "unha valoración moi positiva" do programa "pola acollida e as familias implicadas e os recursos creados". "E unha achega que se fai para o futuro, a lingua dalles aos nenos memoria de quen son e identifícaos", subliñou.

O alcalde de Nigrán, Juan González, considerou que, coa adhesión a Apego, o Concello está "a dar pasos importantes para que o galego siga estando presente". E neste mesmo sentido, destacou que responde o "compromiso político" e a aposta que fai o Goberno nigranés polo fomento do galego.

Sete concellos únense ao programa 'Apego'
Comentarios