Denuncian ao dono dunha pitbull por atacar a outro cánido no Casco Vello de Vigo

A cadela ía sen correa e boceira ► Carecía de licenza municipal e de seguro

Axentes da Policía Local de Vigo denunciaron ao dono dunha cadela de raza catalogada como potencialmente perigosa que ía polo centro da cidade solta e sen boceira, e que atacou a un can de raza mestiza na terraza dun establecemento hostaleiro do Casco Vello da cidade. 

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron sobre as 22.30 horas deste martes na Rúa Real. O requirente manifestou que se atopaba na terraza co seu can, suxeito pola correa, cando unha cadela que estaba solta atacou ao seu animal.

Instantes despois, apareceu o propietario da cadela, que conseguiu separar aos canes. 
Os axentes contactaron co propietario da cadela atacante, de raza American Pitbull, quen carece da licenza municipal nin do seguro de responsabilidade civil necesario e recoñeceu que a sacou a pasear "sen boceira nin correa" e "de súpeto" a cadela entrou nun local e atacou a outra mascota. 

Como consecuencia destes feitos, os axentes formularon contra esta persoa unha proposta de sanción por unha infracción á Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. 

Doutra banda, pasadas as 21.00 horas do martes a Policía Local denunciou a outro propietario dun can, de raza boxer, que se extraviou e foi localizado nas instalacións deportivas do Coruxo FC, en Fragoselo.