Detidos o presunto autor do crime do pantano de Susqueda e o seu fillo

As víctimas eran dous mozos de 23 e 21 anos ► O arrestado fora condenado en 1999 polo asasinato da súa muller

Operativo en el pantano de Susqueda el pasado mes de agosto. EFE
photo_camera Operativo en el pantano de Susqueda el pasado mes de agosto. EFE

Os Mossos d'Esquadra detiveron este luns ao presunto autor do dobre homicidio do pantano de Susqueda (Xirona), ocorrido o pasado mes de agosto, un home de 60 anos que xa foi condenado a quince anos de cárcere por matar á súa esposa en 1997. Tamén foi detido un fillo seu en relación co caso.

Segundo informaron a Efe fontes da investigación, o detido é Jordi. M.G., veciño de Anglès (Xirona), que foi arrestado esta mañá e que xa se atopa na comisaría dos Mossos en Santa Coloma de Farners (Xirona), á espera de pasar a disposición xudicial.

O detido non tiña, segundo os primeiros indicios, ningunha vinculación directa coas dúas vítimas do crime, Marc H. L., de 23 anos e veciño de Arenys de Munt (Barcelona), e Paula M. P., de 21 anos e veciña de Cabrils (Barcelona), que acamparan xunto ao pantano de Susqueda en agosto do pasado ano, onde foron asasinados a tiros.

Os Mossos d'Esquadra puideron dar co sospeitoso deste dobre asasinato, un dos principais crimes que estaban aínda sen resolver do pasado ano, tras corroborar a partir de distintos indicios de que se atopaba no pantano o día do crime e noutras ocasións, xa que frecuentaba a zona.

O detido, que ten dous fillos maiores de idade, foi condenado en 1999 a quince anos de cárcere pola Audiencia de Xirona por matar dous anos antes á súa esposa, na súa casa de Anglès.

Un deles foi detido tamén este luns na localidade xerundense de Salt. Segundo fontes próximas á investigación, esta segunda detención relacionada co dobre crime do pantano de Susqueda é a do fillo de Jordi M.G., sen que polo momento se revelase a súa vinculación co caso.

Na sentenza pola que foi condenado o pai, na que se aplicou ao acusado a atenuante de trastorno mental, o agora detido en relación co dobre crime de Susqueda foi condenado por matar á súa esposa cando regresaba dun curso en Xirona.

O home esperaba á súa esposa no interior dun vehículo aparcado na rúa Riu Ter e, cando a muller chegou á súa altura, disparoulle tres veces e, posteriormente, cando a vítima xa estaba no chan, fixo un cuarto disparo para rematala.

ASÍ FOI O CRIME. O dobre crime de Susqueda ocorreu en agosto pasado, cando os dous mozos, que estaban de vacacións, tiñan previsto visitar Tamariu, en Palafrugell (Xirona) e o Montseny e facer unha excursión nun kaiak, propiedade do mozo, polo pantano de Susqueda, no río Ter.

Os dous mozos foron dados por desaparecidos o 24 de agosto pasado, aínda que os cadáveres non foron localizados ata o 26 de setembro, un flotando na auga e outro sobre unha parede lateral do pantano, do río Ter.

O kaiak inflable do mozo co que, ao parecer, pretendían facer unha excursión polo pantano, apareceu tamén na auga, nunha zona próxima á que se atopou o seu coche afundido, o chamado coll Palomera.

Os Mossos d'Esquadra, que mantiveron varias liñas abertas antes de dar co suposto autor do crime, tratan agora de descubrir por que o home asasinou aos dous mozos, que foron captados por unha cámara de seguridade dunha entidade bancaria poucas horas antes do crime.

Ademais, os axentes tamén tratan de determinar se o home actuou só ou con axuda de alguén, á vez que seguen buscando a arma de lume coa que supostamente o detido matou a tiros aos dous mozos.