Dous detidos no Porriño por vender droga na súa cafetería, xunto a dous colexios

A Policía incautou de 14 bolsas de cocaína e dúas bolsas de marihuana, además duns 1.250 euros en metálico

A Policía Nacional detivo dous homes de 24 e 36 anos de idade acusados de vender drogas na cafetaría que ambos rexentaban e que está situada no polígono de Torneiros, no Porriño, xunto a dous centros educativos e unha zona comercial.

A operación policial partiu de informacións cruzadas doutras investigacións levadas a cabo desde a comisaría de Vigo-Redondela, ratificadas por chamadas anónimas de veciños e por datos achegados pola Policía Local do Porriño.

Durante os labores de vixilancia presencial, a Policía Nacional comprobou a problemática xerada pola venda e o consumo na zona de estupefacientes, a plena luz do día, nunha zona próxima a centros comerciais e de lecer, a unha escola infantil, o CEIP da Ribeira, e ao Instituto Ribeira do Louro.

Na fase de investigación e vixilancia foi detido un cliente o pasado 9 de xaneiro, ao que se lle incautaron dez bolsas de marihuana, dúas landras de haxix e unha cantidade de diñeiro en metálico próxima aos 1.000 euros.

A partir de aí a Policía requisou a outros clientes diversas cantidades de haxix e cocaína, tanto na zona do Porriño como en municipios próximos.

Nos rexistros practicados na cafetaría e nos domicilios dos detidos, que son familiares, a Policía incautouse de 14 bolsas de cocaína e dúas bolsas de marihuana, así como uns 1.250 euros en metálico.

No rexistro realizado na cafetaría, no momento da entrada, algún cliente estaba a consumir sustancias estupefacientes, polo que se levantaron as correspondentes actas de proposta de sanción, tanto por consumo como por permitir este dentro do local.