Falece un condutor vigués ao precipitarse por un desnivel de 15 metros en Padrón

O persoal sanitario non puido facer nada ao chegar ao punto no que se produciu o accidente, na AP-9

O lugar por onde se precipitou un vehículo na AP-9, en Padrón. BOMBEIROS DE BOIRO
photo_camera O lugar por onde se precipitou un vehículo na AP-9, en Padrón. BOMBEIROS DE BOIRO

Un veciño de Vigo morreu este mércores pola tarde despois de que o coche que conducía pola AP-9 caera por un desnivel de quince metros ao seu paso por Padrón, en sentido sur. A vítima quedou atrapada dentro do turismo, polo que foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración.

Para liberar á persoa falecida, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a presenza dos bombeiros de Boiro e dos membros do Ges de Padrón. Os sanitarios do 061 Urxencias Sanitarias só puideron confirmar o falecemento do condutor cando chegaron ao punto.

No operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal da autoestrada. Un vehículo que pasou pola zona foi o erncargado de avisar ao 112 Galicia.

MOTORISTA GRAVE EN MESÍA. Por outra banda, un motorista resultou ferido grave este mércores pola tarde nun accidente en Mesía despois de colidir cun turismo.

Un dos implicados no accidente avisou ao 112 e indicou que o motorista estaba tendido na vía con importantes lesións. Profesionais sanitarios do 061 Urxencias Sanitarias e membros do Ges de Curtis participaron no operativo. O home foi evacuado nunha ambulancia a un centro sanitario.