Un traballador perdeu a vida este martes despois de caerlle unha póla dunha árbore enriba en Brión, segundo informa o 112. O suceso ocorreu na estrada que une Urdilde e Negreira, nas proximidades da igrexa de Luaña.
Un particular deu o aviso ao 112 ao fío das 10:55. Debido á gravidade da situación, foi mobilizado o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago. Tamén se solicitou intervención da Garda Civil, da Policía Local, de Protección Civil e do GES de Brión.
Malia os esforzos por salvarlle a vida ao traballador, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o seu falecemento.