Un mariñeiro, evacuado en alta mar ao norte da Coruña

Golpeou o peito cun aparello

Un mariñeiro tivo que ser evacuado na tarde deste martes cando navegaban en alta mar debido a un golpe recibido no peito co aparello.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 15:30 horas nun barco, de nome Albamar e nacionalidade española, que traballaba a varias millas ao norte da Coruña.

Para atender o ferido, foi necesaria a súa evacuación nun helicóptero de Salvamento Marítimo, que levou ao home ata o aeroporto da Coruña, onde esperaba unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias. A partir de aí, o home foi trasladado ao complexo hospitalario da cidade para ser atendido das lesións provocadas polo golpe.