Blog |

A 'Commedia' segue aquí

O enredo é o xénero da contemporaneidade. Nin o posdrama, nin a perfomance, nin o que quedase da traxedia agónica ou o que reste das comedias elegantes entre a simpleza do humor televisivo. O enredo é o xénero da actualidade. Se é para ben, acaba en comedia. Se é para mal, acaba en drama. Se hai másters polo medio, acaba en esperpento

.
photo_camera .

ENREDAR É unha actividade contemporánea, pero non é de agora. A diferenza entre o presente e o tempo en que Carlo Goldoni escribía é que agora hai moitas máis ferramentas para o enredo, moitas máis posibilidades argumentais e, sobre todo, moito menos tempo de pararse a pensar. Pararse a pensar está superado pola velocidade con que os dedos teclean en Twitter. Para Goldoni un enredo era un xogo amable e desafiante no que, coa aparencia do azar, as cousas saían ao revés. Ao revés de todo. As liñas da vida dos seus personaxes van sempre en dirección contraria ao aconsellable para unha vida tranquila. Semella azar, pero xa sabemos que lle dicimos azar a aquilo do que descoñecemos as causas. Hai causas no que lles sucede aos personaxes do escritor: algunhas delas son os propios personaxes, mentirosamente simpáticos, obsesivos, vagos, presuntuosos. Todos estes defectos de comportamento son tranquilizadoramente amables. Poden ser agarrados e ruíns, pero no fondo son xente sen malicia. Velaí o asunto: a comedia é un drama desprovisto de maldade.

A comedia é un xogo. Aprender sen dor. Esa era idea de Commedia hai 25 anos e esa é a idea hoxe. A idea era facer "un xoguete para Goldoni" e a pesar dos anos, ao xoguete segue funcionándolle o mecanismo. Hai 25 anos había unha motivación cara a un teatro menos transcendente, máis áxil, máis físico, que recuperaba as vellas artes dos cómicos. Agora podería valer para demostrar que o que foi unha descuberta e unha saída para un teatro con dificultades de mobilidade, segue mantendo a frescura. O nome da compañía de entón, Ollomol Tranvía, cambiou, pero o elenco é case o mesmo.

Hai dúas décadas e media o teatro galego era moi diferente ao de agora. Tiña un futuro imperfecto, pero polas esquinas dalgunhas demostracións excesivas de teatro vello asomaban os argumentos e as maneiras que chegan ata hoxe. Daquela dicíase que era a mocidade, pero hoxe teriamos que encontrarlle outro nome. Porque non era só unha cuestión de idade.

Hai 25 anos o teatro galego viña de superar unha das súas periódicas peneiras. Naquela altura era unha concentración parcelaria para que a atomización excesiva de compañías non impedise ao conxunto asumir espectáculos ambiciosos. O termo ambicioso naquel tempo engadíalle dimensión artística á cuestión do tamaño. O teatro galego refuxiárase nos elencos pequenos e o ditame aseguraba que así non había xeito de que os espectadores fosen ao teatro. As axudas ás artes escénicas orientáronse entón á fusión de compañías e que as compañías aumentasen de tamaño. Agora dise músculo. Que tivesen máis músculo artístico, máis capacidade económica, aínda que os ingresos viñesen en grande medida sempre do mesmo lado. Ollomol Tranvía viña desa suma.

Viñan da suma de compañías complementarias e querían marcar distancia co teatro que se facía naquela altura. A intención era, no ano 1993, demostrar que ao teatro se podía ir a divertirse e que na tradición teatral había ferramentas suficientes como para seducir un espectador galego polos ollos e polo oído. Ferramentas que non tiñan idade, pero cuxo funcionamento estaba demostrado. Ao dicir ir "ao teatro a divertirse" habería que incluír tamén os intérpretes. É certo que ata ese momento o teatro galego non parecía preparado para algúns retos da axilidade. Pola suma de todas esas cousas, Commedia foi unha revelación. E un alivio.

E agora estamos 25 anos máis acó e dicía Ernesto Guevara que cos anos as cousas que se repiten, perden o ton dramático, porque a xente vai madurando. Vista a Historia de Galicia non é seguro que levase razón. Pero Commedia está aquí co mecanismo en perfecto estado de revista e demostrando, outra vez, que é difícil superar un enredo cariñoso.

Na recuperación case literal de Commedia queda a preocupación por preservar aquela revelación dos 90. A mesma intención de manter a frescura do xoguete para causar sorpresa. A pesar de que o espectador encontre elementos predicibles no enredo, a sorpresa ten que seguir funcionando. A esta Commedia a sorpresa funciónalle como lle segue funcionando a música. E mesmo ese mecanismo de que os actores se convirtan en personaxes, que fagan a súa comedia paralela, segue en vigor a pesar de que o teatro dentro do teatro recibiu abusos variados durante estes 25 anos.

As diferenzas entre aquel e este espectáculo quizais sexan máis do público que da montaxe. E nisto si que podería acertar o Che. Naquela altura non era habitual para os espectadores galegos que os elencos fixesen traballos variados a un tempo: actuar, cantar, tocar... todas esas cousas que agora parecen imprescindibles para un intérprete daquela eran algo así como a caixa dos xogos reunidos Geyper.

A comedia é unha cuestión de tempo. De facelo pasar rápido. A compañía mantén un pulso serio contra a velocidade. Por manter o control para non atrasarse un par de segundos e evitar que a maquinaria acabe sancionada polo radar. Máis polo primeiro que polo segundo. Como se houbese un certo medo a perder o
reprise da comedia.

A Commedia segue aquí. Incluso como actitude. O enredo segue vivo como ferramenta de facer rir a pesar de que a realidade destas case tres décadas non axudara aos espectadores a manterse inxenuos. Mentres os tempos pasan, os enredos seguen e hai que manter a axilidade e agudeza para que non queden do lado da traxedia.

Comentarios