Opinión

A creba da natureza

O Centro Cultural Marcos Valcarcel de Ourense acolle a mostra Hortus conclusus de Christian Villamide, unha achega á tensión existente entre o ser humano e a natureza, na que esta sae perdendo en primeira instancia, para ser logo nós, que suframos as consecuencias

Christian Villamide

A CAPACIDADE de análise formal da natureza de Christian Villamide non deixa de sorprender exposición tras exposición polas propostas visuais que acada coa súa nova configuración da realidade, das nosas xeografías convertidas en novas paisaxes que emerxen desa síntese meditada e precisa que ben, traballando no propio medio natural, ou levando ata a sala de exposicións os seus proxectos, artéllanse como un estudo da tensión que emerxe da propia natureza e do seu constante proceso de cambio, así como da complexa relación que mantén co ser humano.

A construción da paisaxe e a súa deconstrución sitúanse como os dous movementos telúricos que fan da obra de Christian Villamide unha reelaboración desa paisaxe como se fose un reactivo natural. Un choque de forzas no que, se a arte enfrontouse nun gran número de veces á paisaxe como escenario, o noso protagonista tenta agora mudar ese ámbito adentrándose nel e propoñendo unha nova interpretación.

Un estado natural de muda, de transformación permanente, no que o artista pousa a súa mirada para, dende a pintura, a escultura, a fotografía ou a instalación, propiciar unha paisaxe artística per se, na que a experiencia vivida no exterior reinterprétase baixo un novo soporte que modifica a forma mentres que no fondo segue movéndose nese espazo de liberdade creativa da propia natureza. Unha achega analítica que se desenvolve a través de diferentes series que esculcan por esa fenda que só o creador é quen de recoñecer como o punto de ignición dunha nova proposta. Dende aí xérase o novo relato, o do artista que se pregunta, alguén que precisa de respostas que só a materialización dunha nova realidade, convertida en pezas, pódelle ofrecer.

Os materiais reciclados do propio medio natural  ou os que se empregan dende a pura creación artística, constitúense como os enunciados da nova proposta

A mostra, aberta ata o seis de maio, presenta diferentes series nas que se estuda esa tensión entre o hábitat e o quefacer insensíbel do ser humano. Hábitat restituído, Paisaxes cautivas, Ilustración, Topografías ou Proxectos para restituír montañas móvense entre ese diálogo da sustitución ou da cohesión de formas e situacións, adaptadas a diferentes materiais para sintetizar o novo perfil da natureza, un novo horizonte que se modifica dende a integración de elementos que simbolizan o coñecemento, a industrialización, e os efectos que baixo a man do home sofre esa natureza que aquí preséntase contida entre paredes, nunha sorte de domesticación que plantexa unha nova poética, a da condensación de materiais e significados. Fragmentos que se constitúen coma un todo cheo de evocacións para alentar os nosos sentidos, as veces confundidos no medio natural, pero que aquí, nunha sala de exposicións, acada novas significacións e posibilidades.

Estamos ante a arte como resposta, pero tamén como pegada para o resto de nós que asistimos a unha contemplación dunha nova paisaxe, ora modificada e presentada de xeito exenta, ora contra a parede. Os materiais reciclados do propio medio natural  ou os que se empregan dende a pura creación artística, constitúense como os enunciados da nova proposta que nos converte en parte desa poética da creba onde a percepción dislócase e sedúcenos xa, convertida en experiencia artística, pola súa condensación e capacidade para provocar emocións e reflexións.

Non é a mirada de Christian Villamide unha mirada contemplativa, é unha mirada de acción, de intervención na realidade cara a composición dunha nova percepción daquilo que nos rodea.

Nesa procura móvese o noso protagonista tamén para que sexamos quen de solidarizarnos con esa contorna tantas veces desprezada dende o noso comportamento de sociedade presuntamente avanzada.

Comentarios