jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

A dolce paranza

FOTO: Alba Díaz
FOTO: Alba Díaz

"Habrán oído muchas cosas de Nápoli pero no hagan caso: todo mentira". Permítome poñelo en dúbida en silencio lembrando a novela que lin no avión hai unhas horas. Conservo o recordo aínda fresco das páxinas de La banda de los niños (Anagrama), a última novela de Roberto Saviano.

SALVATORE guía con pericia de cirurxián do empedrado de pavés o pequeno Ford entre o tráfico dominical, ao tempo que atende con desenvoltura o móbil. Abrocha o cinto de seguridade por tras das costas para apagar a alarma, pero non o usa. "Por ciudad no hace falta". Deixamos ao norte do aeroporto Scampia, o epicentro da Camorra: catro mil asasinatos en trinta anos a unha media dun morto cada tres días e o lugar con máis tráfico de drogas de todo o planeta.


A condución obedece a unha sorte de palimpsesto, que se manifesta no aparente caos do tráfico. Tamén aquí se envurullan dous códigos onde prevalece sobre o viario, case invísibel coma as vellas escritas, o propio código napolitano de circulación: se iniciei unha manobra antes ca ti, teño preferencia; sempre sobra tempo para frear; a dirección prohibida é só orientativa; se tes présa, podes adiantar o coche de diante de ti no semáforo; o mellor xeito de facerse sitio entre os ciclomotores e conducir de fronte cara eles acelerando lixeiramente.... Cruzar en coche a capital da Campania —e seica tamén da Camorra— na mañá dun domingo no asento do copiloto dun napolitano é unha experiencia vigorosa. Sentes ese medo que te une máis á realidade porque lembras que estás vivo. Deixamos atrás Ponti Rossi —outro escenarios da novela— e atravesamos o empedrado de Via Foria en dirección ao Centro Storico, o barrio onde nos hospedamos.

Deixar a vía principal e internarnos por un dos seus canellóns é coma ingresar nun debuxo labiríntico de Escher. Salvatore detén o vehículo no medio da rúa por unha moto mal aparcada; dous rapaces casualmente situados nunha das moitas esquinas do barrio retírana xentís. Á esquerda, os vellos len no interior dun café a última hora do Napoles-Juventus de hoxe; á dereita, namentres Salvatore lembra o día que Maradona rexeitou a oferta da Juve de Agnelli, a faciana dunha anciá asoma polo recanto do peitoril dunha fiestra. Ao carón, un altar improvisado con velas a San Gennaro. Nápoles está ateigado deles en cada esquina, en cada comedor da casa: ofrendas a santos e a virxes, tributos a membros de bandas caídos en combate que inclúen foto do finado. Pero tamén a conciencia dunha idea da xustiza: a escasos metros do noso apartamento, nunha esquina atrás dunhas motos, un altar cheo de velas e flores na honra do xuíz Falcone, figura emblemática na loita contra as mafias italianas, asasinado por Totò Riina, un dos capos máis famosos da Cosa Nostra.


Cen metros máis abaixo desembocamos a pé en Via dei Tribunalli —outra das prazas cobizadas polos bambini de Saviano—, onde as motos transitan coma moscardos entre os peóns. É un fervedoiro de trattorias, cafés, peixarías, ultramarinos e a Pizzaría Sorbillo; unha bomba colocada pola Camorra explotou hai mes e medio neste local, propiedade dun excarabineiro distinguido no seu día pola loita contra o crime. Nápoles é contraditorio; a poucos metros asistimos ao concerto improvisado dun veciño que, micro en man e dende o balcón da súa casa, agasalla os viandantes cun repertorio de tarantelas con fondo de karaoke. E máis aló, ingresamos na capela de Santa María, que alberga unha exposición fermosísima de Chagall. A súa pintura é vangarda e fauvismo, cores vívidas e intensas con alusións frecuentes á infancia. Transloce plenitude e felicidade, malia o duro contexto en que seu autor a concibiu.


A representación das fábulas. A fantasía e o soño en pugna coa dura realidade. Nápoles.


Percorremos as librarías de vello de Port’Alba cara Piazza Dante. A estampa é curiosa, e a Alba non para de ver fotografías: un enorme entroido infantil ten lugar baixo unha chuvia de confeti que, encirrada por unha lene airexa, baña os soldados do exército con pingas de cores. Irrealidade. Enviados polo goberno a Nápoles, vixían a praza portando enormes metralletas. Non se reduciron os asasinatos pero xa asestaron importantes golpes ás bandas locais. A miña cabeza volve á novela namentres meu fillo pregunta se van disfrazados. Dígolle que non e admiro a enorme estatua de Dante que domina a praza. Tiroteos, palermas de hostias, persecucións en motos, torturas con soldadores e gasolina... Venme á cabeza o Círculo Sétimo. O Minotauro. Por un intre diviso o Flegetonte, o río de sangue onde ferven as almas dos violentos, entre o balbordo de ledicia das crianzas, nacendo ao xogo da máscara.

Perdémonos por Quarteri Spagnoli, unha tea de araña de rúas e canellóns estreitos e empinados cara o Monte San Martino. Edificios silenciosos, descascados e rúas aparentemente inermes. Murais e debuxos de Maradona adórnano todo. O San Gennaro dos pobres. Os tendais coa roupa a secar bícanse uns cos outros coma partes dun todo e as conversas teñen lugar a berros porque non hai nada que agochar. Non se timbra nos portais; iso é para a policía, para o correo. Os do barrio berran. Varias scooters conducidas por rapaces de dez e once anos atravesan a gran velocidade a rúa; van tres montados nunha. O casco está sobrevalorado. En algures entre estas paredes dun dos barrios modestos de Nápoles, Emanuele Sibillo, capo morto aos dezaoito anos, planeou conquistar o mundo. Outro ‘bambino’, máis pequeno aínda, foi asasinado por lle dar un me gusta á foto da noiva doutro capo no facebook. Coma tantos outros, vomitados dun cadro do infindo de Escher. Comemos pizza fritida —o mellor invento despois da roda— na rúa, onda a anciá Fernanda e divisamos a illa de Capri ao fondo, no mar. Anoitece. 


Quen é aquel tipo que xa cruzamos dúas veces? Gafas de sol, sombreiro, camisa con manga de volantes, bastón. Coma sacado dunha película de mafiosos do século pasado.

É real ou parte do entroido napolitano? Volvo sentir o perigo ben cerca e lembro aquelo de que o entroido non consiste tanto en poñer a máscara como quitar a cara. Decidimos explorar os arredores da cidade e viaxamos con Salvatore ao Vesubio. Di que o volcán é o dono de Nápoles. Novamente penso na novela e teño as miñas dúbidas. Baixamos a Pompei e admiramos un cumio da civilización, suspendido no tempo por obra e milagre da erupción do volcán. Na necrópole repousan case intactos os cadáveres petrificados dalgunhas vítimas: unha muller arrexuntada de brazos e pernas tapa a boca coas mans, un home boca abaixo descansa a cabeza sobre un dos brazos, outro tombado boca arriba leva as mans ao corazón... A dor e o desespero. O medo feito arte sen querer. Esgotamos as estradas que cobreguean entre Amalfi e Opositano. Cetara, cos seus pescadores bebendo no peirao. A paranza son os restos do peixe que queda nas caixas, peixe cativo sen valor. Fríteno enfariñado e tamén é o nome que lle dan ás bandas de nenos que hoxe desafían a Camorra. Eles son a nova Camorra.

Rematamos o día brindando na pizzaría onde traballa o fillo de Salvatore, un negocio modesto ás aforas de Ponticelli –outro lugar estratéxico da novela-. "Esto seguro que tampoco sale en la guía, os lo aseguro". Ao tempo, meu fillo traballa a masa dunha ‘margarit’a axudado polo de Salvatore. Métena no forno. O lume... Penso na Banda dos Nenos: non teñen medo a nada, o tempo é pouco, o risco sempre está noutra parte. Nunca demasiado tempo nun mesmo lugar, coma os guerrilleiros ou os ovnis, coma os ollos en branco dos prisioneiros condenados a morte. A noite en ruínas polas estrelas. Dor e beleza. Nápoles é todo luces no escuro e flota no ar o eco dun gol de Maradona. Unha traxedia envolta no entroido. A dolce paranza navega xa en algures polo río de sangue.

A dolce paranza
Comentarios