Opinión

A montaña rusa

O último ensaio de Ian Kershaw trata a montaña rusa que foi Europa nos últimos 110 anos

Captura
photo_camera Captura

EUROPA VÉN de decidir nestas datas cal será o seu equilibrio de poder durante o vindeiro lustro, o que tampouco quere dicir demasiado, xa que as cartas están boca arriba hai tempo. Dunha negociación en aparencia épica e dende logo maratoniana saíu a decisión que calquera podía agardar: o poder para Alemaña, cunha inestimábel colaboración de Francia, e as faragullas para os demais. A maior curiosidade dende a óptica española está en saber canto vai tardar a incontinencia verbal de Josep Borrell en traerlle problemas e copar portadas.

Para comprender estes e outros acontecementos non está de máis acudir, coma sempre, á historia, e a sempre fiábel editorial Crítica vén de tirar do prelo Ascenso y crisis, obra que pecha o díptico que Ian Kershaw dedicou ao século XX no marco da Historia de Europa de Penguin. Como xa dixemos nalgunha ocasión máis, é unha mágoa que os volumes se publicasen en España sen conexión entre eles.

Por outra banda, e por unha vez, convén comezar a crítica polo mesmo título. Os selos españois, até os mellores coma Crítica, pecan en ocasións de excesivamente ortodoxos. Kershaw titulou en inglés o seu libro de xeito ben curioso: Rollercoaster, ou o que é o mesmo, "montaña rusa", xa que en realidade a historia do vello continente nos últimos 110 anos non é outra cousa. Alguén decidiu facer un troco e, a verdade, non estivo moi atinado: para comezar, iso esixía certos cambios no corpo do texto que non se levaron a cabo e saltan á vista do lector atento.

Polo demais, non imos descubrir arestora a Kershaw. A súa biografía de Adolf Hitler ten xa vinte anos e non hai un traballo que se achegue a ela nin de preto e o seu prestixio académico é absoluto. Neste libro, ademais, conta coa vantaxe de ter sido testemuño de moitos dos feitos que relata, dende o goberno de Thatcher ao Brexit pasando pola caída do Muro de Berlín, que segundo propia confesión o agarrou entrevistando diante dunha cunca de té a alguén, polo que só soubo o que ocorrera cando os fillos, sempre atentos, llo comunicaron.

Este fondo coñecemento dos acontecementos fai que Kershaw chimpe por riba da meirande dificultade que se atopa en obras deste tipo: a falla de perspectiva. Non hai unha literatura científica establecida para a guerra da antiga Iugoslavia ou para o desenvolvemento de Rusia despois da caída do comunismo, xa non digamos para un acontecemento que está en proceso como a saída do Reino Unido da Unión Europea. E a pesares diso, o libro de Kershaw en ningún intre deixa ver algo distinto aos de Evans o u Greengrass na mesma colección: o pulso histórico está sempre presente.

E malia todo o esforzo, non podemos evitar a sensación de fugacidade. Aínda que para moitos a Historia sexa unha espiral, a liña dos acontecementos é algo inevitábel. Existen toda unha serie de procesos abertos e aínda que a historia pode dar pistas sobre como poden desenvolverse, non é nada certo. E vivimos, como o mesmo autor deixa ver en varias ocasións, nunha época na que a velocidade do suceso consume todo. O que hoxe semella algo inevitábel, como o mando alemán na UE, en pouco tempo pode estar en cuestión, sobre todo a causa dun auxe da ultradereita ao que, por poñer un defecto, Kershaw non chega a dar unha explicación satisfactoria dentro do marco do pacto fáustico entre elites para manter o seu poder en medio da treboada dunha recesión que non ten fin definitivo.

Comentarios