Opinión

Anxo Rei Ballesteros, un tren que atravesa a cabeza

Todas as preguntas que nos facemos cando somos adultos foron xa contestadas na nosa infancia. A nenez de Anxo Rei Ballesteros foi orfa de pai e axitada de rúas

Anxo Rei Ballesteros. AEP
photo_camera Anxo Rei Ballesteros. AEP

SUSO DE TORO conta que Anxo foi un neno sen pai criado nas rúas revolucionadas, nas tabernas e nos libros. Medrou nos anos 60 no Santiago que presumía de ter prendido o Maio do 68 sen que os parisinos que buscaban a praia baixo os adoquíns o soubesen. Imaxino un adolescente ceibo nese magma sen ter que responder a un adulto con aquelas lentes de sol e o bigote de policía nacional que reforzaban a autoridade paterna naquela década. "Anarquista y licenciado en un Derecho que no ejerció, se hizo caballero legionario, la última orden guerrera. Volvía con la camisa abierta y el pecho peludo por calles y bares; él no era universitario más, era alguien que cabalgaba con la muerte".

Anxo Rei Ballesteros queimaba todo refuxio, non facía prisioneiros; viviu exposto, a peito veludo e descuberto. Unha vez xantei con el no Carretas, nunha mesa longa de premio literario ou algo así. O mundo aínda non se volvera aburrido. Podía fumarse nos restaurantes mentres o camareiro servía a sopa aínda a risco de que a cinza acabase condimentando. Anxo fascinoume. Fumaba e fumaba, falaba veloz e expresivo como unha ruleta. Domaba cada frase que exhalaba para non contaminala con parvada ningunha. Pareceume un home de xesto limpo, deses que poden disfrazarse de lexionario para ser unha metáfora da aventura exarcebada e da vida arriscada ata a inutilidade. Cortara os freos do coche para non aburrirse mentres conducía.

Morreu en 2008, segundo amencía novembro. Novembro é un mes que non existe, orfo de pai como marzo. Galaxia vén de recuperar Dezanove badaladas, a primera novela de Rei Ballesteros. "Quen se atreve?", preguntan os amigos de Nolo. Nolo sempre se atreve; como se atreve Fernando noutra obra súa, Non sei cando nos veremos.
Xa de neno, Fernando preguntábase polas expectativas dos seus compañeiros de clase. "Queres que chas diga? Agardar, lamberlles o cú, compracer os superiores. Seren perdoados e queridos polos seus verdugos. Identificárense con eles. E o sorriso... suscitar o sorriso dos adultos: os pais, os curas, as monxas, os profes, os policías, os militares, o Papa de Roma, o cardeal de Santiago, Franco, Franco, Franco!"
Cando escribiu iso, faise obvio, Anxo xa lera a Céline. Viaje al fin de la noche: "Reconcorosos y violados, robados, destripados, e imbéciles siempre. ¡No cambiamos! Ni de calcetines ni de amos ni de opiniones. Soldados sin paga, héroes para todo el mundo, monosabios, palabras dolientes, somos los favoritos del Rey Miseria".

Asumía ese nihilismo que nace do desespero de Mishima cando se abre o ventre ou o cinismo elegante de Valle Inclán, 'carlista por estética'

Ao publicar esa novela, en 1932, o francés xa avanzara ideoloxicamente ata a lucidez que encarna o nihilismo. Atravesara a inmensa e brutal guerra de 1914. Aparecera desnortado e mediado noutro extremo da noite: perdera un brazo e un oído; pola outra orella sentía continuamente "un tren que pasa sin cesar". A súa viúva, a bailarina que o soportou, culpa a esa merma cruel os seus repugnantes escritos contra os xudeos. Pode ser. É posible que arremetese por iso contra esa etnia á que os franceses consideraban semihumana, aínda que evitasen exterminala. Limitábanse a sinalar os seus portais durante a Ocupación. "Cuando los poderosos empiezan a amarte es que van a convertirte en carne de cañón. Los ricos no hacen el mal en persona. Pagan".

Anxo Rei explica o ideario de Céline nunhas frases da súa última novela escrita, Non sei cando nos veremos: "Eu son Céline! O nazi Céline...! O bailarín ese...! O endiañado...! O único que bailaba... que sabía bailar o rigodón, o único!, cando todos,... Todos.. TODOS os fillos da gran puta desfilaban... Desfilaban como recrutas. Todos... nazis... estalinistas... capitalistas... As dereitas e as esquerdas. Todos...!". Asumía ese nihilismo que nace do desespero de Mishima cando se abre o ventre ou o cinismo elegante de Valle Inclán, "carlista por estética". "Contra que estou? Contra todo. Contra... contra a realidade deste país de piollentos, covardóns,... pailarocos... fracasados históricos e lambecús que somos os galegos".

A súa cabeza estaba atascada nun programa de centrifugado. Aquel mediodía no Carretas pasou a quenda da sopa. A súa sopa quedou fría. O camareiro, que tiña o xesto pasivo dos árbitros de xadrez, interesouse:

—Non lle gusta?
Anxo esmagou o cigarro no chan tras o incendio dun cinceiro e explicou:

—Non se preocupe da sopa, preocúpese de que non me falte o viño.

Ergueu a copa á súa dereita, nun xesto explícito seguiu falándonos a Camilo Franco, que sentara enfronte, e a min. Víctor Freixanes, a carón del, seguía a conversa como cando pos un partido inerte na televisión mentres resolves un encrucillado.

Aparentaba estar tolo. Tolo por beber, por falar, por redimirse; por ser feliz, claro. Céline levaba a bailarina a un restaurante, pedía un filete para cada un, comía o seu ás présas e marchaba. A bailarina erguíase sobre as puntas dos pés e corría tras do seu home. Cando ían ver unha película, non transcurrían nin cinco minutos antes de que el saíse novamente á rúa. Ela corría detrás. Se Céline lle regalaba un libro, pecháballo cando lera unhas páxinas. "Pero que fas?", protestaba ela. "Xa o entendiches!". Pensaba que todos lían tan rápido coma el.

Anxo Rei citaba o "non contes as cousas, amósaas" de Henry James, aínda que el o poñía en boca de Wittgenstein. Ao igual que o filósofo vienés, desconfiaba da capacidade da linguaxe para explicar o mundo.

O economista Keynes, reputado buscador de cercanía masculina nos baños públicos de todo Londres, casou tamén cunha bailarina. Tras a voda, convidou a Wittgenstein á casa. Era verán e ía afogo. Estaban os tres no xardín cando Keynes entrou buscar auga. A bailarina, incómoda con aquel belo e silencioso amigo do seu home, fixo un comentario banal:

—Que árbore tan bonita!

Wittgenstein volveu da galaxia mental na que se perdera.

—A que te refires coa palabra bonita?

A muller, exasperada, botouse a chorar. Liscou correndo na procura do seu home.
Rei Ballesteros desconfiaba da linguaxe culta, literaria; parecíalle que as únicas palabras verdadeiras eran as que usan as personas cando non se senten cuestionadas, as palabras gastadas polos días. No xantar do Carretas arremeteu contra "a literatura tenra" de Suso de Toro e Manuel Rivas. Sospeito que, tras ese comentario, había unha soberbia estética e un resentimento de obra escasamente vendida.

Sorprendeume ler o que lin na páxina da Fundación Casares tras o pasamento de Anxo: "Carlos Casares tíñalle moito aprecio, como persoa e como escritor, e animábao a publicar con máis frecuencia, pero Anxo disimulaba". Cando Camilo, Víctor e máis eu rematamos o segundo prato, unha carne asada, Anxo, un home de discurso continuo, falou do seu editor.

—Sometíase moi amablemente.

Rei Ballesteros foi máis explícito, usou un termo violento e sexual como os que avivan ás súas novelas; pero vou ser prudente. A opinión correu coma un coello asustado por riba da mesa. A min escapoume unha gargallada. Temín arrastrar a Camilo, pero el contívose. Freixanes recolocou o tenedor un par de veces e, tras suspirar, apuntou mastigando as palabras con desacougo:

—Eu non diría tanto.

O pasamento de Casares, ese estadista, deixara un inmenso baleiro de cargos no politburó da cultura galega.

Comentarios