Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Cartas fosforecentes

Falar de cartas é facelo de antigos xeitos de comunicación. Palabras desterradas dese proceso pola ditadura das tecnoloxías. É por iso que atopar un monllo de cartas reunidas no libro Fosforescencias de Lupe Gómez é unha emoción que nos leva a botar de menos aquelas caricias.
Ramón Rozas

LUPE GÓMEZ é unha moderna. Unha moderna radical, do mesmo xeito que o editor que lle dá acubillo a este ramo de cartas, Henrique Alvarellos. Xuntos poñen nas nosas mans un libro que é como un cofre de agarimos e complicidades. Cartas, si, cartas. Formas de comunicación baseadas no trazo da escrita, no fío directo da emoción a través da tinta e lonxe das escuras luminosidades das pantallas.

Mergullarnos nese cofre lévanos a poñer en valor a carta como xeito de falar, máis tamén como acougo da palabra, como maneira de conservar aquilo que foi importante nun intre concreto das nosas vidas, a renovación dunha amizade e, en moitos casos, unha peza literaria de primeira orde. Lupe Gómez preséntanos aquí un itinerario vital, iniciado en setembro de 2011, data na que a súa vida da un xiro, ao deixar a súa profesión de xornalista e habitar unha nova vivenda nun ámbito rural, ata xullo de 2012. 

Dende esa atalaia levedan unhas cartas cheas de emocións, palabras convertidas en poesías cheas de fermosas liñas e, sobre todo, a necesidade de falar, de sentirse parte dunha comunidade. Entre os remitentes atopámonos unha chea de nomes da nosa cultura, un ronsel de complicidades que tamén fan das súas palabras o camiño de volta daquelas comunicacións anteriores. Manuel Rivas, Xosé Neira Vilas, Francisco Pillado, son algúns dos máis habituais, pero a cada volta de páxina xorden outros como Emma Pedreira, Xabier Díaz, Antonio Gamoneda, Yolanda Castaño ou Antón Lopo, só por citar algúns. Todos eles mandan as súas mensaxes cómplices a autora de Camuflaxe, todos eles respostan a esa inquedanza de quen quere atopar na palabra a canle de exploración de sensibilidades e a certeira corredoira pola que chegar a quen paga a pena.

Na contracapa atopamos unha atinada definición desas letras: "Cartas que enchen o corazón con flores mimosas e perfumes inéditos". Cando as lemos é ben certo que nos inunda unha certa melancolía de antigos sabores. Cartas que escribíamos coma testemuña dun amor, cartas feitas para disolverse co paso do tempo, cartas nas que desxabamos escribir algo realmente importante e trascendente. Aquelas cartas tamén eran como flores, e que ben ulían!, de aí que cando nos botamos a estas lecturas o xeito de facer de Lupe Gómez é tamén unha maneira de ulir a poesía, a poesía que medra no cotiá, no saír a unha horta ou o ollar dende a fiestra o voo dun paxariño, pero tamén o cotiá de dar conta das ilusións, os proxectos ou as esperanzas que ten a persoa fronte ao mundo. Esas realidades son as que van e veñen entre os que participan deste manancial de augas frescas.

En todas e cada unha desas comunicacións, xa que en todas elas latexa unha emoción polo que nos rodea realmente contaxiosa

A carta ten, polas súa propia configuración, isto é, a súa brevidade ou a súa escrita nun intre moi determinado no que un sente a necesidade de expresarse converténdose nun tremor espontáneo, un debezo pola existencia e a súa fugacidade, na que conter o canto da vida dun xeito moi intenso, de aí que Lupe Gómez comente que "nas cartas recoñézome máis viva e sincera que nos libros que publico e escribo". Non hai dúbida que isto se atopa en todas e cada unha desas comunicacións, xa que en todas elas latexa unha emoción polo que nos rodea realmente contaxiosa, unha ledicia por ser e por estar, por chantar os pés na terra e sentir esa humidade que nos aboca ao feito comunitario dun territorio determinado.

Nese espazo agroman as afinidades, os bicos con selos para voar, as ilustracións de Anxo Pastor, os aloumiños con acuse de recibo, alcumes, saúdos e posdatas que se moven coma lucecús iluminando coa súa fosforescencia unha distancia que se acurta ao máximo, como un intenso sorriso ou, como mesmo escribe a nosa remitente nunca carta dirixida a Amancio Prada falando de recitar os seus poemas ante o público: "compartir cos amigos as pequenas verdades que me alimentan". Poucas verdades como estas que teñen forma de carta, poucas verdades máis modernas e audaces..

Comentarios