Opinión

Compostela, unha cidade de cine

A investigadora Yolanda López propón, neste volume editado por Guiverny, unha análise de Compostela no cinema e na ficción televisiva nos primeiros vinte anos do século XXI a través de once filmes nos que se alude á Compostela literaria, a tradición xacobea e a cidade transitada.

AS NOSAS cidades foron ao longo da historia escenarios de numerosas producións cinematográficas. Contornas que encheron a pantalla dun potencial visual que xorde da configuración e singularidade de cada un deses escenarios. Ámbitos rurais e urbanos sucedéronse en función das necesidades de cada filme ao tempo que dende a investigación cinematógrafica se lle concedía un valor que permitiu a elaboración de teses e publicacións que estudaban e amosaban ao público como as connotacións eran diferentes en función do ámbito de representación escollido.

A máis recente desas análisea é a proposta por Yolanda López, doutora en Historia da Arte, especializada na relación entre cinema e historia, así como en estética e dirección artística, quen, dende o libro Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade no século XXI, propón un interesante e necesario achegamento a esa realidade que presenta Santiago de Compostela como escenario cinematográfico no que certas compoñentes como o seu peso literario, a pegada xacobea ou o seu carácter acolledor de numerosas persoas chegadas de boa parte do mundo, a converten nun universo diferenciado doutras realidades xeográficas de Galicia.

Nese primeiro bloque ponse a cámara ante tres traballos: O lápis do carpinteiro, Trece badaladas e Doentes, nos que xunto a análise das súas compoñente artísticas preséntanse entrevistas con Antón Reixa, Suso de Toro e Camilo Franco. O que marca a diferencia na proposta da investigadora ao acudir a protagonistas de diferentes elementos desas producións para, dende a súa propia voz, acadar as conclusións precisas sobre como a cidade forma parte de cada un deses proxectos. O mesmo acontecerá nas seguintes películas, ata un total de once títulos que se converten en exemplos e territorios de debate sobre como esa relación coa urbe e o espazo condiciona o resultado final de cada unha das propostas de directores como Jorge Coira, Alfonso Zarauza ou Ángel Santos que foron quen de escoller a Compostela para os seus filmes.

O París de Vincente Minnelli, a Roma de Federico Fellini ou o Nova York de Woody Allen, serían tres exemplos sobranceiros,

Se o cine ao longo da historia se detivo en numerosas urbes que pasaron a formar parte do noso imaxinario colectivo a través da observación de certos directores. O París de Vincente Minnelli, a Roma de Federico Fellini ou o Nova York de Woody Allen, serían tres exemplos sobranceiros, tamén Compostela aséntase nesa condición de magno escenario capaz de outorgarlle a cada un dos filmes a súa propia singularidade, non só física senón tamén humana e mesmo histórica.

A elección do marco de traballo, os últimos vinte anos, responde a toda unha serie de cambios no propio audiovisual galego que tomou conciencia de seu e puxo en acción toda unha serie de elementos e protagonistas que levaron a un desenvolvemento maiúsculo desa realidade cultural galega que desembocou en numerosos proxectos propios que entenderon da incorporación de ámbitos que formaron parte da propia paisaxe persoal de moitos deses axentes.

De aí que, se ben é certo que a presenza apostólica co todo o seu simbolismo seguirá estando moi presente, tamén se abre o abano de posibilidades cara o ámbito máis laico no que as situacións se afastan da compoñente sacra vencellándose ao máis humano, sobre todo nas producións galegas, mentres que se o traballo se plantexa dende fóra esa condición xacobea manterá aínda a súa importancia. En ambas realidades é o casco histórico o espazo físico máis demandado como escenario para as rodaxes, a Catedral e as súas catro prazas, amósanse xunto a rúas como a Rúa do Vilar, a Rúa Nova ou o Franco, xunto coa Alameda, como os ámbitos preferidos dos directores que en filmes como os que se vencellan a esa terceira división do estudio de Yolanda López, o relacionado coa cidade transitada, ábrense ao Mercado de Abastos ou ao Parque de Bonaval.

Serán estes traballos os que amosan, posiblemente, o espazo máis interesante desa filmicidade compostelana na que os personaxes deixan de ser visitantes máis ou menos esporádicos e os seus vencellos coa cidade forman parte dunha realidade social que desterra a compoñente turística, decantándose por reflectir unha paisaxe vital no canto dunha paisaxe máis idealizada.

Percorrer este traballo de investigación dá unha idea das posiblidades que ofrece o cinema para entender no só o fílmico senón tamén o ámbito humano e físico que existe nas nosas vilas e pobos e a necesidade de afondar neste tipo de estudos moi valorables cando, como é o caso, fanse dende o rigor e unha mirada suxerente e novidosa.

Comentarios