Blog | El Ojo Público

O cranio máis famoso de Hollywood

Houbo un tempo en que as estrelas de Hollywood eran creacións mitolóxicas, nadas do misterio e da imaxinación de quen as fabricaba. Non era fácil rastrexar as orixes certas ou  fabuladas de ninguén, así que, os que podían, refacían a súa vida, inventaban un pasado ou alimentaban unha lenda. O público preferíao, a industria sacaba petróleo desas historias, a prensa do momento cavilaba sobre os enigmas detrás do mito, e todos contentos.
Yul Brynner
photo_camera Yul Brynner

YUL BRYNNER é froito daqueles anos. O misterio da súa vida anterior a Hollywood ía asociado a ese compoñente descoñecido que facía crecer ao personaxe e dotalo dunha profundidade exótica. Brynner aseguraba que el nunca contaba nada da súa infancia nin do seu pasado. "Sempre son outros os que falan de min. Os que escriben esas cousas cren nelas e, cando me preguntan, dígolles que si, que é verdade. Non quero avergoñar a ninguén. Quen son eu para negar esas historias?". Pero tampouco hai que crer demasiado a Brynner. El mesmo asegurou que polas súas veas corría sangue de Gengis Kan e que o seu pai fora man dereita do último Tsar de Rusia. Cambiaba a historia en función do interlocutor, do público ao que lle quería vender a película, e do personaxe que estaba nese momento no cartel. Era protagonista e biógrafo da súa propia existencia inventada.

Youl Borisovitch Bryner naceu en 1920 en Vladivostok, a última parada do Transiberiano, nunha familia pequeno burguesa que sobrevivía á durísima economía posrevolucionaria. Cando tiña catro anos, o seu pai abandonou a toda a familia por outra muller, unha actriz de teatro coa que se foi a vivir a Manchuria. A nai de Yul, desesperada pola escaseza de recursos, marchou detrás do seu marido fuxido coa esperanza de recibir algún sustento. Non foi así, e a familia, posteriormente, emigrou a París, onde existía a maior colonia rusa de Europa nos anos 30.

Aí foi onde lle entrou o bicho do espectáculo. Primeiro como trapecista nun circo, truncado por unha caída que case o deixa tolleito; máis tarde como pallaso. Nese mesmo momento, o Teatro da Arte de Moscova, dirixido por Michael Chekhov, andaba de xira por Francia. Chekhov é sobriño de Anton Chekhov, o dramaturgo, e discípulo de Konstantin Stanislavski, fundador da compañía e promotor dunha técnica nova na preparación de actores e de interpretación; o que se coñecería como O Método. Acabaría dividindo Hollywood entre os partidarios e detractores. Michael Chekhov, fuxido da Rusia soviética, buscaba estender o método por todo o mundo, coma se fose un apóstolo, e encamiñábase a fixar o seu destino máis ou menos estable en Devon, Inglaterra, onde conseguira asilo político. Yul quería formar parte do grupo e dirixir a súa carreira cara á interpretación dunha forma que só Chekhov podía entender. Pero a súa adición ao opio —consecuencia das dores de costas por causa do seu accidente no circo— impediulle embarcarse nesa primeira viaxe. Tivo que desintoxicarse durante un ano en Suíza, con axuda da súa tía Vera. Volveu a París como aprendiz. Interpretou dramas de Pirandello, Shaw e Ibsen co matrimonio Pitoëff no Théâtre des Mathurins.

Yul Brynner converteuse en estrela en 1956, cando estreou tres películas monumentais que representan o sistema de estudos: 'O rei e mais eu', 'Os dez mandamentos' e 'Anastasia'

En 1940, e con Europa a piques de converterse nunha polvoreira, Brynner busca a maneira de chegar a Estados Unidos para tratar a leucemia da súa nai. O seu pasaporte ruso dálle problemas, así que estuda un roteiro alternativo grazas á súa nacionalidade suíza: embarca en Xapón con destino a San Francisco, e de aí en tren ata Nova York. Finalmente, chega a Connecticut, onde empezou a traballar co seu admirado Michael Chekhov. Ata aquí, a historia pode ou non ser certa. Cóntana os seus fillos e familiares, ten certo sentido e pasa por veraz.

Yul Brynner converteuse en estrela en 1956, cando estreou tres películas monumentais que representan o sistema de estudos como poucas: O rei e mais eu (Walter Lang), Os dez mandamentos ( Cecil  B.  DeMille) e Anastasia ( Anatole  Litvak). Nas tres, e nas inmediatamente posteriores, a imaxe poderosísima de Brynner combinábase cunha atracción exótica polo seu aspecto físico descomunal, os seus trazos mestizos e o seu estraño acento estranxeiro, practicamente indefinible. A presenza en escena de Brynner o era todo. Cecil B. DeMille, describiuno como «un cruzamento entre Douglas Fairbanks, Apolo e un pouco de Hércules». Os estudos atoparon un filón nese rostro, no seu corpo  esculpido e na súa xestualidade hiper masculina. A súa calva converteuse nunha icona. A cartelería e a promoción das súas películas explotaron a imaxe inconfundible do cranio rapado da estrela.

A sexualidade de Brynner, construída con atributos animais, converteuse na súa imaxe de marca. Nun artigo de presentación da nova figura emerxente de Hollywood, relatan un día a día na dieta absurda da estrela: "O seu almorzo consiste nun  filete grande —ás veces dous— regado con café. Antes das nove, a fame canina golpéalle de novo e recupérase cuns cuantos bocadillos de carne. Para comer, ás doce, ten costeletas,  bistec, pavo ou rosbif, e isto poida que lle sirva ata as dúas en punto, que é cando merenda uns sándwichs e pastel de sobremesa". Esta construción macarra dun tragador de carne  musculado serve como exemplo da fantasía que sempre rodeou a figura de Brynner: un ser  mitolóxico, vido de non se sabe onde e cunha vida de excesos propia dun salvaxe.

A súa indefinición racial valíalle para interpretar a calquera personaxe que non fose WASP (blanco, anglosaxón e protestante. Foi tailandés, ucraíno, iugoslavo, indio, mexicano, francés, ruso, exipcio, israelí e alemán. E cando era norteamericano, valía para calquera fusión produto da ampla migración que absorberon os Estados Unidos, americano-xaponés, grego ou francés. Por suposto, tamén nativo en Os reis do sol (J. Lee Thompson, 1963) e cajún en Os sete magníficos (John Sturges, 1960).

Brynner esnaquizou algunhas convencións na elección dos personaxes. No sistema de estudos dos anos 50 e 60, as estrelas buscaban papeis nos que o público lles identificase con valores positivos. A imaxe privada dos actores estaba directamente asociada á súa imaxe pública e, por encima de todo, aos personaxes que daban vida. Brynner alimentou esa aparencia fronteiriza con viláns implacables e personaxes ambiguos. Se a súa carreira se construíu desde o exceso, a súa figura pública podía romper cos parámetros habituais.

A mediados dos anos 60, o cinema empeza a cambiar a súa forma de representar a masculinidade

A mediados dos anos 60, o cinema empeza a cambiar a súa forma de representar a masculinidade, e o Novo Hollywood, nos 70, acelera o proceso. A figura de Yul Brynner non encaixa neste modelo, máis diverso e menos explícito. Lonxe de arrastrarse na decadencia, Brynner fai un breve cameo interpretando unha drag que ofrece os seus servizos a Roman Polanski nun bar, en Se queres ser millonario non malgastes o tempo traballando (1969), unha comedia protagonizada por Peter Sellers e o batería dos Beatles Ringo Starr. Brynner xestualiza -coa voz doutra cantante superposta- a canción Mad about the boy de Dinah Washington, sobre unha muller obsesionada por unha estrela de Hollywood. The boy, na canción, é Douglas Fairbanks, e fai referencia á atracción sexual que provocan eses machos no público feminino, pero tamén no masculino. Brynner acepta o chiste e asina un epílogo á súa carreira cinematográfica, con engurras e perruca, da que se desprende no plano final do seu cameo, para sorprender a unha audiencia masculina.

Pouco antes de morrer, gravou un anuncio para a Sociedade Americana contra o Cancro. Mirando a cámara, vestido de negro, avisa: “Agora que me fun dígoche que non fumes”. Cando lle diagnosticaron un cancro de garganta aínda estaba en activo, interpretando O rei e máis eu en Broadway. "Mentres non atope outro mellor, seguirei facendo este", dixo en 1980. O 29 de xuño de 1985 subiu por última vez aos escenarios. Morreu tres meses e medio despois. Unha reportaxe do New York Times sobre o revival do musical que se vivía a finais dos 70 dicía: "Yul Brynner é un gran actor non polo que fai, senón polo que é. Camiña polo escenario atrapado no foco invisible da súa propia personalidade".

Comentarios