Opinión

Cristal no teito

Joan Baez é un dos nomes imprescindíbeis da música folk de todos os tempos. Imbuída dun enorme compromiso social, cun talento descomunal, conquistou o público coa súa voz de soprano e a forza da súa sinceridade e, en contraste con moitos homes da súa xeración, mantivo unha correspondencia inquebrantábel entre a súa traxectoria artística e a loita por un mundo mellor. Compartiu camiño con Dylan e deixou os escenarios hai dous anos, en plenitude de facultades.
imgData

A MESTRA dirixiuse ás rapazas e aos rapaces con brío e decisión, cronómetro en man e abandonou a aula camiño do ximnasio. Polo medio do corredor fixo soar o chifre, tal e como lles anunciara antes de saír. A clase mudou daquela nunha barafunda de berros afogados, empurróns, cadeiras e mesas desprazadas cara os laterais. Houbo carreiras, tropezóns e un enxame de respiracións entrecortadas invadiu a toda velocidade o ximnasio da escola. O alumnado dispúxose con exactitude en cadansúa cuadrícula. O resto do profesorado aliñouse entón coa mestra e todos satisfeitos observaron o bo suceso do simulacro. A escola estaba preparada en caso de ataque nuclear. Mais a mestra advertiu un oco baleiro: faltaba unha alumna. Entón, percorreu os corredores baleiros revisando cada aula, con ese aspecto fantasmagórico que teñen os xardíns de infancia e os parques de atraccións sen as crianzas. 

Cando entrou na clase, a nena mirouna. Parecía escrutala con calma atrás da longa melena negra. Quen faltaba era Joan, a filla do físico, como non o pensara antes? Só podía ser ela. Ordenoulle que erguera e fora ao ximnasio co resto. Pero a nena negou coa cabeza, díxolle que todo aquilo era unha pantomima, que non ía participar de nada diso e ficaría alí sentada. Dixo que ela era unha pacifista e non ía perder o tempo en entroidadas.

Joan Baez naceu en Staten Island (New York, 1941), no seo dunha familia de quáqueros: rigor moral, pacifismo, rexeitamento da xerarquía eclesiástica e compromiso coas causas sociais. Seu pai, Albert Baez —matemático e físico—, foi un dos inventores do microscopio de raios x. Súa nai, Joan Bridge Baez era escocesa e filla dun pastor anglicano.

Con frecuencia, moitas das cousas que facemos débense en boa medida ao legado de nosos pais, en parte tamén ás súas ideas. Albert Baez negárase a participar no Proxecto Manhattan, onde se avanzou no deseño da bomba nuclear. Anos máis tarde, en plena guerra de Vietnam, súa filla Joan Baez negouse a pagar os impostos do Goberno norteamericano: argumentaba que ese diñeiro financiaba as bombas que caían sobre Vietnam. Foi varias veces detida e, dunha delas, pasou catro meses no cárcere. No 61, viaxa a Hanoi (Vietnam) para coñecer de preto a guerra: 

"Abrímonos paso a través dos cráteres. Era como unha paisaxe lunar, coma estar na Lúa agás polos restos. Vin unha muller na distancia, pero non puiden ver o seu rostro. Estaba a cantar e pensei que ela e a súa familia sobreviviran. Cando nos achegamos, vina desconsolada. Agoniaba na conmoción. Estaba a cantar o mesmo unha e outra vez, aparvada namentres buscaba entre os cascallos. Collía un ladrillo e deixábao, collía outro e deixábao. Preguntámoslle ao intérprete que estaba a cantar e el dixo que era unha vella canción que dicía: Onde estades agora, fillos meus, onde estades agora?".

O ascenso de Joan Baez é fulgurante. De paso, no 61 coñece a Bob Dylan nun festival de New York e fanse inseparábeis

Anos antes, con quince, a adolescente Joan escoita a Marthin Luther King, quen vai marcar definitivamente o sentido da súa carreira e a súa vida. No ano 58 a súa familia múdase a Belmont e Joane ingresará en Cambridge, nunha zona onde se estaba a xestar xa a música folk. Alí, no Club 47, dá o seu primeiro concerto: asisten oito persoas. Máis ao pouco un axente de talentos, Albert Grossman, repara nela e ofrécelle uns concertos no seu club de Chicago. Joan acepta e, unha noite, déixase caer polo garito Odetta, a estrela negra do rock and roll. Coñecerá tamén a Bob Gibson, un dos cantantes do momento. E no ano seguinte, convidada por este, debuta no Festival de Newport, onde se reivindicaba a música da xente humilde. Tocaban Muddy Waters, Big Mama Torthon, Pete Seeger ou o propio Bob Dylan.

O ascenso de Joan Baez é fulgurante. De paso, no 61 coñece a Bob Dylan nun festival de New York e fanse inseparábeis, comparecendo xuntos no 63 en Washington canda Marthin Luther King, na Marcha polos dereitos civís. Tiven un soño... Dylan abandonará pronto a militancia tan explícita, aparte de aproveitar a condición de estrela que Baez xa tiña cando se coñeceron para ascender el mesmo no circuíto. Canda a rebeldía e a teima en ser libre do Premio Nobel de Minnesota, tamén cómpre salientar o seu afiado instinto de conservación; neses anos morrerán, ben polas drogas ou asasinados, Jimmy Hendrix, Jim Morrison, Janis Joplin, Malcolm X, Kennedy ou Marthin Luther King.
Porén Joan Baez, rupturas sentimentais aparte, non se apartará un só intre da súa militancia social e o activismo político.

Ademais da súa presencia escénica, a súa condición de soprano e o vibrato característico que penetra no emocional, imponse entre o resto e gaña o favor do público pola súa sinceridade e o compromiso político das súas interpretacións. Na primeira metade dos 60 sucédense os discos, varios deles discos de ouro, que lle valen axiña o recoñecemento da crítica e o público. Profundará nunha das súas afeccións, a poesía, publicando no 68 Baptism, un disco conceptual onde traballa con poemas de Joyce, Walth Whitman ou García Lorca, entre outros.

Nos 60, participa no mítico Concerto para Bangladesh e colabora con súa irmá Mimi Fariña ou Lennon, entre outros. Chama a atención o seu álbum do 73 Where Are You Now, My Son?, que nos remite á frase da muller de Hanoi, en Vietnam: "Onde estades agora, fillos meus, onde estades agora?". Trátase dunha canción de 23 minutos que ocupa toda a cara b e onde se mesturan gravacións de cintas rexistradas nesa mesma viaxe onde case perde a vida.

Entre o 75 e o 76 participa nunha xira histórica: a Rolling Thunder Revue, comandada por unha das mellores versións de Dylan de todos os tempos. Sam Shepard, Joni Mitchell, Patti Smith ou Allen Ginsberg son só algúns dos compañeiros de viaxe desta grande aventura musical e artística onde Joan Baez aparece incluso disfrazada de Dylan. Xuntos cantan himnos como Blowin’ in the wind, I shall be released ou a emblemática Mama you’been on my mind.

O ascenso de Joan Baez é fulgurante. De paso, no 61 coñece a Bob Dylan nun festival de New York e fanse inseparábeis

Co disco Diamonds & Rust, Baez acada o seu maior éxito discográfico e, de paso, dálle un repaso á súa relación con Dylan na canción do mesmo título. Durante os 80 recibe doutorados honorarios de varias universidades, ben pola altura das súas letras ou pola universalidade da súa mensaxe e continúa desenvolvendo unha intensa actividade social e política que a leva á Checoslovaquia de Havel ou a tocar en Saraievo, xa nos 90, converténdose na primeira estrela de nivel internacional que pisaba chan iugoslavo logo da guerra. Nos 2000 céntrase nas actuacións en directo e comezará a cultivar a súa faceta de artista plástica.

Joan Baez retirouse dos escenarios en 2019, dando o seu último concerto no Teatro Real de Madrid onde interpretou o Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía, facéndose acompañar de Amancio Prada. Abandonou aínda en plenitude e culminando unha carreira artística como poucas, plena de talento e recoñecementos, de total correspondencia ideolóxica cos seus actos. Cómpre dicir, si, que rebordando talento artístico e musical, estivo a maior parte do tempo no seu lugar, sen cometer os erros e estupideces doutros compañeiros ilustres de xeración, nomeadamente homes. E cómpre dicir que, se non obtivo aínda maior recoñecemento do acadado, foi pola súa condición de muller. Pero foi pioneira e foi grande. Ela é a primeira que o ten claro, dixo nunha das últimas entrevistas: "Eu non fixen Historia. Eu son Historia".

Comentarios