Blog |

Dilatar o estilo

Atraveso o país desde os cantís de Cedeira ata as montañas do Xurés. No camiño, atópome con columnistas que escriben con voz de bebé e con fontes santas ás que os bancos das merendas lles furtan a clientela.

IMG_0508
photo_camera Jorge Coira

EN DATAS senlleiras sempre teño a necesidade de desprazarme nun territorio que está a medias por dentro e por fóra de min. Son montañas, vales, orografías cunha serie de constantes: a aspereza, os fragueiros graníticos, a ausencia de árbores, a ondulación da herba, os pequenos regatos asulagados, o mar de fondo, o horizonte; creo que son paisaxes nas que busco entender a miña propia biografía. Cumprindo os 43 anos collimos o coche cara un destes lugares. Ao norte de San Andrés de Teixido, en Cedeira; descendendo polos cantís ata a praia de Areas Negras. Unha especie de pequeno mundo baixo montañas agrestes, cun diminuto e distante val cabo do mar no que vive unha manda de cabalos brancos e outra de cabras montesas. Sentinme dentro dunha paisaxe pintada do XIX, pero non o digo como unha metáfora fácil. O paisaxismo clasicista buscaba contalo todo no lenzo. O vento, a luz, as ruínas, o camiño, o ser humano: penso en John Constable, por exemplo. Ao camiñarmos pola praia negra imos vendo os restos deslabazados dun naufraxio dos 80, que algún entusiasta en internet confundía cos restos do avión no que viaxaba Leslie Howard en 1943 e que os junkers do III Reich derrubaron diante destas costas. O barco enteiro segmentado en anacos ferruxentos. Naquel lugar abandonado, o abandono humano completaba o todo.

TACTO
Máis arriba, en San Andrés de Teixido, revisitamos o santiario. Deberon pasar quince anos desde a última vez. As casas encaláranse e a aldea encamíñase cara a fusión nuclear entre o espiritual e o comercial: tres locais ofrecen racións de percebes a quince euros, pero nas vendedoras hai aínda un silandeiro respecto polo propio santuario e a súa tradición. Imos cara a fonte santa, a colleitar auga para o noso San Xoán. Aquel espazo está xa totalmente remozado nun estilo neorrústico de escadas de madeira e bancos de recreo. Para o noso anoxo, observamos que desapareceron os panos atados nas árbores que co seu apodrecer marcaban o ritmo de curación dos oferentes. Un cartel convida a non deixalos. Quen pensa que os panos húmidos e apodrecentes son un problema estético, non entende nada. A estética, na cultura tradicional, é a función: non se pode separar a unha da outra. E é a cultura tradicional a que alimenta o San Andrés de Teixido. Non os amantes dos contornos rústicos.

GUSTO
Ao chegar a casa abrín un Crozes Hermitage do 2015. Mercárao deixándome asesorar por un vendedor que me deu demasiados indicios, tamén el, de estilo: pero desta volta un xeito como de Rioja cor tella, de chuletón con riberita, de coñac e nostalxia de casino. Colleume coa garda baixa, coa vontade de que decidiran por min por unha vez. E abofé, un exceso de madeira e concentración frutal. O viño, coma os deuses, sempre se escollen á nosa imaxe e semellanza.

OLFACTO
É extraña a experiencia de ler novelas dos columnistas de opinión, pensei ao rematar, deslumbrado, o primeiro capítulo de Malaherba (Alfaguara, 2019), a primeira novela de Manuel Jabois. O estilo é, por suposto, un constructo, un exercicio. Un fai estilo como quen tece encaixe ou pica pedra: de maneira plenamente consciente, conciliando efectividade e estética. Dito isto: tamén é certo que non se pode escapar del, alomenos sendo sinceros. Mesmo nos escritores máis camaleónicos, o fondo do estilo está aí, recoñecible. No caso dun columnista, un estilo que pode ser espléndido para un artigo de opinión resulta cargante, aburrido e, ao cabo, insoportable, nun texto de ficción. Non é o caso de Jabois. Malaherba mantén a técnica de impactar cunha frase, e iso podería ser o anticipo da catástrofe. Tamén o de usar rotundas afirmacións mesmo para asuntos etéreos. Isto podería casar moi mal coas novelas, sobre todo cando se narra desde a voz dun neno. Amélie Nothomb fai o mesmo no seu Golpéate el corazón (Anagrama, 2019) cunha bebé opinando como unha señora, e trátase dun achado fantástico e perturbador. Jabois consegue dilatar o seu xenio e espacialo entre os parágrafos. Ou sexa, que é paciente para dominar o seu Jabois interior e deixarnos respirar. O resultado é indispensable. En serio.

OÍDO
Non lles falei do magnífico espectáculo que comandou Abe Rábade en Compostela nas últimas festas. Recreou na praza da Quintana os poemas de Federico García Lorca, nun espectáculo, Lorca namorado, que —sen saber eu os custes que tivo— atrévome a afirmar que só se puido facer por un grande acto de xenerosidade dos que nel participaron. É imposible que saian as contas do que alí tal fixeron, visto o pouco que se paga a produción propia. A materia humana que compón a cultura deste país é impresionante. Xa contra o final, comeceime a preguntar onde conseguirán vender este espectáculo: é demasiado bo, demasiado universal para un país que se nos está quedando estreito en pequenas fronteiras locais. Que teñan toda a sorte que merecen, que é moita.

ESTRINXIMENTO
Comecei esta columna nun estremo do país e remátoa noutro. Baixo ao Xurés no coche de Jorge Coira, que acaba de estrear a serie Hierro en Movistar+. Fixen os deberes a noite anterior e papeime varios episodios; non sempre un pode ir ata Celanova co director dunha serie. Aquí vemos unha serie concibida, escrita e dirixida polo talento audiovisual do país na que os actores e o guión non padecen de estrinximento: a tensión dramática suavízase e dispérsase, o humor altérnase coa traxedia. Do cal dedúcese que algo debe haber nas augas do país que provoca disfuncións intestinais na factura das series que producimos para consumo local. Parece que só poidan ser parodias ou dramas terribles, case novecentistas e sen dúbida carpetovetónicos. Deixamos aquí o campo aberto aos motivos.

Comentarios