Opinión

Estrelas na economía

THOMAS PIKETTY aparece arestora como a grande rockstar da economía, tal e como o definiu un xornal británico, e isto a pesares de que os seus libros non son precisamente accesíbeis a grandes públicos.

O capital no século XXI era un estudo en esencia para especialistas, cun fondo e unha prosa densos. Para Capital e ideoloxía o economista francés optou por un tema candente e máis accesíbel, o da desigualdade, pero levou a extensión da obra case que ás 1.300 páxinas —sen notas técnicas e fontes, que se poden procurar nun anexo en liña—.

Quizais ao autor non lle parecese ben o que imos dicir, pero o seu libro non ten moito de economía e si de historia e ciencias sociais, o que o fai realmente apaixonante. Piketty parte dun argumento difícil de refutar: a desigualdade está a medrar no mundo e para explicar este fenómeno non abondan as ferramentas exclusivamente económicas, senón que se deben estudar os contextos políticos, sociais e educativos e a súa relación coa riqueza.

E tamén debemos estudar a Historia porque se está a dar un fenómeno paradoxal. As sociedades foron desigualitarias ata 1914, pasaron por un longo período de distribución da renda impulsado polas guerras mundiais e o medo á esquerda revolucionaria e, cando todo facía agardar un mundo máis equilibrado grazas á democracia e a tecnoloxía, nos anos 80, comezou un camiño de retorno que leva a que arestora a concentración de riqueza do 1 por cento supere a do 50 por cento de cidadáns que menos posúen.

Aínda máis, o 1 por cento está a conseguir un triunfo indiscutíbel, constatado tamén por Piketty: que unha parte da poboación desfavorecida apoie, por exemplo, unha política fiscal favorábel aos ricos, sen ferramentas que poñan límites aos paraísos fiscais e tributacións creativas. Nas razóns para explicar isto atópase a principal debilidade do enorme ensaio.

Os partidos que adoptaron posicións máis radicais en canto á raza teñen sido abandonados polos electores con maior formación académica

Quizais nun esforzo para se separar de posicións excesivamente achegadas a unha determinada esquerda académica, Piketty establece dúas hipóteses: O aproveitamento por parte das forzas de dereita dun discurso aberta ou encubertamente racista e o fracaso da socialdemocracia á hora de responder ás necesidades dos estratos máis desfavorecidos. Malia que as considere complementarias, o autor inclínase cara a segunda para explicar de xeito máis completo o fenómeno… e con isto cae en abertas contradicións con outras partes do ensaio, nas que demostra con datos —sempre abundantes— a importancia do factor «social-nativista» en sociedades coma os Estados Unidos —por exemplo, se só votasen os electores brancos, o último presidente demócrata tería sido John Fitzgerald Kennedy en 1960—.

Tampouco axuda a esta liña de argumentación o feito, avalado tamén pola estatística, de que os partidos que adoptaron posicións máis radicais en canto á raza teñen sido abandonados polos electores con maior formación académica —sobre todo, os procedentes de contornos familiares nos que as rendas do capital son escasas—.

Malia este e outros matices que se podan introducir ao discurso do estelar economista francés, a longuísima lectura deixa unha tese clara e imposíbel de refutar por estar avalada por centos de estatísticas e táboas: a desigualdade é o principal problema á que se enfrontan as nosas sociedades.

Nace dun determinado statu quo —do cerne mesmo dos nosos estados e organización como a UE— e a quebra deste está a provocar a competencia entre dúas alternativas; posíbeis, pero distintamente desexábeis dende o punto de vista da igualdade: as ideoloxías nacionalistas e racistas. por unha banda. e as que forman o socialismo democrático, igualitario e internacionalista. pola outra.

Comentarios