Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Galiza sempre no horizonte

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo. Pai e fillo artellaron, dende a creatividade e o compromiso cun ideario, boa parte do imaxinario nacionalista nos anos 20. A barbarie mallou neles e escachou o tempo das ilusións. Aquela semente é a protagonista desta mostra.

IsaacNON HABÍA horizonte máis fermoso para pai e fillo, non había unhas arelas maiores de liberdade e esperanza que albiscar, dende as pedras de Compostela, o futuro galeguista e republicano dunha terra. Camilo Díaz Baliño (1889-1936) e o seu fillo, Isaac Díaz Pardo (1920-2012), protagonizan Con Galiza no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela no espectacular espazo que conforman o Salón Artesoado e a Capela Gótica no Colexio de Fonseca, a carón da sede central da Biblioteca da Universidade de Santiago. Esta institución que, xunto co Ateneo, promoven a mostra, que se pode percorrer ata o próximo venres. Unha sobranceira achega a ese labor rexenerador e bulideiro que se viu mancado co levantamento militar e a posterior represión, que levou á morte do pai e a fuxida do fascismo do fillo.

Baixo o artesoado de Fonseca contemplamos o seu labor e como Camilo Díaz Baliño chegou a Compostela en 1920 para traballar na escenografía e propaganda artística de Isaac Fraga. Nese mesmo ano nace Isaac Díaz Pardo. Tamén vemos como se artellou dende o seu talento creativo e artístico cun extraordinario manexo do debuxo, todo un universo visual e simbólico. Este estaba ancorado na tradición celta, no Románico e no Barroco composteláns, no Santo Graal e noutros elementos que renovaron o seu valor sentimental como cerna dun pobo para sumarse a nova causa nacionalista.

Inxeridos no ambiente xurdido das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a editorial Nós, do seu bo amigo Ánxel Casal, toda esa simboloxía forneceu ese horizonte de esperanza que desembocou no estatuto de autonomía de 1936. Pero o sol afundiuse nese horizonte e as gadoupas fascistas fixeron que a noite o invadise todo. 

Camilo Díaz Baliño foi executado no verán de 1936 xunto a tantos outros. Varios deles quedaron inmortalizados nunhas extraordinarias caricaturas coas que arrinca a mostra e nas que queda ben clara a súa calidade coma debuxante. Arrepía poñerse ante ese itinerario de rostros que tiñan as horas contadas. A exposición continua cos deseños para a propaganda do estatuto de autonomía que saíu do seu taller, como lembra Isaac Díaz Pardo, quen colaborou en varios deles, así como en facer os do propio Castelao, seguindo as súas indicacións.

Céltiga, Lar e Nós eran as tres editorais máis representativas dese momento tan especial, e en todas colaborou Isaac Díaz Baliño baixo o ideario das Irmandades da Fala e o urxente e necesario labor de fomentar o galego dende a publicación de libros. Especialmente abondosa foi a súa produción de portadas para Lar na que deseñou corenta capas que completan a colección de novela curta e que aquí se amosan.

Nela amósase a semente que quedou inzada na terra e que continuou a facer medrar Isaac Díaz Pardo

Elementos publicitarios como os relacionados coa empresa de transportes Castromil, as súas escenografías para a empresa Fraga e os espectaculares lenzos adicados ás diferentes cidades galegas que fixo para a emisora de Radio Santiago inaugurada en 1933 completan esta sala. Nela amósase a semente que quedou inzada na terra e que continuou a facer medrar Isaac Díaz Pardo, primeiro dende o exilio e a colabora con Luis Seoane, e despois co seu regreso e a creación do Laboratorio de Formas de Galicia, coas cerámicas do Castro e Sargadelos, as Edicións do Castro e o Museo Carlos Maside.

Un proxecto vital, de novo coa mirada posta nun horizonte. Neste caso, a recuperar, a partir daquela semente compostelá, que, dende a cultura, pretendía facer agromar un sentimento común de pertenza e relacións entre os cidadáns dun pobo.

Isaac Díaz Pardo volta a Santiago nos anos 80 establecendo a súa residencia en San Marcos, no Instituto Galego de Información, de onde nunca deixaron de saír ideas e proxectos. Pero sempre no recordo aquela rúa das Hortas, o taller do seu pai, a casa onde naceu, a Compostela que deixaba de ser a "rosa mística de pedra" de Valle Inclán para converterse na "musa de Galicia e onde unir todos os valores do pobo galego", como dixo o propio Camilo Díaz Baliño. Moitos deses valores son os que fundamentan esta mostra imprescindíbel para coñecer e achegarse a dous homes inigualábeis que miraron por riba do seu propio horizonte buscando o dun pobo, o de Galiza.

Comentarios