Opinión

Non ei barqueiro nen sei remar

A mañá é azul e limpa na Ría de Vigo. Piso a area da praia de Cesantes e abro o termo do café. Son as nove da mañá e o equipo de gravación xa o dispuxo todo para gravar a Queta, filla dun represaliado do fascismo franquista. Era músico de vocación, tamén zapateiro e taberneiro. Botou preso tres anos na Illa de San Simón, despois trasladárono a Figueirido...

A NÉBOA É mesta e fermosa polo bordo esquerdo da ría, aínda á sombra. Un paxariño deslízase sutil entre a area ao pé do mar e a ledicia invade o meu fillo, tamén a min. A beleza do mundo maniféstase a cada momento, co seu reverso de dor. Hoxe é o último día de gravación, logo de varias xornadas de traballo duro e semanas previas de moita preparación. Queta é un libro aberto, fala con precisión de datas e lugares, sensacións, recordos. As súas mans, finas, sosteñen con mimo unha caixa feita con madeira dos buxos de San Simón que era de seu pai: dela extrae cartas manuscritas dalgún asasinado, unha partitura, unha foto de seu pai de mozo...

O barco achéganos á Illa de San Simón. O equipo de gravación descende e nós imos detrás. Axiña chegará tamén o resto, veñen no barco do actor Andrés Giráldez. Camiño polo paseo dos mirtos co gran Tatán, alma mater de Tanxarina Teatro, comediante, actor, cantante... Cóntame a historia de seu avó, Alberto Marín Alcalde, preso tamén en San Simón. Outro intelectual silenciado, como tantas persoas que puidesen ter marcado un rumbo distinto para o noso país. El esquivou en San Simón a morte. Santiago Rodríguez Soldado, o pai de Tatán, estivo preso no campo de concentración de Argelés, en Francia. Paramos e ficamos en silencio, percíbese o mar. Os gardas mollaban o chan onde durmían os presos, para facer máis incómoda aínda unha estadía xa de por si horríbel. De cando en vez, cobrábanlle favores sexuais a algunhas mulleres que viñan visitar os seus homes. Era o prezo a pagar por poderen velos. Outras, sen relación ningunha con eles, traíanlles palla para vencer a humidade, roupa, tabaco, alimento... Atencións e coidados. As madriñas de San Simón.

A miña muller, Alba, rexistra en fotografías todo o proceso de gravación. Está falando con Tero Rodríguez, a actriz e integrante de Os Quinquilláns que lle dá vida á profesora Ernestina Otero. Ela foi unha das artífices do despegue da educación durante a II República. A Ernestina expulsárona das aulas e acabou limpando a roupa dos presos de San Simón, enchoupada en sangue polas malleiras. Andrés Giráldez aparece caracterizado de preso e consúltanos a indumentaria. Dubida entre dúas chaquetas. As cámaras rexístrano nun plano secuencia: pasa por todos os estados de ánimo dun preso. Calquera día podía ser o último.

Arturo, o técnico de son, faime reparar nas erugas procesionarias do chan: únense as unhas ás outras na súa parsimonia de envelenamento silente

Paseamos de novo con Tatán, lembra algunha cousa da rodaxe de A lingua das bolboretas, namentres Uxía, directora artística do proxecto, ultima os detalles da gravación musical, noutro recanto da illa. Trae convidada sorpresa. Arturo, o técnico de son, faime reparar nas erugas procesionarias do chan: únense as unhas ás outras na súa parsimonia de envelenamento silente. Un fascismo natural.

O meu fillo repara nunha raia que se ve no fondo do mar, dende a rampa. E a canción comeza a soar. O sol loce de xeito parecido a como debía lucir hai oitenta e catro anos. É case imposíbel non emocionarse escoitándoa. O lugar reviste transcendencia e memoria, a que algúns lle quixeron quitar. Quixeron disfrazar con mentiras e disparos a verdade que non poden ocultar as palabras.

A illa como espazo de excepción e posibilidade. Na literatura, o símbolo da conquista ou o naufraxio. Cando marchamos, as súas formas vanse facendo cada vez máis difusas, como as da memoria. Aínda temos uns minutos antes de marchar a Baiona, alí agarda por nós un coñecido grupo musical de mulleres. Paramos nun dos bares máis teatrais do país, o bar da estación do tren de Redondela. Os trens van e veñen, a luz vermella e azul do blues dos Stones. O ollo distraído puidese confundir os cartaces que adornan a parede con pósters do fútbol. Pero unha mirada atenta rebela unha chea de artes do Festival Internacional de Monicreques de Redondela. Tamén, carteis de promoción de obras de Tanxarina Teatro. O local de ensaio está preto de alí.

A tarde lévanos a Baiona e Salceda. Aos lugares da represión. O mar bate enfurecido contra os penedos abaixo do cantil. É un sitio que perfila ben o límite entre a vida e a morte. Co abandono dos corpos sen vida, os franquistas buscaban a parálise da conciencia cidadá.

As costuras do silencio, o medo ás represalias... Mulleres rapadas no alto do palco da festa, para o posterior escarnio público. Outras cousas.

Na noitiña acabamos nunha curva escura, preto do Porriño. Blanca Francés cóntanos con serenidade e mestría, entre ruídos de camións, do asasinato de seu avó e doutros familiares. A vida que tivo que arrastrar súa avoa. As costuras do silencio, o medo ás represalias... Mulleres rapadas no alto do palco da festa, para o posterior escarnio público. Outras cousas. A vileza nauseabunda. Finalizado o seu relato, deposita unha rosa sobre o monumento en homenaxe ás vítimas. Dende que o inauguraron, non tardou nin dous meses en aparecer pintado e roto. Pero volveuse inaugurar. Nin o limparon nin o repararon. É a mellor proba da verdade dos feitos e da clase de xente que perpetrou estes terríbeis crimes.

Despedímonos exhaustas, pero felices, o traballo rematou, por agora. No traxecto en coche meu fillo, de oito anos, sorpréndeme coa súa lucidez, nese momento tan propicio á revelación que é o entresoño: "Papá, por que falabades de que eran fascistas? Por que fascistas? Que é iso de fascistas?". Explícollo namentres abre o libro agasallo de Tatán, Titiricircus Tanxarina (Kalandraka). Dixo Unamuno que o fascismo curábase lendo. É tarde cando chegamos á casa. Véñenme á cabeza os versos que comentara a Uxía hai uns días, os de Mendinho, o trobador medieval. Neles, unha muller fala da espera do amor, un canto sinxelo que atravesou setecentos anos até nós:

Sedia-m’eu na ermida de San Simion/ e cercaron-mi as ondas/ que grandes son:/ eu atendend’o meu amigo/ eu atendend’o meu amigo!

Comentarios