Opinión

Non era dor

Foi polo Entroido. Tiña seis, talvez sete anos e uns idiotas dende unha moto guindaron un petardo á beirarrúa. Alí estaba eu, disfrazado de Mago Merlín canda miña nai. Chorei por esa dor aguda que provoca nos oídos unha detonación así. Antes, en segundo curso, un neno da aula virouse cara a min cunha coitela, facéndome feridas nos cinco dedos da man. Pareceume terríbel e sentín unha dor atroz.

TEMPO despois, talvez un ano antes, outro idiota maior ca min ordenoume que pousase o oído contra o buraco dun tubo metálico no vello parque de Frigsa, un día que xa era noite, volvendo de adestrar. Un estourido descomunal fixo que caese ó chan revolvéndome da dor no tímpano e cunha sensación de aldraxe de fondo. Uns anos despois manquei o cóbado xogando ó fútbol e volvín chorando prá casa e alí seguín varias horas, probablemente cunha boa distensión e un traumatismo importante.

Nun deses veráns pelexeime cun neno nunha pista de skate en Ribadeo sen saber o por que —penso que el tampouco o sabía pero pelexaba mellor ca min—, xa non lembro ben o motivo; cando rematamos, vía luces amarelas e vermellas como fogonazos de luz e dor. Ardíanme as orellas, o pelo, a pel, as costas e os beizos. Funme camiñando tranquilo prá casa, atordado e arrepentido. Tempo despois, no campo do Guitiriz, saín a xogar no último minuto e o defensor despexou o balón, que impactou contra o meu nariz. Caín ó chan sangrando polos fociños como un cocho, case non me tiña en pé. Anos despois, sentín dobrar o nocello cunha dor que me facía ver as estrelas, nunha carreira a toda velocidade durante un adestramento. En Boadilla, tempo despois, outro idiota pisoume o nocello e chorei da dor de novo. Tres anos antes, xa desfixera o xeonllo ao deslizarme polo chan contra o pau dunha portaría. Cando mirei o meu xeonllo, parecía como un óso deses que che ofrecen na carnizaría pra cocer a sopa, coa pel descarnada arredor.

Mirábao e vomitaba namentres me daban os puntos. Volvendo da escola, con vinte e tres ou vinte e catro anos, estrelei a cen quilómetros por hora un coche de meus pais, nunha recta preto de Parga. Foi contra o BX branco dun vello que viña de darlle de comer ó gando: decidira cruzar a estrada dunha beiravía á outra sen mirar se viña alguén. Sentín un lategazo na cara ó rebentar o airbag e parecía como se houbese unha festa do talco ou da coca polo polvo branco que desprenden estes dispositivos. Foi un impacto brutal e manquei o colo por anos debido ó esforzo de non soltar as mans do volante, lesionando probabelmente as vértebras. Ó día seguinte, fun adestrar e xoguei aquel mesmo sábado un partido en Toledo. Lembro que cando baixara do coche, o frontal xa non existía e o motor era como un puto acordeón. Comecei a tocarme e mover as pernas como se acabase de protagonizar algún tipo de milagre. "Dáme un abrazo, chaval, puidemos matarnos", iso foi o que me dixo o vello coa cabeza vendada como os héroes de guerra, ó día seguinte, cando o visitei pra cubrir ben o parte de accidente. Anos despois, apañei un minotauro -así lle chamaba o Darío ó neumotórax- e pensei morrer onda un tractor azul en Riotorto. No hospital perforáronme o pulmón e botei tres semanas entre recuperándome e agoniando, até que me levaron de urxencia prá Coruña, onde finalmente sandei. 

Pero nada disto foi comparábel ó parto da miña compañeira, cando naceu o noso fillo Loisiño

Pero nada disto foi comparábel ó parto da miña compañeira, cando naceu o noso fillo Loisiño. Foi como se, de súpeto, ningunha daquelas experiencias da dor tivesen valor ningún. Xa non significaban nada diante daquilo. O meu límite de dor non era nada comparábel a iso que presenciara. "O milagre da vida", como lle din nos documentais de sobremesa. Era unha dor pura e real, sen ningún filtro, como un ollo aberto de todo o vivo que nace ó mundo.

Quero dicir que, estatísticamente, a dor concreta fai parte da miña vida e de calquera das nosas vidas con moita máis frecuencia da que imaxinamos. Pero é como se ningunha desas dores signifique xa absolutamente nada pra nós. Que me pode importar ningún deses sucesos agás o parto onde vin o noso fillo por primeira vez? E, malia ser a máxima expresión da dor, —ou unha delas— é un recordo alegre. Porque as outras non existen na medida en que esmoreceron no seu momento: resolvéronse pechadas no tempo e non hai xeito de volver revivilas, por máis que nos recreemos imaxinándoas. Supoño que así debe ser.

Pero as verdadeiras dores son practicamente intransferíbeis e non comunicábeis, teñen moito de abstracto aínda que derivan do concreto. Son como un río subterráneo que flúe dentro de nós e do que case podemos escoitar a súa corrente de auga e pensamento se prestamos un chisco de atención. O máis que somos quen de facer son aproximacións torpes que nos deixan exhaustos ou relaxadas nun determinado momento. Pero, ó contrario cás primeiras, nunca, nunca se van. Por iso é un erro vivir de costas a elas pero facémolo porque somos seres humanos. Está na nosa natureza iso, "somos así". Prevalece máis ese impulso case innato que calquera outro tipo de construción intelectual. Agora, por exemplo, se un garda silencio pode ver a néboa, o picapeixe, a auga mansa da súa dor, alí ó seu carón, onde sempre estará.

Comentarios