Opinión

Premios y méritos

PERMITAN que hoxe chimpe por riba da habitual anécdota persoal e vaia dereito aos feitos.
Pérez Galdós
photo_camera Pérez Galdós

O 27 de xaneiro deste ano anunciouse polos medios correntes —é dicir, as seccións de cultura dos diarios madrileños— o triunfo dunha biografía de Benito Pérez Galdós escrita pola catedrática da Universidade de Las Palmas Yolanda Arencibia no Premio Comillas, existente hai tres décadas; pero de éxito hai menos dun lustro como operación publicitaria de Tusquets, encargada de editalo.

Pensarán vostedes que son eu moi crítico ao cualificar o asunto de operación publicitaria, pero deben ter en conta que estamos perante un galardón que segue as particulares regras do sistema literario español, no que contra todo costume civilizado se premian obras inéditas. Se queren outro dato que avale a miña teoría, velaquí o teñen: non hai xeito de atopar nos buscadores en liña o seu palmarés completo.

Casualmente había pouco máis de vinte días que se cumprira o centenario do pasamento de don Benito, habilmente aproveitado nas cabeceiras matritenses, moi atentas nos últimos tempos a gabar calquera elemento do glorioso pasado español... aínda que para iso tivesen que ignorar o feito de que se Galdós vivise ao mellor era un perigoso socialista e, dende logo, un anticlerical de moita sona. O éxito estaba garantido.

E chegou a pandemia e con ela os problemas. O libro, anunciado para maio como a estrela do primeiro semestre no ensaio en español, pasou a aparecer como só dispoñíbel o vindeiro 31 de decembro, algo que os compradores expertos sabemos que equivale a un sine die. Só contra metade de maio se anunciou a súa saída para o 16 de xuño; o día máis literario posíbel, por certo.

Podo asegurar que boa parte dos críticos que a comentaron non se molestaron en lela

Que pasou polo medio? Non o sabemos. A autora deixou un comentario en certa rede social no que falaba de atrancos cos últimos datos do proxecto. Os suplementos culturais tocaron as típicas campás de "obra histórica", "biografía definitiva", "libro que marca unha época". Podo asegurar que boa parte dos críticos que a comentaron non se molestaron en lela.

Galdós. Una biografía está mal escrita e mal editada. Aínda máis, está moi mal escrita e moi mal editada se temos en conta que Yolanda Arencibia é indiscutibelmente a maior experta no autor que hai en España e que Tusquets é un selo moi fiábel. Non se entende como a unha e a outros se lle pasaron ducias de grallas nas datas —"No son buenos para Galdós los primeros meses de 2013", p. 719—, entre elas nada menos que a que encabeza o primeiro capítulo. Nos primeiros centos de páxinas atopamos ademais un balbordo de nomes sen unha moi precisa árbore xenealóxica e o incómodo costume de presentar personaxes xa vistos —Sellés, por exemplo— ou non presentar outros descoñecidos para o lector non erudito.

Galdós é un xigante da literatura española e universal, en opinión de moitos incomprensibelmente ignorado no estranxeiro dentro do panorama da novela realista. Cando un escritor, crítico ou profesor traballa sobre el hai que ter o máximo rigor xa que o listón está moi alto: de Galdós falaron Manuel Alvar, Francisco Ynduráin, José Pérez Vidal ou Ricardo Gullón, por só citar a un feixe de glorias da historiografía literaria española. E esa esixencia ten que aparecer en todos os aspectos da obra. É indiscutíbel neste caso a sapiencia da autora, a súa fonda lectura e comprensión, mesmo a adoración que nela esperta o seu paisano. Por iso é incomprensíbel tal desleixo estilístico e os lectores só podemos agardar que nunha segunda edición se poña remedio a todo isto e que a biografía ocupe o lugar de referencia nas vindeiras décadas que merece pola fonda investigación de Yolanda Arencibia.

Comentarios