Opinión

Santa Bárbara

O RITMO dos lanzamentos editoriais viuse afectado polo coronavirus coma outros moitos aspectos da nosa vida diaria. Agora que estamos en proceso de desescalada as editoriais deben tomar decisións difíciles: poñer uns ou outros libros na rúa ou colocar estratexicamente algúns títulos acaídos á situación ou que podan ter bo encaixe nuns intres nos que a lectura pode ser unha táboa de salvación mental e intelectual.
Táboa

Tusquets, por exemplo, semella que adiou a saída da súa enorme biografía de Galdós, quizais a estrela do ensaio en primavera. Na Galiza, agardamos novas sobre o segundo volume da biografía de Castelao e a prometida poesía completa de Ferrín.

Alianza Editorial non detivo a súa actividade na medida que outros selos e pode recibir réditos da súa aposta grazas a libros coma Mitos y realidades del estado de bienestar, un ensaio do catedrático salmantino Rafael Muñoz de Bustillo que entra á perfección na primeira categoría, a dos libros acaídos para este período sanitario e económico. Nas últimas semanas, paseniño, o debate público foise desprazando da medicina é economía política e por desgraza cunha boa cantidade de desinformación que poderían resolver libros coma este.

Como en xeral moitos só lembran a Santa Bárbara cando trona, as últimas semanas estiveron cheas de gabanzas ao sistema de protección social que posuímos e pagamos entre todos, e aplausos en especial aos sanitarios. Rematada a celebración e cunha crise ás portas, as distintas sociedades en todo o mundo deben decidir cara onde camiñan e Muñoz de Bustillo debuxa, na práctica dous camiños e toma partida por un con armas e bagaxes argumentais.

A senda principal é a do reforzo do estado de benestar, que ten que levarse a cabo, como di o título, cunha análise dos mitos e as realidades. Os mitos aos que Muñoz de Bustillo se refire coñécense agora como posverdade e son o pan noso de cada día en Occidente dende a entrada nas institucións da extrema dereita: os inmigrantes que destrúen o sistema sanitario, as mulleres que desequilibran a meritocracia coas súas cotas, a paguiña que vai facer que os vagos vivan no paraíso… Todo isto queda desmontado con argumentos políticos, económicos e estatísticos; o que, por outra banda, sube e moito o nivel do debate e fai que a lectura, por momentos, non sexa sinxela.

A outra posibilidade é o progresivo desmonte desta estrutura, no que tamén ten un papel protagonista a dereita. Un dos principais mitos do estado de benestar que destrúe o autor é que se trata de paquetes de medidas radicais e asociados á esquerda. De feito, é tese aceptada polos historiadores serios tempo atrás que as coberturas á poboación foron unha concesión dos conservadores europeos en distintas fases para deter os avances electorais das forzas comunistas e socialistas. Muñoz de Bustillo constata que, desaparecido o ‘perigo’ do réxime soviético, as forzas conservadoras non teñen ese estímulo.

Se a isto sumamos problemas reais —o cambio climático, o efecto da revolución tecnolóxica no mercado de traballo e o envellecemento da poboación occidental que provoca maior gasto nunha partida fundamental como as pensións— atopamos un estado de benestar cuxa sostibilidade está en cuestión. Para Muñoz de Bustillo as solucións están claras, polo menos no caso español: para comezar, maior presión fiscal e un esforzo para a redistribución da renda e a diminución das desigualdades; para seguir, agardar que no futuro o dixital reduza as xornadas de traballo máis e faga subir a produtividade. É dicir: as solucións que boa parte da clase política e a prensa cualifican de radicais ou asociadas á extrema esquerda para despois saír a aplaudir aos médicos, enfermeiras e auxiliares ao balcóns.

Comentarios