Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Universo Quessada

O Museo de Pontevedra acolle unha revisión do universo pictórico de Xaime Quessada (Ourense, 1937-2007) que permite afondar na súa capacidade para percorrer diferentes itinerarios plásticos ao longo da súa vida, amosando espazos pouco coñecidos desa traxectoria.

SE PARA ALGO ten que servir unha exposición antolóxica é para deixar constancia dos diferentes fitos creativos dun artista poñendo luz, sobre todo, naquelas etapas máis descoñecidas ou menos tratadas ao longo da súa vida. Esta é a aspiración que ten a mostra O universo de Xaime Quessada, todo un reto ao propoñer amosar toda unha traxectoria que nos afaste da visión que se ten deste artista, moi cinguida as súas últimas décadas de vida, na que un barroquismo formal de cor, luz e figuración encheu as súas obras establecendo unha rápida detección do seu traballo por parte do espectador.

Baixo o experto comisariado de Pilar Corredoira ese coñecemento da maioría do público da obra do artista ourensán proxéctase en diferentes direccións, tanto cronolóxicas como á hora de asumir estilos ou propostas artísticas, permitindo coñecer un pintor determinado a aplicar, dende a súa individualidade e percepción da realidade, moitas das correntes que aparecían por Europa e que el coñecía de primeira man, antes que no noso propio territorio, pola súa presenza neses puntos xeográficos esenciais para a renovación da arte.

Así é como nos adentramos nesta mostra que acolle o Museo de Pontevedra cunha primeira sala espectacular, na que se amosa ao pintor decidido a selo, a asumir novas linguaxes que potencien un estilo propio, e que non renunciaba a medirse aos grandes fitos da arte do seu tempo. Deste xeito o cubismo, o informalismo, o expresionismo e a fulcral achega de Picasso —emocionante presenza da obra ‘Estío’ (1959)—, agochada nun soto durante moitas décadas, e agora parte do depósito do Reina Sofía no Museo de Belas Artes da Coruña), vanse debullando como semente para o resto da súa obra, recompoñendo, ao longo de toda ela, espazos e percepcións que xa asomaban nos anos 50 e comezos dos 60.

Cando nos achegamos ao cadro 'El dictador' temos esa sensación que só son quen de transmitir os grandes pintores ao conter todo un universo no seu interior.

Xa nos atopamos entón a un creador que afundía en Goya e Picasso o xeito de entender este país e as súas circunstancias sociais e políticas, un elemento que sempre estivo moi presente nunha obra de forte compromiso humano. Cando nos achegamos ao cadro El dictador temos esa sensación que só son quen de transmitir os grandes pintores ao conter todo un universo no seu interior. A xeración dunha atmosfera e dunha narrativa que se estende á cerna dun país caracterizado pola súa autodevastación a través de guerras e loitas fratricidas. Datado en 1961 a valentía de Xaime Quessada é máis que evidente, sendo unha declaración do seu posicionamento como creador e como activo cultural fonte a podremia que asexaba ao seu arredor. Ese labirinto español será tamén o título doutra peza que se move nas mesmas coordenadas, aínda que pintado tres anos despois, outro fío dese compromiso co ser humano que voltará a repetirse en 1970 co seu cadro Vietnam ou en 2002 con Las torres gemelas ou un ano despois con El laberinto español, IV que, intelixentemente se expón fronte a aquel primeiro labirinto de catro décadas antes, amosando que seguimos sendo moi semellantes a como eramos naquel tempo.

Os anos 60 amosan un pintor que afunde noutro referente, Francis Bacon, cunha pintura cinética, na que o movemento das figuras e a súa descomposición permite estudar unha serie de compoñentes como a luz ou a cor que comezarán a tomar protagonismo na súa pintura dende entón, atopándonos nos anos 80 con ese pintor moito máis coñecido pola espectacularidade das súas composicións, por uns territorios oníricos enfocados dende a coexistencia de figuras e seres misteriosos que enchen as esceas dun máxico desacougo. Unha fantasía pictórica que ten moito de hipnótica cun espectador que semella adentrarse neses lenzos de gran tamaño. É, quizais, o Quessada máis singular, o que é capaz de situarnos máis alá do real, onde a imaxinación dun artista so pode medirse con el mesmo na consecución dun logro. Esta mostra, que estará aberta ata o 10 de xaneiro, é a plasmación dese logro, ao tempo que a descuberta dun universo que son moitos. Miradas ao mundo e ao ser humano a través duns cadros que, como fiestras, nos permiten contemplar o que somos, apegados sempre a unha Galicia arredor da que sempre xirou a obra deste ourensán universal.

Comentarios