Detido en Vigo por agredir a súa exparella tras entrar na súa vivenda rompendo unha ventá

O home agarrou polo pescozo á muller e insultouna
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 42 anos de idade, J.M.R.S., como suposto autor dun delito de violencia de xénero e outro de violación de morada, tras acceder á vivenda da súa exparella rompendo unha xanela, e agredila e ameazala. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do mércores, cando o 092 recibiu unha chamada, na que unha muller alertaba de que a súa exparella tentaba entrar no seu domicilio, na zona do Calvario. 

Cando unha dotación chegou ao lugar, atopouse nun piso a dúas mulleres que inmobilizaban a un home. Unha delas, explicou que o home era a súa exparella, co que mantivera unha relación ata o pasado mes de xaneiro. 

Segundo o relato dela, estaba no seu domicilio cuns amigos cando escoitou un ruído de fractura de cristais. Ao dirixirse a outra estancia da casa, comprobou que a súa exparella rompera a xanela e introducírase na vivenda, momento en que a agarrou polo pescozo e insultouna e ameazouna, pero a muller foi socorrida polas persoas que a acompañaban. 

A outra muller explicou que acompañara ao sospeitoso ata o domicilio da súa exparella e que se quedou no exterior. Así mesmo, corroborou que o seu amigo entrara na vivenda da súa exparella e ratificou a versión a vítima. Por estes feitos, o home, que é de Vigo, foi detido. 

Comentarios