Miércoles. 12.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 12.12.2018
El tiempo

A moqueta da cultura

Nas primeiras edicións do Culturgal non había moqueta. Baixo os pés dos visitantes estaba o cemento do pazo e esta perspectiva de horizontalidade e falta de postureo, esa perspectiva tan galega de que o cemento é o arranxo de tantos problemas do país, tiña consecuencias inesperadas: rebaixaba a temperatura do espazo. O cemento é así: quita a auga dos camiños, pero non é moi confortable nos interiores

O QUE PASABA por riba do cemento cultural daqueles anos era, ao mesmo tempo, a conclusión de que o voluntarismo non podía asumir a actividade e a identidade de toda unha cultura, e a constatación de fondo de que lonxe do soporte público non había case movemento para que un sector cultural gañase capacidade operativa, campo de manobra, gañase un horizonte que permitira a autodeterminación. E autodeterminación quere dicir: ter público propio e ter capacidade económica. En realidade é unha única circunstancia porque na sociedade contemporánea ter público quere dicir ter capacidade económica.

Culturgal leva exemplificando o sistema cultural galego da última década. Que si, que o hai, que é frustrante porque evidencia cada vez máis a falta de músculo para presentarse por si mesmo. Culturgal explica en tres días o que informes completos non queren sintetizar: a cultura galega ten oferta suficiente para asumir as necesidades dun país, pero a demanda non é tan rotunda. Por explicalo sen agresións. A oferta da cultura do país é variada e, incluso nos momentos baixos, dá para o entretemento e as profundidades. Ten espectro popular e alta cultura. Incluso ten postureo, que é algo que todo sistema cultural precisa para insultarse a si mesmo. Ten de todo menos a convicción do público. Ten de todo menos a seguridade de que cando ofrece algo vai haber xente mirando. Tampouco é casualidade.

Nos últimos corenta anos a preocupación fundamental da cultura foi ser homologable. Homologable coa contorna. Esta foi unha angueira non moi reflexiva e algo acomplexada: quizais tería sido máis operativo ver cales eran as singularidades e facer delas identidade que tentar demostrar que somos coma o resto. A preocupación, en parte, foi herdada. Pero chegados á cultura autonómica esa necesidade homologadora transformouse na estimulación da oferta pola vía da profesionalización dos procesos anteriores, maioritariamente voluntaristas, e a posta en marcha de sectores culturais que reafirmase a existencia dunhas profesións capaces de entenderse coa sociedade e de ter unha interlocución que tamén aspiraba a ser económica.

A estratexia pode ser considerada equivocada, pero desde o punto de vista da creación de sectores profesionais tivo éxito. Con ollada simplista, tivo máis éxito no teatro e no audiovisual que na literatura. Non foi moi exitosa na arte contemporánea. E tivo o éxito esperable na música porque sucede con frecuencia que en países con problemas de autoestima a música é a única que asume a identidade sen manchar. Deuse máis éxito na música que no periodismo.

Agora, como entón, a cultura galega ten que encontrar un público. Este labor quedou historicamente pendente

A estratexia puido ser a inversa: estimular o uso da cultura ata que ese uso xerase a posta en marcha dos sectores. Pero soaba a neoliberal e a presión dos profesionais nunha sociedade sempre é máis constante que a do público. Esa presión dos sectores que querían profesionalizarse empurrou o avance da cultura galega. Con perspectiva xeral ese avance ralentizouse en canto tería que ter comezado a segunda fase: encontrar un público para toda esa oferta. Agora, como entón, a cultura galega ten que encontrar un público. Este labor quedou historicamente pendente. Cada sector tentou amañar as súas propias contas e a idea dunha cultura que se asumira a si mesma como un sector completo pasou a ser un horizonte sen detalles, unha realidade difusa. Nin sequera reivindicable.

Culturgal demostra cada ano o mesmo que demostran as librerías, o mesmo que as axendas culturais, o mesmo que os patios de butacas: que só arredor da cultura destinada ao público familiar/infantil parece haber atracción no público para a oferta galega. E pode ser unha circunstancia con futuro de non ser porque en canto chega a adolescencia o uso cultural parece marchar noutra dirección. Sen regreso na maior parte dos casos.

Desde hai anos o Culturgal ten moqueta. Pero non é por presumir. É para ter os pés quentes. Por moito que digan os románticos e os seus erros vitais: unha cultura, como un país, debe ter os pés quentes e a cabeza fría. A cabeza fría sinala que a cultura galega non librou como debía o labor de encontrar públicos. A idea que os públicos aparecen é inxenua e, quizais, está patrocinada por sistemas que non teñen problemas de públicos. O público para a cultura galega é unha asignatura que segue pendente. Pero é a asignatura. Non pode haber cultura sen públicos. E unha cultura non pode buscarse a si mesma sen buscar ao seu público.

Nun sentido xeralista, a cultura galega avanzou sector por sector; pero esqueceu os argumentos que hai en común entre eles. Esqueceu presentarse a si mesma como unha cultura completa, mesmo como o que é: unha cultura complexa, contraditoria e con esa tensión constante entre ser reveladora ou ser representativa. Esa tensión constante e imprescindible entre ser unha cultura de autor ou unha cultura de públicos. Coas zonas de sombra, cos espazos de cruce. Os sectores culturais asumiron a batalla diaria da supervivencia, da dependencia institucional, de moverse nunha cultura á que se limitou o seu campo operativo para convertela —vou insistir nesta idea— nunha reserva india. Para convertela nunha sección doutra cousa superior que non precisaba ser nomeada, só facía falta situala como superior. Na batalla diaria perdeuse algo da estratexia de chamar polo público e tamén a imprescindible teoría de entender toda cultura como unha rede na que as vibracións duns fíos deben producir movemento nos outros. A idea de conxunto quedou a unha formulación case política e pouco práctica. Perdeuse a retroalimentación duns sectores con outros. Perdeuse a idea de pertencer a unha cultura máis que a unha profesión.

A moqueta da cultura
Comentarios