viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

O colapso que seremos

Un colapso non é un accidente. É un proceso con mal fin. Un proceso que acaba mal pese a que polo camiño todo o mundo saiba que vai acabar mal. En moitos sentidos, un colapso é o resultado de non querer entender correctamente os síntomas. Os electorais, os económicos, os políticos. L’Effondrement (O Colapso) é unha serie sobre todas as cousas que faremos en canto todo o que consideramos seguro e sistémico se desvaneza. E non é unha serie apocalíptica

ESTE COLAPSO está rodado en capítulos breves en plano secuencia e aínda sendo esta unha característica narrativa que pon moita distancia entre esta serie e case calquera outra das posibles, non será a diferenza máis salientable. A elección do foco argumental é chamativa porque a serie non quere explicar o punto de partida. O colapso pode ter puntos inicios infinitos e a intención da serie producida por Canal + non é contar como se producen os desastres senón como reaccionamos nós diante deles. O efecto lupa é inmisericorde con nós e sen necesidade de grandes aparellaxes narrativos coloca o asunto onde debera estar tanto nos malos como nos bos tempos: Que decisións tomamos antes de cada acción? E verdadeiramente non son as accións as que nos definen?

Aínda que non estea de moda e aínda que non haxa sentenzas finais, L’Effondrement (Filmin) é unha serie moral. É unha obra sobre os comportamentos á que as coincidencidas deste momento encóntralle unha semellanza oportuna co presente. O sistema rompe, as certezas desaparecen e cada quen toma as decisións de supervivencia que considera imprescindibles. Pero estas decisións afectan negativamente á supervivencia dos demais. A decisión moral da serie é exhibilo o máis próximo á realidade posible. Non é apocalíptica, non esaxera; as decisións contadas teñen toda a lóxica da realidade. Tampouco se para moito nos motivos, sobrevivir é un argumento que non necesita explicacións. Non é necesario detallar que os personaxes que protagonizan os capítulos teñen un motor poderosísimo para actuar como fan nesa nova normalidade.

No dilema de sobrevivir ou facer mal —cando aparece formulado como dilema— sempre gana quen máis violencia sexa capaz de desenvolver

O Colpaso dá por sentado que a supervivencia implica utilizar a violencia como uhna ferramenta. E non chega con que sexa defensiva. No dilema de sobrevivir ou facer mal —cando aparece formulado como dilema— sempre gana quen máis violencia sexa capaz de desenvolver. Gana quen máis desconfíe, gana quen peores intencións atribúa aos demais. Isto non é novidoso porque hai quen acumula papel hixiénico e hai quen esconde as patentes farmacéuticas das vacinas por baixo dos tecnicismos legais da propiedade intelectual co honradísimo fin de ganar moitísimos máis cartos. Tamén hai sistemas sanitarios que esquivan administrar tratamentos polo seu elevado custo. As formas de violencia son infinitas, os padecementos teñen case sempre o mesmo fin. A serie é unha demostración da condición humana e non se pode dicir que este argumento non foi atendido en longametraxes, novelas, series boas e series malas, cómics ou capítulos dos Simpsons. Sen embargo, hai no xeito en que esta serie conta as situacións que dá un paso máis. A maneira concentrada de contar: desentendéndose do antes e do despois, escollendo un momento moi concreto dunha historia que é inmensa. En certo sentido, actúa como o relato breve. Non ten aspiración de contalo todo, pero confía en que a parte que conta consiga explicalo todo.

Xunto a brevidade está o plano secuencia que, a pesar de todo o artificio que require está destinado a engadir realidade. Engade urxencia e caos, engade drama e iso acaba por definir o argumento fundamental da serie. Esta é unha serie dramática, pero nin sequera pesimista. Quizais sorprenda por devolvernos ao que sabemos. Por tentar devolverlle ao cualificativo humano algunhas das súas peores condicións. Por recuperar para a civilización algúns dos rasgos inevitables da especie. Que non se perderon, que seguen aquí, entre nós, en formas variadas. Porque antes de que cada colapso chegue ao seu momento definitivo sempre hai sinais, advertencias, avisos que son contundentemente ignorados en función de decisións egoístas ou curtopracistas, chámense terrazas, segundas residencias ou quedada cos colegas. Antes de todo colapso, incluso moito antes, hai evidencias que son despexadas con variables formas de violencia ocultas por procedementos legais ou grandes palabras. Antes dos colapsos, incluso dos electorais, hai advertencias que son atacadas sen querer admitir que eses ataques xa forman parte do sistema para colapsar. Xusto aí, cando chega ao octavo capítulo, é onde a serie resolve peor o contado, cando tenta dar unhas explicacións que a propia proposta da serie consideraba inncesarias.

A retórica das explicacións é mentirosa. Unha das virtudes da serie é escapar delas. Fuxe delas moito mellor do que fuxe o mundo habitualmente. Incluso fóra das campañas electorais que tanto se empeñan en demostrar que a reiteración é a mellor forma de ocultación.

O colapso que seremos
Comentarios