jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Disney e o ruído blanco

O gran ganador do nadal non é o papa de Roma. O gran ganador das festas dos bos desexos é Disney, capaz de blanquear o humor, a acción, e de deixar calquera historia en algo insípido, incoloro e ata indoloro. O gran invento de Disney foi o público familiar e desde esa plataforma do rebaixe acabou por ocupar todo o mainstream cultural utilizando o nadal como punto de desembarco para facerse con todo o entretemento occidental para maiorías.
Walt Disney
Walt Disney

COMO O NADAL comeza en novembro, para cando chega o 20 de decembro, calquera está cansado de tantos bos desexos, de tanto escoitar nos anuncios que o cea se gana regalando obxectos brillantes cando a práctica diaria é a contraria: o ceo dos cartos só se pode ganar recibindo. O 22 de decembro, entre o exceso de felicitacións e a frustración loteira, calquera pode ter a intención reequilibradora de poñer a cabeza noutro lado e ir ver ou escoitar algo que o devolva ao mundo real, un mundo sen augas de colonia, sen perfumes que fan máis muller ás mulleres e máis home aos homes. Sen aspiradoras envoltos en lazos e sen o turrón que volve a casa ao mesmo tempo que os cuñados.

No actual estado do país, o de saír a dar unha volta para escapar do espírito do nadal non é aconsellable: non hai escaparate que non lembre que si, que todo é posible se cres que a paz e o amor é o destino da especie, que hai que ter ilusión. Descarto Vigo para recuperar a tranquilidade normativa porque o karma de Cachamuíña está por completo entregado ao particular nirvana de Santa Claus. Un esperaría que para fuxir do alumeado festivo os lugares con escuros habituais fosen un lugar de retiro efectivo. Repasar a carteleira escénica entre o 15 de decembro e o 7 de xaneiro ten un punto desolador. Postos a ser algo repunantes, e de pensar que Mister Scrooge era un visionario que intuía algo do deslumbrante futuro, a carteleira ofrece todas as posibilidades posibles dentro do mesmo espectro: máxia, malabares, acrobacia. Variables formas do circo que hai tantos anos quedou sen carpas. Entre o cine e o teatro non hai xeito de encontrar algo con certa carga adulto. Nen sequera unha comedia con algo de mala intención. Circo e musicais, circo musical, comedias con gags transparentes e espectáculos infantís que cada nadal que pasan parecen rebaixar en algo a idade dos espectadores aos que vai dirixido.

En calquera destes espectáculos está a marca de Disney rebaixada de nivel en función da capacidade económica de cada produtora ou do que as institucións programadoras están dispostas a pagar.

Ballets rusos, contos clásicos musicados, algúns personaxes de televisión movéndose en coreografías mínimas, Dumbo, Pinocho, Moncho Borrajo, outro ballet ruso. A carteleira no dá tregua e quizais chegue a chamar a atención a presenza en Galicia do ballet do Exército Ruso que ata hai nada se chamaba Exército Roxo. Que chegue a Galicia xusto nestas datas dá unha idea aproximada do tamaño que ten ese exército e cantos compromisos chega a atender. Tamén podería ser unha vinganza da guerra fría.
En calquera destes espectáculos está a marca de Disney rebaixada de nivel en función da capacidade económica de cada produtora ou do que as institucións programadoras están dispostas a pagar. Disney é unha empresa transversal que é capaz de impregnar calquera cousa e que, finalmente, está trasladando esa maneira de entender o entretemento a case todos os segmentos da sociedade. Comezou polo cine e con esa idea de utilizar á chavalada como escudo humano contra a profundidade. Esa idea final de que a infancia debe ser preservada do sufrimento ficcional cando, en realidade, parece relevada de ver algunhas demostracións de intelixencia escénica. A idea dunha sociedade na que só hai malos e bos e na que, habitualmente, os malos parecen moito máis listos e os bos son inxenuos. Disney entende que a especie humana debe ser enganada para seguir sendo boa e inxenua, de maneira que poderá seguir sendo enganada para poder ser guía polos máis rectos dos camiños da bondade. Se non había suficientes problemas pedagóxicos con mandar á cativada ao un cine con estas premisas, resulta que a sociedade occidental é parca á hora de ter fillos: a familia vai toda xunta aos espectáculos, cando menos dous proxenitores e un vástago. A industria apreza un filón porque por cada entrada infantil vendida van dúas adultas.

A primeira reacción a este cambio de composición do público foron algunhas películas de animación que incluían gags máis alá da idade infantil. Pixar fixo algo así, películas das que os adultos saían dicindo: "Pódese ver e ten o seus puntos". Pero que o cine infantil madurase era algo imposible de admitir e Disney mercou as produtoras que estaban facendo cambiar a animación. Aceptou todos os avances técnicos e volveu ao seu ruído blanco. É mellor que a sociedade se pareza máis á rapazada, as películas non deben ofrecer matices. O cumio deste retroceso é que Disney mercou ‘Star Wars’ e o que había de wéstern cos seus malos algo humanos desapareceu. Non respectar nin as tradicións americanas.

Todo isto non debería ser un problema para o espectador repunante de non ser que cando o patrón manda que o público familiar é así, o resto do mundo do espectáculo ponse a pensar nese espectáculo tan blanquísimo como era o trofeo de nadal do Real Madrid. E pola vía do canon todos os espectáculos vanse baleirando ata quedar no instranscendente. Como se a falta de substancia fose o grande horizonte da vida.

Disney e o ruído blanco
Comentarios