jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Eu tiven unha granxa no San Amaro

A melancolía pode matar. A melancolía mata como mata a burricie ou a ignorancia. Ou a sanidade mal atendida. Mata como matan as contas mal botadas. Tampouco hai que poñerse dramáticos... Mata como mata a vida, pero neste caso non lle damos a importancia que ten. Estamos en guerra contra a melancolía, pero non nos decatamos porque imos perdendo.

EN TIVEN unha granxa no San Amaro; pero non era miña, nin era granxa. Era do meu pai e de ninguén máis. Nin sequera da miña nai por gananciais, que eran un formalismo legal. Tampouco era unha granxa. Non tiña as uralitas a dúas augas, nin o silo para o penso que acabou sendo familiar en todo o interior ourensán situado detrás do rótulo de Coren. Era como un pazo vido a menos reconvertido en explotación gandeira. Vacas, bestas, ovellas, cans e gatos eran os animais da granxa, ademais da miña familia, que nunca chegou a ter o glamour dos Durrell a pesar da insistencia en tratar coa natureza asilvestrada. Touzas, soutos, navais, lameiros, carballeiras eran sitios da granxa e ennumerados así soan a recompilación de literatura galega antiga, con vocación enxebre e ánimo conservador. Con esa predisposición a convertelo todo en toponimia como se todo tivese que converterse en propiedade.

Eu non tiven unha granxa no San Amaro nin un avión para percorrer os aires de Galicia e ver a paisaxe como un retrinco destecido. Nin tiven unha chea de xente que recoñecesen a miña branca palidez superiorizante sen necesidade de pronunciar a palabra amo, cando os campos non fixeron que as contas deran. Non tiven nada diso, pero desde a desmemoria construída ou a memoria deconstruída podería dicir que si tiven e recontar as veces que houbo que ir de madrugada recuperar bestas perdidas pola súa fame de toxo mellor. Podería ser ruralizante e convincente porque en Galicia o rural é unha verosemellanza moi aceptada por máis que case ninguén teña unha idea real da vida no campo. Non digo na vida bucólica ou na vida nunha casa do campo con dependencia dun salario urbano. Digo na vida rural dependendo dun salario rural. Porque esta tamén é unha distancia sociolóxica entre a realidade e que a ficción imaxinativa di para o concepto galego de rural.

O bonito da combinación de literatura e melancolía e que podo dicir que si, que tiven unha granxa no San Amaro que, segundo os meus parentes, quedaba a un lado do Carballiño. Todo o mundo pensará que é verdade, que a tiven, que a habitei, que a padecín e que a pesar das condicións había algo de idílico na súa contorna. Que era tan novo que aínda non me dera tempo a facer distingos. Non tiña permiso nin para ter memoria. Non tiven granxa, pero si que tiven alguén que me lavase o pelo: miña nai.

Podemos facernos os inxenuos ou, aínda peor, os inocentes; pero xa é hora de admitir que sen apropiarse de algo é imposible avanzar

Non tiven unha granxa no occidente ourensán, pero agora podo escribir que si. O tempo cambia moito os discursos. A historia non cambia, pero o xeito en que se conta si. Se non tiven granxa, pero agora podo contar que si é porque o que si teño é a media distancia.

A media distancia é un espazo entre a realidade e a ficción, un lugar no que a perspectiva engana de maneira que entre o lugar que ocupas ti e o lugar que ocupa o lector hai unha relacción ficcional pero verosímil. Mentirosa tamén. Narrable, pero non verosimil desde o punto de vista da realidade.

Deste xeito, alguén que ocupe unha posición paralela a min no lugar da granxa sabería que eu non a tiven. Sabería que fun un accidente familiar no convecemento de meu pai de que o campo non morrería nunca. Pero quen me vexa desde a distancia, coa miña figura interposta entre el e a granxa, advertirá que o meu perfil parece incrustado sobre o borroso skyline da explotación agropecuaria. É unha ilusión óptica, pero funciona moi ben. É convincente. Como a melancolía.

A literatura funciona como a memoria e a memoria sempre é melancólica

Podo utilizar a media distancia e facer un discurso de apropiación, e podo pedir desculpas polo seu carácter sentimental. Pero quen desconfía sabe que todo é perverso e que as cousas nacen e logo se fan a un oficio. Como internet, que naceu para liberarnos da verticalidade social, e agora é a principal ferramenta do grande irmán. Podemos facernos os inxenuos ou, aínda peor, os inocentes; pero xa é hora de admitir que sen apropiarse de algo é imposible avanzar. A literatura tamén é un mecanismo de apropiación, unhas veces moi interesado e outras veces moi evidente. Pero non sempre sei se a literatura se apropia porque ese é un dos seus oficios ou só se apropia das cousas porque non ten outro xeito de operar. Como a melancolía que se apropia das cousas ou se se quita con ansiolíticos.

O 95% da literatura vive nesa media distancia. Toda a que non é texto legal ou contrato hipotecario. A Constitución española tamén esta moi atacada da media distancia porque só quen a mira como se vivísemos na época na que foi firmada ten boa opinión dela. O 95% da literatura vive na media distancia e hai que entender tan alta porcentaxe porque unha parte moi grande da literatura é melancólica. Podería dicir toda, pero tería que dar unha explicación moi longa sobre mecanismos operativos. A literatura funciona como a memoria e a memoria sempre é melancólica. Os matices, coma sempre, para outro día.

Pero non é fácil crer que a literatura melancólica, nin a de provincias —adoitan coincidir—, nin o bucolismo, nin os coros e danzas,  nin a idea de emprendemento rural vaian sobrevivir nesta guerra fría permanente a que aqueles prados, ríos, arboredas, pinares que movía o vento, vacas suízas, cans de palleiro, cabalos sen monte, ao feito de que aquel campo é ser un campo de golf de oito buracos e de que a pesar do seu limitado número e o seu escaso tamaño a memoria marche por eles sen chegar a ser nin unha sombra distante de Blackburn, Lancashire.

Eu tiven unha granxa no San Amaro
Comentarios