viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Ninguén será salvado

As comparacións son preciosas cando se fan ben. Revelan prexuízos, pero que tire o primeiro teclado quen non os teña como primeira arma contra o asalto permanente das razóns de peso. Comparemos dúas series sen case nada en común no punto de partida, The Accident e Watchmen. No de chegada, en cambio...

THE ACCIDENT é unha serie furiosamente realista e Watchmen é unha peza na explotación televisiva dos superheroes da banda deseñada. É unha peza, pero non é unha máis. Dirán que non é práctico comparar unha serie realista e outra completamente botada ao monte do fantástico. Que operan distinto, que teñen un público distinto e todas estas opinións previas que teñen un gran cometido clasificatorio, pero que o espectador pode obviar nos seu día a día. Pode ver capítulos dunha e outra sucesivamente e pode ver unha detrás doutra. E si, aínda que non sexa científico, comparará. Porque somos así: comparamos e logo tomamos decisións aínda que sexan para mal. Para ver Accident non necesita nada previo, para ver Watchmen tampouco.

The Accident (Filmin) é unha serie inglesa con toda a aparencia en contra para ser un éxito numérico. Quizais teña máis espectadores que O que arde, pero estas cousas non son comparables. O argumento tamén parece normal: unha empresa constrúe un centro comercial nunha vila de Gales que, grazas a ese centro, recibirá un impulso económico. O centro ten defensores e detractores e o debate é teletransportable a iniciativas comerciais ou industriais de Galicia. Algo se torce na historia e hai unha traxedia. A trama, en realidade, comeza con como reacciona cada quen na vila, na empresa, na prensa. Como o que si di na rúa non vale no xulgado. A serie é tan realista que ninguén é exactamente bo nin exactamente malo. Teñen motivos para facer o que fan, pero son os seus.

Watchmen non é realista. Está ambientada no universo DC, ten como procedencia a banda deseñada e ten superheroes, pero viviron tempos mellores. Levan máscaras, pero nin son de Verín, Xinzo, nin de Laza. Levan máscara a xeito de supervivencia. Unha vez máis o planeta está a un paso da aniquilación. O planeta podería ser só os Estados Unidos, pero xa dixemos que non era realista. Os superheroes non dan feito porque andan disimulando coa súa propia vida e quen de verdade ten poderes pediu unha excedencia porque non lle gusta o que pasa cos humanos. A serie é tan fantástica que ninguén é exactamente bo nin exactamente malo. Teñen motivos para facer o que fan, pero son os seus.

The Accident vai na liña de The Virtues, é unha serie que doe. É unha serie sobre a condición humana e non ten por obxectivo enganar o espectador. The Accident ten un pouco máis de pouso político porque finalmente, hai concelleiros e hai permisos de construción, medios de comunicación e empresas coa súa constante ambición de rendibilidade. As traxedias son persoais pero a súa interpretación é política. Como na vida diaria mesma.

Watchmen é fantástica, pero ten unha parte de trama política entendida como a entenden os norteamericanos. Hai ambición desmedida e unha trama oculta na que alguén quere un poder absoluto. Para os norteamericanos isto é normal. Matan os seus presidentes nunha de cada catro películas de acción. Para Europa isto non funciona tan ben. Poñamos por caso: o audiovisual galego está cheo de thrillers con corrupcións, asasinatos, mafias rusas, pero nunca matan un presidente da Xunta. Os campos ficcionais non funcionan igual para todo o mundo.

A ficción audiovisual ofrecía case sempre unha resposta tranquilizadora ao desasosego: virá alguén mellor e liberaranos.

No que se parecen The Accident e Watchmen é nun sentido da conclusión: ninguén será salvado. Non hai futuro, e, se o hai, non é para ben. Un espectador pode encontrar unha liña paralela entre a realidade que imita a primeira e a ficción na que se manexa a segunda. É esa escuridade da condición humana que Disney está tan empeñada en branquear na súa cada vez máis ampla oferta, incluíndo The Mandalorian ou calquera dos anuais capítulos de Star Wars. As persoas son boas ou malas, teñen días; pero en caso de conflito non é imprescindible esperar o mellor. A ficción audiovisual ofrecía case sempre unha resposta tranquilizadora ao desasosego: virá alguén mellor e liberaranos. Superheroes, por exemplo. Pero Watchmen deixa claro que non: que están feitos da mesma materia dos humanos e a pesar da súa prodixiosa capacidade de rendemento nas liortas non están libres dos sete pecados capitais.

As dúas series son convincentes. A Watchmen nótaselle o orzamento a favor, Accident é moito máis modesta e o seu valor defende aquilo que guía á ficción desde hai máis de tres mil anos: unha historia verosímil, complicada nas súas consecuencias e cunha interpretación entregada e profunda.

Watchmen para ser unha serie fantástica chama a atención pola súa calidade interpretativa. Tamén é certo que a serie móvese no xénero, pero as súas motivacións, as relacións dos seus personaxes son clásicos. Como de toda vida.

O paradoxo destas dúas series, e do exercicio de comparalas contra todas as indicacións académica, é que se houbera unha luz ao cabo do túnel, esta non está na serie que é máis realistas. Na fantástica queda no final un punto aberto de salvación. Non é un final feliz, claro. Pero queda unha físgoa. Desde a realidade unha certa posibilidade de futuro parece imposible. Desde a realidade só hai o que hai: iso que encontrades en canto levantedes a vista destas letras.

Ninguén será salvado
Comentarios