Blog |

Pepe Carvalho volve ao pastiche

Carlos Zanón escribe de novo a Pepe Carvalho. Hai debate sobre se isto ten sentido. Pero a novela está publicada. Ese personaxe de Vázquez Montalbán quizais sexa o mesmo ou quizais sexa outro que se parece moito a el como calquera de nós se parece algo a aquel que foi hai vinte anos. As comparacións son odiosas. Pero esta novela, non

NA MÚSICA todo isto está moito máis claro. Que hai unha canción, un estilo, un argumento que gusta? Faise unha versión e xa queda claro que é unha adaptación, que é unha peza transformada e que hai unha dialéctica entre obras. Tamén queda claro o asunto dos dereitos de autor. Non sempre, é certo. Hai veces que a distancia entre plaxio e versión acaba nos tribunais. Na literatura o asunto das versións non se leva así e causa esa preocupación de a quen está lendo. Carlos Zanón atrévese con Pepe Carvalho. Coa Barcelona coetánea a nós. Atrévese con Manuel Vázquez Montalbán e con aquel ensaio ao vivo sobre a literatura subnormal e cun xénero que o autor de ascendentes galegas traballou brechtianamente: co distanciamento e coa certeza de que, no fondo, a contemporaneidade é pastiche ou non é. Zanón recolle a Carvalho e deixa inquedas ás bases lectoras sen saber con certeza se aqueles que botan de menos os raios X da novelística de Montalbán encontrarán aquí calma para a súa nostalxia.

O título da nova novela xa proclama unha vía de escape: a porta de emerxencia para quen non se sinta a gusto coa versión: Carvalho. Problemas de identidad xa permite entender que aquel detective desclasado, cínico e sentimentalmente gastrónomo é ou non o mesmo de sempre. Non é. Pero a físgoa do asunto é que todo cambia co tempo e Carvalho tamén. Que fixeche, Pepiño? Que fixeches desde aquela Barcelona olímpica a esta soberanista. De Maragall a Colau. De Pujol a Torra. Ese punto de fuga marca a novela porque Zanón non pode ser Montalbán. Non é incapacidade, é imposibilidade biolóxica.

O pastiche é o grande xénero contemporáneo. Xa o era para aquel Montalbán que daba voltas polos solares da transformación barcelonesa. Pero o pastiche ten moi mala prensa e por iso non serve de explicación. Zanón déixase ir na idea de que este pastiche é unha homenaxe que non deixa de provocar a tentación de volver sobre o orixinal e establecer comparacións imprescindiblemente odiosas. E non se pode ler así esta novela que como narración funciona ben. Se o detective que a protagoniza tivese outro nome non pasaría nada: todo o mundo pensaría que o personaxe tería moito de Carvalho e que a literatura española ben lle debe unha homenaxe e un pago polos servizos prestados a un escritor tan lúcido e esclarecedor como Vázquez Montalbán. Podería ser outro detective, pero Zanón traballa sobre o personaxe e as circunstancias actualizadas dun personaxe que para ben converteuse nun referente de como ofrecer unha paisaxe social desde un xénero disciplinado ao practicismo das tramas. O autor daquela encontrou esa terceira vía de dar trama e non perder a referencia de que un retrato do mundo ten que estar presente en toda obra que se preste.

Non estou moi posto en gastronomía, pero este detective parece máis bebedor que comedor

Para este Carvalho, para esta versión de Carvalho, queda a dúbida de por que a literatura, sexa alta ou baixa, segue tan apegada á idea decimonónica de que o autor é como deus e ten dereito a todo, a todas as decisións. Non pasa na música, non pasa no teatro, non pasa no cine. Sucede na interpretación da literatura e non sei se é que imos con retraso ou que, a diferenza doutras artes, o nome do autor segue sendo un poderoso argumento de venta: un eloxio da individualidade creativa. Zanón debe ser consciente do atrevemento e do tamaño da montaña a escalar e entra moi humildemente, moi precavido, a toda esta reconstrución dos sinais de identidade.

Nos detalles este Carvalho vulgarizouse un tanto. Pode ser outro sinal dos tempos. Telecinco daquela non mandaba tanto nos gustos populares. Non había Twitter e as discusións tiñan unha dimensión igual de absurda, pero con moitísimo menos ruídos. Aquel Carvalho era un descrido do mundo cultural, pero as súas citas e os seus referentes parecían querer desmontar as incidencias da alta cultura sen invalidalas. Para este Pepe as citas son máis a necesidade de facelas. O diálogo cos referentes dunha cultura occidental teñen menos amargura intelectual e quizais un punto máis de desprezo. Hai algo que se perdeu polo camiño, pero calquera pode pensar que a biografía do que entón era desencanto agora é directamente o abandono da derrota. Queima libros, pero poñamos que antes, ademais do lume directo, había un desmonte intelectual que nunca acababa en indulto aínda que os libros ardesen mal.

Non estou moi posto en gastronomía, pero este detective parece máis bebedor que comedor. Outra vez poderían ser os desgastes do tempo. Pero é máis probable que teña que ver co dominio do escritor sobre o argumento. Para Montalbán, en certo sentido, a gastronomía era o folclore do detective. Era, tamén, unha demostración do cambio de certas elites intelectuais daquela época que cambiaron as discusións sobre a descomposición da esquerda polas discusión sobre a deconstrución da cociña. Tamén é certo que aquel detective que foi free lance para a CIA era moito máis político que este. Máis político no sentido amplo da expresión. Zanón, por se acaso, se pregunta que pensaría Montalbán sobre a situación de Catalunya hoxe e esa pregunta revela unha certa frustración. Bótanse de menos aquelas explicacións contundentes sobre a realidade. Eran literatura, claro. Pero tamén eran política.

Pero se a novela se desentende de quen é Carvalho, e conforme avanza vai desaparecendo esa presión, os Problemas de identidad son unha narración que responde ao xénero e que está escrita para tentar contentar a quen espera a un detective concreto e a quen non o leu. Zanón manéxase no debate e non abusa das marcas por máis que tente competir coa agudeza dos diálogos que fixeron grande a Carvalho agrandando a dialéctica do detectivesco. Montalbán xogou moi ben a facer un pastiche sobre aquel xénero que non precisaba de desculpas culturais para vivir. Zanón tenta devolver ese xogo sobre Carvalho. Consegue mellor facer unha novela criminal que devolver os brillos ao personaxe. Pero quizais isto é unha tentativa imposible.

Comentarios