jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Que a forza nos abandone

Cando a Constitución chegou 'Star Wars' xa estaba aquí. A España chegou primeiro o western galáctico con paternidades confusas que o texto magno. Cando Luke aínda non sabía quen era seu pai eu estaba asomado ao galiñeiro do cine Xesteira en Ourense. Era 1977 e agora está moi mal visto dicir que a película e a Constitución son máis daquel tempo que deste

O Xesteira era un cine que parecía xigantesco. Tiña un patio de butacas grande e un palco popular. Un galiñeiro no que, se te sentabas na primeira fila, podías mirar as calvas de máis da metade do cine por riba do balcón que formaba. Para a vida popular, esa posición era case privilexiada. Nese lugar, na primeira sesión de tarde dun día de semana vin Star Wars —La guerra de las galaxias, que se dicía daquela— sen saber que era unha nova esperanza nin un antigo xénero recuperado nin que 41 anos despois podería ver esa mesma película retocada nunha televisión máis grande que a miña imaxinación xuvenil en materia de pantallas. Non podía intuír daquela nada da saga e o verdadeiramente certo é que non me importou en absoluto. Ese día de 1977, nunha España sen Constitución e unha Galicia sen Estatuto, eu faltei a clase e fun ao cine. Nesa orde da consecuencia vital. As dúas cousas foron boas para a miña educación e malas para o meu currículo. En sentido idéntico da consecuencia.

O Xesteira era un cine que parecía xigantesco e estaba cheo aquela tarde antes da liberdade sen ira. Tamén encheu cando The Godfather cinco anos antes ou Apocalypse now dous anos despois da estrea estelar. Enchía mesmo cando estrearon algo similar ao surround na Batalla de Midway. Parecía que os cines grandes ían durar sempre. Pode ser certo se entendemos que sempre perdeu moitísimo horizonte temporal.

O Xesteira desapareceu e Star Wars chegou a Telecinco. Nin sequera é posmodernidade: son os corenta anos que pasaron co fin dunha ditadura que non deixa de aparecérsenos nas formas máis variadas, coa Guerra Fría gañada polo cine, coa guerra de clase ganada polos bancos, coa guerra diaria perdida no fin da Historia. Son os corenta anos que nin sequera podemos dicir que fosen en paz. As catro décadas e tres crises que, en conxunto e sen matices, fixeron aparecer novas formas de pobreza e novísimas formas de riqueza. E quedamos sen unir os puntos. Quedamos como Luke e o seu androide cómico: sen querer entender que ese señor de negro peor que unha troika é seu pai. Desapareceu o cine e apareceu Telecinco. Non sei se haberá mellor resumo para estes corenta anos que quixeron ser unha resposta e só foron unha paréntese. Catro décadas de minicasas e adosados. Co paradoxo permanente. Coa Constitución intocable e Star Wars con engadidos.

Non teño nostalxia polos vellos cines. Onde estaba o Xesteira houbo tres ou catro negocios de hostalaría. Todos deron en fracaso. Nin sequera Inditex pasou por alí. Iso é moito abandono da contemporaneidade. O mesmo era frío en inverno. Pero non estou seguro. Porque hai corenta anos o clima era unha percepción persoal e hoxe é un espectáculo informativo.

Hai corenta anos non tiña idade para estar de volta. Estaba sen avisar porque ese país que responde ao nome de España estaba saíndo doutro prazo de corenta anos que, en máis dun sentido, segue de corpo presente. Ninguén advertía daquela ao público que vía con naturalidade asombrada que Tatooine tivese dous soles que todo podía ser interpretable alén do que a aventura tivese a ben dispoñer sobre os heroes. Naquela altura había verdades e mentiras, aínda que o mínimo cálculo sempre sinalaba que había máis das segundas que das primeiras. Xa existía a posverdade, pero non lle daban ese nome. Todo parecía máis sinxelo, máis directo. De tal modo que cando Han Solo metía o Falcón Milenario no hiperespazo escapando do imperio non parecía momento de pensar que todos os imperios son o mesmo imperio, e que a rebelión era por devolver o universo a unha república coa súa democracia perdida había moito, moito tempo, porque serían corenta anos pero pareceron un ano luz.

Mentres Darth Vader desaparecía no horizonte escuro da galaxia pasaban cousas ao saír do cine. Aínda era día. Había os entusiasmos propios de sobrevivir aos tiros dunha película. E que na mesma historia houbese mosqueteiros, soldados e vaqueiros. E princesas defendendo a república que daquela non era para tanto, pero hoxe segue sendo un bonito argumento para unha historia despreocupada de se na caixa está ou non o gato.

Naquela altura había verdades e mentiras, aínda que o mínimo cálculo sempre sinalaba que había máis das segundas que das primeiras

Isto era hai corenta anos e tería estado ben atravesar o ancho corredor de entrada do Xesteira deixando ao lado dereito o ambigú, entrar no cine, sentar, e saír xusto agora, domingo 16 de decembro, atravesar os cascallos dos negocios fracasados e saír á rúa para ver canto cambiou o mundo. Porque naquela altura a xente ía ao cine a ver películas e hoxe as películas chegan a nós por vías que no pasado eran inverosímiles. Non é sorpresa que o mundo cambie, sorprende máis que sigamos botando contas como se seguíramos dentro dese cine. Porque neses anos George Lucas fixo moita caixa, Luke encontrou un pai, a Constitución só foi cambiada cando apurou a respiración asistida da troika; pero os cines foron quedando sós.

En lugar do galiñeiro do Xesteira, agora asomo ao balcón dominical de Telecinco. Non sempre distingo se cando os rebeldes destrúen a Estrela da Morte e a película remata Telecinco e o seu país terá cambiado. Se a rebeldía serviu para algo ou se é precisamente esa rebeldía confusa a que nos deixa sentados no galiñeiro de domingo na casa entre os restos dun xantar desganado e unha sesta con descanso entrecomillado.

A Skywalker danlle unha medalla, pero, a pesar da miña adolescencia aconstitucional, nunca cheguei a ter un poster de nada que tivese que ver con Star Wars. A pesar de todo, a primeira segue sendo a mellor de todas por máis que o 77 foi peor ano mesmo que 2018. Pero o asunto das preguntas segue vivo. O cine vai por diante da realidade. Pero os cines foron pechando: Iso non debería ser unha advertencia?

Que a forza nos abandone
Comentarios