jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Quedar sen máis alá

As identidades con problemas de aceptación acaban producindo literatura. Non é exactamente o último recurso, pero quizais non sexa o máis caro. Phillip Roth escribiu unha novela á que Trump veu dar toques de verosimilitude contemporánea. Desde aí, pola man de David Simon, deullos a unha serie.
XERAIS
XERAIS

HAI TRES meses eramos menos crédulos cos grandes cambios na Historia e hai uns anos alguén creu que a Historia chegara ao seu fin. Agora estamos plantados fronte a unha ducia de pantallas e por todas elas chega a mesma mensaxe: iremos a peor. Desde os primeiros anos do século XX todas as formas narrativas habidas e por haber explicaron con contundencia que o futuro era unha invención tirando a inxenua. Un horizonte falso como as películas de Disney, que quería deixar nas nosas cabeciñas ocupadas en recoller moedas que o bo sempre estaba algo máis adiante. Sempre adiante había que ir, «over there, over there» —«alá, alá»—, que cantaban os yankees cando ían a guerras que estaban seguros de gañar, sempre adiante e se non era para nós sería para os nosos fillos. Hai tres meses eramos menós crédulos cos revolcóns da historia a pesar de que os datos das dúas décadas deste século XXI xa daban para desconfiar. Pero agora, dun día para outro, a norma vital cambiou e xa estamos dispostos a crer que o futuro é unha ficción e que case todas as ficcións con finalidade práctica acaban por deixarnos nunha parada de bus á que non queriamos ir.

Agora creremos mellor a Phillip Roth e os seus reclamos sobre as condicións totalitarias de determinadas decisións de Donald Trump. O zapeo compulsivo permíteme unha reorganización argumental e dou por feito con liberdade posmoderna que o fin da serie The plot against America (A conxura contra América) non remata cos títulos de crédito, senón coas imaxes do telexornal nas que Trump explica con todas as norteamericanas letras que en canto volva a actividade económica os traballos serán primeiro para os norteamericanos. Refírese aos mal pagados, porque os bos xa eran primeiro para os norteamericanos.

Trump ponlle fin metafórico a esta serie e quere dicir que a fai oportuna máis alá de darlle sentido auténtico ao eslogan America First. Unha das virtudes da serie é a súa oportunidade, incluso no mundo antes da pandemia. A oportunidade significa volver explicar algo que xa todos sabemos como plan, pero que parecemos esquecer como práctica diaria: que hai un sentido absolutista no poder, violento e destrutor, que se volve contra a sociedade que o mantén. A serie faino nun sentido moi norteamericano, pero isto é un defecto de case toda a ficción USA. Pensan que todo o mundo libre son eles e que todos os presidentes son o seu presidente.

Hai grandes riscos de totalitarismo no poder político norteamericano. Hai un perigo e non é ficcional nin distópico.

Nesta conxunta, que tamén é a dos necios, David Simon (The Wire, The Deuce) reconverte parte do relato de partida e o que para Phillip Roth era autobiografía disimulada e demostración do modo de vida dos xudeus nos Estados Unidos previos á Segunda Guerra Mundial, para Simon é o punto de partida para unha historia que pode ser vista como unha tese. Hai grandes riscos de totalitarismo no poder político norteamericano. Hai un perigo e non é ficcional nin distópico. Non está tan distante como aparenta a realidade. Está tan cerca como recollía Alan Parker en Arde Mississippi. E ten orixe no mesmo lado.

A serie está moito máis convencida da tese de fondo que do seu argumento narrativo. Quizais por iso estira a explicación das causas e reduce as explicacións de como se solventa a trama argumental. Para Simon son os motivos o que realmente teñen valor na narración. A persecución dos xudeus nesa América distópica, para Roth é un argumento vital, directo mesmo para os que se poden considerar colaboracionistas. Para Simon é un exemplo dun sistema político que, ademais, gaña coa situación histórica do dominio de Europa polos nazis e o correspondente exterminio dos xudeus. É verdade que os norteamericanos terían argumentos máis directos sobre violencia e persecución de minorías, pero non sempre queren utilizar os espellos coas imaxes que teñen máis a man. A historia pode ser distópica, pero un dos finais posibles sabemos perfectamente cal é. Nas dúas aproximacións, Roth e Simon, hai un fondo de supervivencia.

Estamos pechados e o preocupante, entre tantas cousas preocupantes, é que esteamos confinados mentres os nosos prexuízos poden seguir operando sen restricións. As traxedias, ata a contemporaneidade, viñan acompañadas do silencio que queda cando os bombardeiros desaparecen do horizonte. O silencio da recapitulación. O horizonte agora ten tanto ruído que está apagando a posibilidade de encontrar a sensatez. A contención á que estamos obrigados non está funcionando ben en todos os ámbitos. Durante o século XX, e mesmo sen distopías, a ficción xa explicou que os engaños sobre o porvir —que palabra— comezan sempre cun grandísimo ruído de fondo que ofrece solucións simples a asuntos complicados. Agora hai moito ruído de fondo cubrindo o horizonte. Agora hai tanto ruído de foros que estamos deixando a Manuel Antonio sen Máis Alá!

Quedar sen máis alá