jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

'The White Album', The Beatles desmontándose a si mesmos

Un día acabaron as flores, os traxes, o pelo de paxes, a meditación e o griterio das fans. Acabou a fantasía das viaxes e o mundo en tecnicolor. Un día alguén se deu conta que ademais de amor facían falta outras moitas cousas

ESE DÍA The Beatles baixaron da terraza na que convivían sarxentos bigotudos e submarinos psicodélicos, e percatáronse de que o mundo real seguía aí coas súas guerras, as fames, co poder dos cartos derribando case todo. Acabou o soño. Dream is over. Ese día cobrou sentido facer un disco como The White Album, que por non ter non ten nin título.

A historiografía de beatle é moi cutre cando se pon a estudar a etapa postPepper. Quizais porque para a prensa musical o interesante é como catro mozos sen aparentes recunchos intelectuais foron capaces de darlle unhas cantas voltas enteiras á música popular. O importante, parece ser, é a historia do grupo mentres dura a inocencia. En tanto a fachada transmite ese sensación dun mundo esperanzado capaz de asubiar unha canción da banda en calquera circunstancia. O Álbum Branco comeza cando The Beatles perciben que o mundo non está no que cantan. O real, o que doe. Déronse conta de que ser inocente non era interesante. Cando se perde a inocencia comeza o interesante. A frase podería ser unha réplica vulgar nunha película que non chegaría a Cineuropa. John, Paul, George e Ringo perderan a inocencia hai moito tempo, pero The Beatles seguían sendo un grupo nunha dimensión que era só para eles. A banda mantiña a imaxe intocable; pero os integrantes, non. Algo non cadraba e ese algo empurrou ao grupo a outro lugar: máis cerca da realidade.

Foron os propios beatles quen desmontaron a negocio anterior. Fixérono a conciencia, case con método. Como a obra de The Beatles era tan decisiva, precisaron un disco dobre para poder desmontala e transfigurar outra vez a música con máis poder da historia. Eles quizais intuirán como era o século XX de verdade. O século XX son tres guerras mundiais e The Beatles.

A idea xeralizada, incluso entre os músicos, é que a progresión da banda entre Help! e Sargeant Pepper é un prodixio musical que case non ten igual na Historia: son catro discos en puco máis de dous anos, entre o 65 o 67. Case non ten parecido. Pero se seguimos atentos á discografía da mesma banda, só un ano despois temos unha nova transformación musical que tampouco ten similitude. Unha transformación urxentísima porque o mundo cambiara. Entre o Pepper e o White Album pasaron 16 meses.

Polo medio houbo outro disco, Magical Mistery Tour, que podería ser interpretado como unha resaca de Pepper. Recollía dúas cancións que, de non ser pola creatividade da banda, terían que ter estado incluídas na historia dos corazón solitarios: Strawberry fields forever e Penny Lane. Pero The Beatles tiñan unha teima por non incluír os discos sinxelos nos de longa duración —agora mesmo todo isto é moi vintage…—, así que esas cancións quedaron case un ano sen ir a un LP e acomodáronse xunto as que formaban parte da primeira película para televisión que —a dicir da prensa da época— tamén foi o primeiro fracaso contundente do cuarteto. A banda sonora do telefilme parecía que The Beatles tentarían seguir nun punto similar ao que alcanzaron coas cancións de sarxento. Pero algunhas pistas xa dicían que non. Que a banda estaba disposta a desmontar o edificio que levantaran.

A banda tivo en certo sentido que autodestruírse para facer o que en consecuencia asumiran: que eran o grupo desa época

O vindeiro xoves fará cincuenta anos que se publicou un disco dobre que rompía moitas máis cousas das que parecía. Primeiro, era dobre. O tamaño importa. Era un disco grande, pero a capa estaba baleira. Non tiña título porque quizais non había forma de titular algo que parecía desconcentrado. Non tiña imaxes. Na portada non estaban nin The Beatles, nin alguén que parece un alter ego da banda. Era branca, dun artista pop, Richard Hamilton. Só o nome da banda descentrado e un número que suxería unha edición numerada. Por dentro todo ao mínimo, cos catro tarxetóns de cada un dos músicos por separado. Uns retratos que habían volverse icónicos. E desde aí todo era distinto, tan distinto, que a banda tivo en certo sentido que autodestruírse para facer o que en consecuencia asumiran: que eran o grupo desa época.

O interiorismo musical non adoitan ser moi favorable a The White Album. Quizais a desaprobación de George Martin pese algo nas opinións. Non é un disco amable, non é elegante, non é fantasioso. Ata pode ser que non sexa imaxinativo no sentido superficial do adxectivo. Non é harmónico. Algo estaba rompendo no mundo e algunha xente pensou que eran The Beatles. Pero ben escoitado, este disco dobre que Apple publica en edición coleccionista con todo tipo de luxos en forma de demos, versións alternativas, historia detallada e que non sei se xustifica o prezo fixado, exemplifica como ningún outro o que se entende por rock. Cincuenta anos despois se houbera que explicar que é rock tal como quedou fixado, como se entende hoxe, coas súas variacións, coas súa valentías e parvadas, o mellor exemplo para explicalo é The White Album. Desde Blackbird a Helter skelter. De Dear Prudence a Happines is a warm gun.

Resulta máis fácil explicar os problemas desde asuntos máis ou menos simples. E si que os catro integrantes do grupo tiñan problemas entre eles. Esta é a versión simple. En realidade, tiñan problema con que facer co grupo, como tiña que ser o grupo máis importante do mundo para seguir aí e ao tempo non volverse caricatura. Como ser a banda máis decisiva da historia e explicar que nin aí hai refuxio. Aceptalo e explicalo. Como revolverse contra si mesmos, como desmantelar nun disco os sorrisos, os flocos, as bromas, a imaxe, desmantelar a idea do experimento: acabou e non foi para ben.

O Álbum Branco é o traballo de deconstrución máis concienzudo da música. Ben escoitado, o traballo de desmonte foi longo e laborioso, e hai que dicir que nese disco non quedan case apuntes dos beatles anteriores. En moitos sentidos son outra banda. A banda que podían ser. Hai que pensar neses 16 meses nos que todo o mundo está falando sen parar das marabillas do Sgt. Pepper, na revolución musical, na droga e nas flores. No amor de nunca acabar. E mentres o verán do amor vaise convertendo nun outono sen flores, chega o inverno dos descontentos e banda decide desarmarse para non ser anacrónicos. Habería que pensar neses meses e que pasaría se o grupo fose na outra dirección. Quizais terían discutido menos e durar máis. Pero serían moito peores.

'The White Album', The Beatles desmontándose a si mesmos
Comentarios