sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Xogo de pastiches

Non perdín demasiado tempo lendo a George R.R. Martin nin sequera para comprobar a idea de que o pastiche é o xénero por excelencia da contemporaneidade. Desta contemporaneidade en concreto. Non lin moito a Martin porque en canto anunciaron a serie pensei que aforraría moito esforzo lector e porque, neste caso si, a película é moito mellor

Juego de Tronos. EP
Juego de Tronos. EP

É DEMASIADO fácil rastrear a literatura de Martin nese asunto de Game of Thrones. Coñezo a historia de que a literatura é de evasión e nesa palabra polisémica queda asumido o territorio que deixa baleiro: non está obrigada a  ser precisa, nin estar ben escrita, nin sequera ten a obriga de ter dobres sentidos. Debe ter unha historia e, se a historia se complica sen complicarlle a vida aos lectores, moito mellor. Un mundo dunha Idade Media atascada na violencia, coas supersticións dos dragóns e de seres que, sendo terrestres, semellan doutra galaxia; con príncipes que son bastardos e bastardos que son príncipes; irmaos incestuosos; armas máxicas, e xentes que son lealmente desleais a casas nobiliarias que máis ou menos son: rectos e brutos no norte, traizoeiros no sur, teimudos nas illas, supersticiosa case toda a clase popular, viciosa case toda a nobreza que non vive nese lugar no quen o inverno chega antes e dura moito.

O cruce da violencia belicosa de Shakespeare coa xeografía fantasiosa de Tolkien non é suficiente para explicar todo GoT, pero quizais sirva para ilustrar ata que punto o pastiche é un xénero que determina o comportamento da cultura contemporánea que acaba por ser popular aínda que parece nacer dun frikismo máis ou menos simpático. Ningún dos Lannister consegue, pese a esa maldade que acompaña ao apelido, ser nin a metade de crueis do que é Ricardo III. Quizais porque Ricardo é un York, e foron os York os que merendaron os Lancaster. Tampouco o taciturno Jon Snow pode competir en carisma con ese Hamlet fillo de Hamlet. O silencio dun non consegue contrarrestar a locuacidade atropelada do herdeiro.

A Historia de Inglaterra ten ofrecido grandes horas de diversión ao mundo, na historia real e en todos os sucedáneos que levamos apañados desde ese punto. Shakespeare non podería ser sen a Historia inglesa, George R.R. Martin non podería ser sen a Historia inglesa, a literatura de piratas tampouco podería ser sen Historia inglesa. Tolkien non podería ser sen a Historia de Inglaterra ou sen a súa maneira tan particular de entender como funcionan as clases nunha monarquía clasista que presume de ser a democracia máis resistente da historia. Mesmo tendo á prensa sensacionalista en contra.

Hai que recoñecerlle á cultura inglesa ese saber colocar o discurso ata converter o seu pasado nun canon occidental que parece definir cando as baixezas das súas monarquías son momentos épicos dignos de ser interpretados como grandes momentos da humanidade. Hai que recoñecerlle á cultura inglesa a súa prodixiosa capacidade de reinterpretación, de recolocación dos elementos, de poñer o relato ao seu favor, así na Historia como no rock and roll.

A pregunta é en que momento a Historia se volve literatura e cando a literarura acepta o pastiche. A pregunta é cando o conto é máis importante que o argumento. A pregunta é se toda historia é narración ou se aceptando o argumento dándolle a volta todo conto é Historia. Ser ou non ser Historia: velaí a pregunta. Parece que agora todo é pastiche. Que xa non somos capaces de contar historias sen aludir a unha historia anterior, que xa non somos capaces de aceptar unha historia se non se manifesta con xeitos recoñececibles. Game of Thrones é un pastiche. Nin sequera é para mal.

O pastiche é o uso de elementos de imitación dun xénero sen buscar a mesma finalidade do xénero. Aínda aceptando a explicación inxenua de que a literatura é contar o de sempre cambiando o contexto e que o de sempre é a morte, amor, a crueldade e a esperanza. Aínda aceptando que todas as loitas son a mesma loita do instinto animal que persiste no humano contra aquelas razóns que nos fan parecer civilizados. Aceptando a inxenuidade e desmemoria deberiamos esperar algo máis. Deberiamos esperar que todo iso fose capaz de recoller os elementos do anterior e darlle o verniz suficiente para engadir algo da colleita propia. Do que o presente ten que engadir sobre o pasado.

Pode pasar que os seguidores da serie consideren que o primeiro episodio da última temporada fose algo máis que volver a presentar todos os personaxes que contan xusto antes de gran batalla. Un episodio que debe costar trece millóns de euros debería ser algo máis que un: previamente nos sete reinos estirado. Porque aínda que pareza economicista, 13 millóns de euros é o orzamento mensual dun concello do tamaño de Santiago de Compostela. Por eses cartos quizais deberíamos ter algo máis que a recapitulación do pastiche. Pero tampouco aí está o asunto.

O certo do asunto é que non perdín demasiado tempo lendo a George R.R. Martin e levo gastadas algunhas horas en ver a serie e non podo sentenzar que fosen horas perdidas. Pero un encontra as pegadas anteriores de elementos de imitación. Deixas de avanzar nese punto no que recoñeces que o fogo valyrio é como fogo grego que cantaban as crónicas clásicas ou que se asemella a ese napalm que arrecende a victoria se tes mentalidade invasora. Non lin tanto a Martin. Pero podería dicir que o lin bastante en autores anteriores e que os reencontros disimulados non sempre son felices. Que si. Que antes tentaban cambiar un reino por un cabalo e agora sacrificas un reino polos servizos dos dragóns. Non hai que poñerse puritanos con nada porque se perde o goce. Hai habilidades admirables na imitación, pero primeiro hai que recoñecela como tal.

Non podo garantir que Shakespeare non imitara a anteriores ou coetáneos. Nin que Homero non recopilara. Pero a pregunta non é quen foron eles como autores senón quen somos nós como lectores. O asunto non é castigar ao pastiche como xénero, senón reivindicalo como tal. Pero a primeira reivindicación do pastiche é que se proclame como tal.

Xogo de pastiches
Comentarios