domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Danos políticos colaterais

O CONCELLO de Lugo vive momentos difíciles por circunstancias distintas e xa explicadas. Son, fundamentalmente, a revisión da relación de postos de traballo (RPT), que ten dividido o persoal e o goberno sometido a moita presión; o atasco no pago de facturas atrasadas, que condiciona enormemente a economía e o funcionamento do Concello; e os contratos caducados, que xunto ás facturas serven de pólvora á oposición. Pero da mesma maneira que non hai mal que cen anos dure, tamén é certo que para empeorar sempre hai marxe e na Praza Maior pode que estea abrollando outro problema, derivado en parte de todo o anterior. A complicada xestión municipal e a presión de traballadores, sindicatos e oposición empezan a facer estragos nalgúns membros do goberno.

A situación máis difícil seguramente é a de Daniel Piñeiro, concelleiro desa enorme e complexa área que é urbanismo, medio ambiente e persoal, Nin os seus críticos poñen en dúbida a dedicación e o interese que amosa por sacar adiante os asuntos, pero o bloqueo que sufre a revisión da RPT e as críticas ao proceso -unhas xustificadas e outras quizais non tanto- deixárono tocado. Percíbeo quen dunha maneira ou outra trata con el, e hai quen cre que xa está invalidado para seguir á fronte da área de persoal, posto que calquera das saídas que hai para a RPT é mala. A aprobación non semella fácil á vista das consideracións que fan os técnicos municipais nos informes preceptivos, xa que calquera recurso que no futuro houbera ao documento -como xa se anunciaron se este sae adiante- tería difícil prosperar con informes desfavorables. Aparcala sería poñer en contra a sindicatos que apoian a proposta e que teñen moita forza no Concello, e aprobala, ademais dos riscos mencionados, suporía atoparse de frente co persoal máis técnico e administrativo, clave para que o Concello funcione.

No bando dos tocados tamén está a veterana Carmen Basadre, concelleira dende 1999 e especialista en meterse en pozas. Nunha traxectoria tan longa é imposible non cometer erros, pero en voz baixa o sector cultural lucense ve eivas no seu labor e súa peculiar forma de traballar, que moitas veces consiste en levar a cabo proxectos sen mirar os procedementos, fai que a miúdo a súa xestión se poña en entredito tecnica e politicamente. No último pleno tivo que dar explicacións pola denuncia do BNG sobre o sobrecusto de varios concertos e a contratación cunha empresa próxima ao PSOE. Non se achicou, como é propio dela, e defendeu todo o que leva feito pola cidade, pero nalgún intre tremeulle a voz e, nas últimas semanas, nalgún ámbito deixou caer que pode que desta vez si, que antes de que lle ensinen a porta igual marcha ela antes.

Porén, Basadre acumula xa tantas crises de imaxe que unha máis parece que non suma. E Lara Méndez ten tanta necesidade de sacar asuntos para diante, de resolver, que é probable que non estea polo labor de enfrentorse a crises de goberno e a experimentar incorporacións novas.

Prieto aguanta o tipo

OUTRA concelleira que non vive días fáciles é Ana Prieto. Como responsable da área económica é a que dá a cara polo atasco nas facturas e os contratos caducados, alomenos no pleno. Noutros asuntos, como a negociación dos orzamentos coa oposición, o peso parecen levalo outros membros do equipo de Lara Méndez. Porén, a expresidenta do Colexio de Farmacéuticos aguanta o tipo. De momento.

Confesión sindical

A PREOCUPACIÓN dos sindicatos que defenden a aprobación da RPT é tal, ante a incertidume de se o goberno seguirá adiante con ela, que empregan argumentos ben curiosos para defendela. Din que a produtividade que perciben, eles e o resto do persoal, págase «sin unos criterios claros», o que motiva reparos de legalidade do interventor, o que se corrixiría coa nova RPT, din. Nunca é tarde para recoñecer privilexios.

Oposición custe o que custe

O GOBERNO anda apurado, pero a oposición tampouco está para tirar foguetes. A situación interna do PP fai que estea desperdiciando unha oportunidade de ouro para tentar erixirse como alternativa de goberno. E, ademais, agora antepón o interese partidista e prefire asfixiar o goberno a pagar a provedores e aliviar a economía municipal. Igual que Ace-EU, o comunismo do que a dereita tanto renega.

Danos políticos colaterais
Comentarios