miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Tómalle unha no coffee shop

CANDO, HAI UNS ANOS, Inditex abriu a súa tenda de roupa e complementos de fogar na Praza de Santo Domingo, Zara Home, máis dunha persoa se encamiñou ao establecemento en busca do que cría que anunciaba, prendas de home, sen decatarse -ou ao descoñecer, en moitos casos- de que o que indicaba era roupa de casa, home en inglés. É un exemplo simpático do que produce a crecente anglofilia que vivimos. No caso de Zara, seguramente ten sentido. É un dos negocios máis internacionalizados do mundo, pero outras veces, a maioría, cómpre preguntarse a que vén tanto inglés. Máis que responder a un maior dominio deste idioma -que o hai, aínda que queda moito-, máis ben parece unha mistura de modas e desa asociación tan frecuente, e a miúdo equivocada, de que o de fóra vale máis, é máis moderno. De que vende máis, en definitiva.

Nunha cidade que aspira a ter no turismo un dos seus motores é bo, e ata imprescindible, que a hostalería teña cartas e persoal que fale máis idiomas ca galego e castelán. O que, por certo, sucede pouco. Pero iso é unha cousa e outra, a moda de nomear ou de apelidar os establecementos en inglés. Agora non hai cafés con docería, senón bakery coffees ou coffee shops. As magdalenas son cupcakes; os biscoitos de chocolote, brownies; os bombóns cravados nun palillo, cake pops, e o moderno os domingos non é almorzar, senón facer brunchs.

Está ben informar aos turistas e facelo en inglés, un idioma case universal, xa que é a segunda lingua da maioría da poboación mundial, pero non hai que esquecer que, como primeiro idioma, o español supera ao inglés en número de falantes no mundo. En Lugo, por goleada. E aos visitantes é posible que lles resulte máis atractivo entrar nun establecemento con lenda e aspecto autóctono que nun local que é igual, ou ben parecido, en calquera parte do mundo.

O cumio da anglofilia vivímola hai uns días co black friday. Tendas e medios de comunicación bombardeamos coas palabriñas en inglés e máis dun lector tivo que preguntar que era iso do black friday. Quizais é unha sinal de que os xornalistas teriamos que facer algo de autocrítica, porque tendemos a reproducir os termos estranxeiros sen máis, cando moitas veces non é necesario. Falamos de moda vintage, de stocks en rebaixas, de stands en feiras, de marketing, de parkings... En Lugo ata inventamos un leiraparking e o termo acabou sendo empregado en toda Galicia.

Despois de black friday chegou o ciber monday, e cando xa pensabamos que estabamos curados de espantos, apareceu o giving tuesday. É outra importación americana -a práctica e o nome-, para contrarrestar o consumismo das xornadas anteriores. Trátase de gastar diñeiro, pero en causas solidarias, como ONGs ou asociacións de enfermos. Vén sendo unha especie de crowdfunding benéfico, palabra que se puxo de moda en España coa crise e que non é outra cousa que micromecenado.

Os anglicismos están especialmente estendidos no mundo do comercio. En Lugo, cada vez máis, en vez de ofertas hai sales, e algunhas das iniciativas que se puxeron en marcha nos últimos anos foron as fashion’s nights, as open’s nights ou os street markets, sen que saibamos moi ben por que. Se o que se busca é vender, chega con poñer bos prezos. Non fai falta rebautizar o que toda a vida foron mercados de saldos. Da misma maneira que resulta curioso que para promocionar os produtos e as actividades do campo, o de sempre, o auténtico e as innovacións, se recurra a anglicismos como a Rural Week e o Rural Tour ou se misturen idiomas, como sucede coa nova marca de leite producida por explotacións dirixidas por mulleres, bautizada como Rural Muller.

Preto do recinto amurallado hai unha dental clinic e un establecemento onde prometen unha gourmet experience, mentres que nalgunha tenda do centro invitan a feel de magic ou ofrecen unha christmas story.

Capítulo a parte é o mundo do deporte. Aerobic foi unha palabra modernísima que hai tempo que se quedou vella. Agora o que se leva é o running, ou mellor aínda, o trail mountain. Recentemente, unha carreira popular nocturna acabou sendo unha race night, a pesar de que os corredores eran autóctonos. Nos ximnasios practícase fitness, spinning, cardio fihgt, body pump... A tenda do CD Lugo é unha store, na cidade hai un Boxing Club e esta semana o campus acolleu un 3DPrinting Day.

E suma e sigue. O que non sería un problema se, xunto a ese crecente gusto e coñecemento doutras linguas, non sucedera xusto o contrario coas propias.

Tómalle unha no coffee shop
Comentarios