lunes. 21.10.2019 |
El tiempo
lunes. 21.10.2019
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

"No nos metamos en eso"

Rapaces e rapazas nunha clase. DAVID FREIRE
Rapaces e rapazas nunha clase. DAVID FREIRE

O PASADO Nadal circulaba polas redes unha mensaxe con vocación viral que recollía recomendacións absurdas para as reunións familiares de Noiteboa cos temas que era mellor non poñer na mesa coas centolas para vivir as festas en paz. Canda Cataluña, que coroaba a lista, o fútbol e o feminismo presentábanse como os principais asuntos a esquivar durante os xantares de Nadal en nome da cordialidade familiar. Teño alomenos un par de amigas ás que Puigdemont e Messi lles importan un comino, e ás que as súas nais as tiñan advertidas de que pendurasen o seu espírito máis revindicativo na percha do abrigo ó chegar a casa, baixo ameaza de desherdalas. Non lles permitían sacudirse o feminismo nin na sobremesa, malia que a maior diversión dos seus parentes fose acendelas cun rosario de comentarios sexistas. Trataban de comer cun sorriso nos beizos, agochando a carraxe que lles fervía na gorxa logo da primeira risotada, porque entre outras cousas, viñan de cobrar unha nómina máis miúda cós seus compañeiros, curmáns e amigos e a xoldra a súa costa xa non lles facía graza algunha. "Non nos metamos agora niso", parecían querer dicir as nais ó xeito dun presidente de Goberno que ten claras cales son as súas competencias. Como se asumiran que abrir esa porta, a da brecha salarial, a da desigualdade na súa cara máis gris e pragmática, suporía adentrarse nun camiño ateigado de incómodas pedras, nun xardín con demasiada herba que cortar.

Cando a miña xeración enchía as aulas da vella EXB escoitei centos de veces a grande oportunidade que tiñamos diante se estudabamos arreo, se nos esforzabamos ben. Se miro cara atrás podo escoitalos falando de soños que se cumpren a base de ilusión e traballo, pero non lembro que nin unha soa vez nos avisasen de que –só ás pequenas– nos agardaba ó final do camiño un futuro laboral de teitos de cristal e salarios inferiores ós dos nosos compañeiros. Uns e outras compartiamos pupitres e apuntes, exames e charlas, palmadiñas e broncas. Partiamos da mesma liña de saída. E competiamos, moitas veces sen sabelo, polas mesmas cousas; acadar as mellores notas, coller o mellor sitio no autobús, gañar ó brilé no recreo, quedar primeiro na olimpiada dos verbos, facer o mellor debuxo, obter o papel principal no teatro... E cando fomos á Universidade repetiuse a escena: unha soa aula, un mesmo temario, un mesmo exame e un par de matrículas en xogo. Pero resulta que a día de hoxe, sen que as empresas teñan estipulado nos seus estatutos que o sector masculino teña dereito a percibir un salario superior, á realidade é que eles gañan un 14,9 por cento máis que elas polos mesmos traballos. Así, as mulleres temos que adicar 54 días máis ó noso emprego para percibir o mesmo soldo neto e obtemos menos protección social. Resulta que nos últimos anos, segundo datos do INE, o 72% das xornadas a tempo parcial neste país foron para elas e o 22,6% de mulleres ocupadas con fillos reduciu a súa xornada fronte a un 3,44 de varóns.

Así que cando unha nai ou un pai, un responsable de recursos humanos ou un presidente do Goberno trata de escapulirse dunha realidade que escoce no corazón do máis prezado que temos, o tempo, que se valora máis ou menos segundo o xénero de quen o empregue, a unha éntranlle ganas de volver a aquela clase de EXB para dicirlle ás rapazas que nunca deixen a forza, nin a carraxe tralos beizos nin o seu espírito reivindicativo pendurado co abrigo, porque do contrario van ter que achegar unhas doses extras de esforzo para recoller os mesmos froitos cós seus compañeiros de pupitre. E que, malia provocar unha guerra mundial non calen nunca cando escoiten iso de "No nos metamos en eso" nunha cea de Noiteboa, nun despacho ou nun programa de radio.

"No nos metamos en eso"
Comentarios