viernes. 24.01.2020 |
El tiempo
viernes. 24.01.2020
El tiempo

Nestes tempos de andar ás présas, palabras cociñadas devagar.

Outono solleiro

Cada vez que escoito que a lingua galega é unha ameaza viaxo a un outono solleiro de hai vinte anos, na procura de palabras olvidadas

TEÑEN as vías do tren un halo poético que as envolve. A medio camiño entre a saudade e a esperanza, os vellos vieiros de ferro que engarzan estacións caladas son testemuño do éxodo dos pobos ás cidade, da metamorfose das vilas ás portas dunha auténtica revolución tecnolóxica que foi deixando esvaecer polo camiño os recordos e a lingua. Hoxe, esas vías soñan con resistir, reiventarse como camiños de futuro.

A primeira vez que me detiven na beleza que agochan unhas vías esquecidas foi hai preto de vinte anos ás portas da que fora a gran vila galega na época dourada do tren. Cheguei a elas unha tarde calquera nun outono solleiro e tépedo, cuns amigos fotógrafos que contemplaban o mundo con ollos novos. Alí onde eu atopaba unha locomotora enferruxada, eles capturaban o paso do tempo, a morriña das cidades, amodo, a esencia dun século de ferro e longas viaxes. De click en click.

Observeinos un tempo xogando coma nenos, deitados nos raís xa inertes, gabeando por unha torre de ferro abandonada, mentres conviñan un feixe de contrapicados e planos a contraluz, na procura da mellor metáfora. E enredaban coa lingua da terra, entre "gheadas" e madialevas, coma se estivesen compoñendo a dúas mans uns versos, entre guiño e guiño.

Eran os tempos dos carretes, nos que as imaxes voaban en autobús, e os fotoxornalistas obtiñan como moito dúas ou tres capturas de cada escea, porque tampouco precisaban máis para construír o seu relato, tiñan na casa un cuarto enredado en imaxes cunha luceciña vermella e dos cordeis da bañeira penduraban láminas en branco e negro. Soaba daquela o futuro como un módem que non tiña ganas de conectar e as vías de ferro desprendían o agridoce arrecendo do pasado.

Foi aquela tamén a primeira vez que me detiven na beleza que agochan unhas palabras seixa hoxe olvidadas. Hai preto de vinte anos, lonxe da escola, ás portas dunha vila que deixara de medrar sen o seu tren, na época dourada do galego. Eran os tempos dos primeiros artigos e as primeiras crónicas. As primeiras entrevistas e das primeiras veces que se achegarían a preguntar por que así, por que en galego.

Desde entón, di a Academia da Lingua que o uso do idioma foi bailando entre a Normalización, as subvencións e o rexeite, dimuíndo ata acadar entre as xeracións máis novas porcentaxes preocupantes de uso e apego. Foi a lingua empregada como arma arroxadiza na política, e ó tempo que aumentaba o nivel de coñecemento nas aulas da lingua nai, se reducía o seu uso fóra dela. Tratou de desprestixiarse e ata foi calificada de ameaza para o castelán. Hoxe imponse a diglosia ó bilingüismo, e en nome do plurilingüismo pasouse a un segundo ou terceiro plano un idioma propio, coma se non fose un tesouro, coma se non fora connosco. Coma se enferruxase. E coma un camiño vello de ferro polo que xa non pasa nada.

Cada vez que escoito que a miña lingua é unha ameaza regreso a aquel outono solleiro. Porque foi daquela cando aprendín a nomear as cores únicas de novembro no Courel, as formas que adopta a néboa entre os Canóns do Sil e a vertixe dos socalcos da Ribeira Sacra, a calor no acento das Burgas, e todos os ceos posibles da paisaxe atlántica. Foi daquela cando aprendín dei coa beleza muda das vías do tren, a poesía no fotoxornalismo e as palabras esquecidas... E namorei.

Outono solleiro
Comentarios