sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

O código do xenocidio

O francés Claude Lanzmann dedicou doce anos da súa vida a un único documental. Dito así, e en termos estritamente produtivos, parece pouco rédito para o currículo dunha persoa que viviu 92 anos

PERO ESE documental cambiou a forma de abordar o Holocausto partindo da representación e a memoria. Desde a estrea de Shoah en 1985, a película foi o centro dun debate que aínda hoxe permanece vivo e no que participaron pensadores, cineastas e historiadores: como representar o irrepresentable.

Antes de facerse soado documentalista, Lanzmann foi membro da resistencia francesa na ocupación nazi e, xa na posguerra, escritor e xornalista. Pertencía ao círculo íntimo de Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir, con quen mantivo unha relación íntima e profesional, e compartiu espazo na mítica revista fundada pola parella, Les Temps Modernes.

Nas nove horas e media de duración de Shoah non hai imaxes de arquivo nin voz en off. Lanzmann rodou máis de 350 horas —das que afirma que 100 «non valen nada»— e tardou dous anos en montala. Por diante da súa cámara pasaron membros dos  Sonderkommandos —xudeus que traballaban nos campos de concentración en tarefas de limpeza e apoio loxístico—, dirixentes das SS que participaran de forma activa no exterminio e veciños das aldeas próximas a Treblinka, Auschwitz e Chelmno; os tres campos de concentración polacos onde os trens chegaban cheos con destino ás cámaras de gas.

Despois dunha rodaxe complicada —tivo que parar a produción varías veces por falta de financiamento, e foi agredido en Ahrensburg (Alemaña), xunto coa súa intérprete, nun dos seus intentos por obter o testemuño dun alto cargo nazi—, Shoah tivo unha moi boa recepción crítica, e Lanzmann, a partir de aí, erixiuse en defensor dun código non escrito sobre a representación do xenocidio xudeu. En artigos e entrevistas, manifestou, xa desde o principio, o seu desprezo pola serie Holocausto (1978), «noxenta desde todos os puntos de vista». Máis tarde, criticou duramente a Steven Spielberg por A lista de Schindler (1993), da que dixo que era «sentimental e falsa», e, posteriormente, a Roberto Benigni por A vida é bela (1997), achegando cordura a un entusiasmo case unánime no que moitos defendían esa pedagoxía de masas a través da ficción. Lanzmann era tallante: se iso implica  deformar os feitos, el prefería o esquecemento.


A tese fundamental de Lanzmann é a asunción de que só o moralmente correcto pode ter unha representación estética. Nunha entrevista a Cahiers du Cinema con motivo da estrea de Shoah, Lanzmann defende que, se atopase material gráfico das cámaras de gas, destruiríao.
Claude Lanzmann morreu en xullo de 2018, e a súa perda non tivo a repercusión que merecía. Construíu un monumento fílmico irrepetible, e de descartes da montaxe final de Shoah aínda sacou tres documentais máis: Sobibór, 14 outubro 1943, 16.00 horas (2001), O informe Karski (2010) e O último dos inxustos (2013). Coa súa obra e a súa posición moral, pisou charcos e sinalou aspectos incómodos do Holocausto, como o alivio dos Sonderkomandos coa chegada de cada tren: sen vítimas, eles volvíanse prescindibles. Durante a charla con Franz Suchomel, criminal de guerra nazi condenado nos xuízos de Treblinka, este cántalle a canción que os nazis obrigaban a entoar aos xudeus. Ao ver a cara de desaprobación de Lanzmann, Suchomel respóndelle: «Vostede quería Historia e eu estoulle dando Historia».

O código do xenocidio
Comentarios