viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Agrupadas chegaron as nubes soberanas

Laxeiro é o meu político favorito. Logrou ser presidente dun partido, aínda que tamén era o que recollía as cadeiras ao rematar as xuntanzas. Tiña o carnet número 1, que tamén foi o derradeiro. Fundou un partido para logo disolvelo. O pintor era tan anarquista que nin se concedeu poñerlle nome.
Júlio Dantas e Ramón Cabanillas no balneario de Mondariz
Júlio Dantas e Ramón Cabanillas no balneario de Mondariz

RAMÓN CABANILLAS sentaba ao lado de Pío Baroja na Real Academia Española. Baroja deixara de percibir os sons agudos anos atrás e os sons graves estaban volvéndoselle indistiguibles. Preguntaba a Cabanillas.

—Ramón, ¿de qué están hablando?

—¿De qué quiere que hablen? Hablan de palabras.

—¡Ustedes, los poetas, nunca se enteran de nada!

O poeta galego aproveitaba as sesións para contestar cartas de amigos. Entre parágrafo e parágrafo quitaba unha petaca de metal e tiraba un cigarro longo como o cansanzo.

—Me los lía el abad de Samos, don Pío. No sabe usted las manos que tiene. Si gusta...

—¡Déjese de tabacos! —rexeitaba Baroja coa súa voz agria—. ¡Y, sobre todo, déjeme en paz! Estoy intentando seguir el debate.

Os intereses de Cabanillas eran claros. Consérvase unha postal de xuño de 1913, xa asentado na Habana, na que destaca a fotografía do Depósito de Tabaco y Cigarros. Cando lle dan  un xantar de homenaxe soamente pide que, "ao ser o xantar na Habana, o tabaco sexa un eterno e exquisito habano". No evento cantouse o himno do movemento agrarista Acción Galega, que se cantaba con letra exaltada do propio Cabanillas: "Antes de ser escravos,/ irmáns, irmáns gallegos!/ que corra o sangue a regos/ dende a montaña ao mar./ Ergámonos sin medo!/ Que o lume da toxeira/ envolva na fogueira/ o pazo siñorial!". Ao remate, os comensais desexan unha longa e próspera vida a Cabanillas e máis ao sacerdote ourensán Basilio Álvarez, que lideraba o partido.

Cabanillas marchara para o Caribe con 35 anos, en 1910, e regresou ao país en 1915. Seica marchou por prudencia política, aínda que volveu sendo un conservador desnutrido ideoloxicamente. Mercedes Fernández Couto e Carlos Azcoitya anotan na súa Historia de la gastronomía gallega que fixo unha viaxe a Cambados en 1912 para levar canda si a muller porque "si la emigración es dura, es más dura si se está solo". Non obstante, Manuel María reparou con sorpresa en que Cabanillas "nunca falaba da súa muller. Dicía que pasara moitas horas atendendo unha amiga rubia que tiña Basilio Álvarez mentres el estaba na timba". Queda claro que Manuel María era pouco inclinado ao silencio e á discrección, talvez como rebeldía contra o seu nacemento nun 6 de outubro, día de San Bruno, que é o fundador da orde cartuxa.

O outro día houbo un debate entre os candidatos á Xunta na Galega. Enganchei a ler e alá foi. Preguntei polo resultado a César Goldi, quen sabe da sutil arte de lograr que os espectadores crean cousas que nunca existirán. Falo de teatro.

—Mellor oratoria, ton, imaxe, actitude e uso do idioma galego: Ana Pontón.

—Ben, fáleme do resto.

—Non conseguiron suspender a miña incredulidade.

Polo que escoitei os representantes dos sete partidos no encontro televisivo non atenderon moito ao idioma, pero tampouco estamos para falar quen vivimos da palabra para presumir de coñecemento da política. O venres quixen superar ese estigma e puxen as miñas mellores galas —en canto a máscaras se refire— para asistir a un mitin en Lugo. Na praza na que se celebrou, detrás da casa consistorial, hai unha estatua de Ánxel Fole. O escritor lucense botou a ditadura cun pánico sostido e angustiante a ser paseado. O profesor Xesús Alonso Montero escribía recentemente que Fole botaba longas tempadas en Quiroga e O Courel como "unha especie de escudo para evitar ou non propiciar, en casas de certos apelidos, a represión política da época".

Podería resumir o acontecido no mitin cun verso de Wallace Stevens: "Agrupadas chegaron as nubes soberanas", porque foi un choque de dúas nubes —un cento de verdes fronte a un cento de vermellos— cuns antidisturbios no medio. Temo que uns e outros confundían aquel acto mínimo cun acontecemento relevante. Amosaron un entusiasmo semellante ao de Manoel Antonio cando animaba a Rafael Dieste a desertar do exército español na Guerra de Marrocos e unirse aos rebeldes rifeños.

As arengas dos convocantes case nin se sentían. O eurodeputado Jorge Buxadé deixou patente que non preparara a intervención ao recoñecer que non sabía dicir "‘¡Viva España! en gallego". Valle Inclán presumía sen acotamentos da superioridade literaria dos "escritores castellanos que procedemos de lenguas regionales".

Abascal volveu facer o que mellor se lle dá: estaricar o pescozo. Seguro que non lle doen as cervicais, como me pasa a min. Tamén é verdade que a min non se me encara "La Chusma" como lle acontece a el. Ao líder conservador nótolle unha falta de condescencia. A Tolstoi, por exemplo, pasáballe o contrario, que se sentía culpable de nacer na terratenencia.

En Lugo estamos afeitos aos desencontros. Cando os curas que misaban na cidade en 1942 souberon da potencia e aceptación de Radio Moscú na parroquia local organizaron homilias para recadar fondos coa fin de que Radio Vaticana ampliase a súa cobertura, mesmo a do seu informativo en latín. Tolstoi reprobaría este noticieiro porque era contrario a toda fala que non fose natal. Denunciaba que "o francés quita o costume da sinceridade aos nenos".

En Lugo mesmo podemos estar dunha banda e da contraria. O mitin do venres desenvolveuse na traseira da consistorial; a fachada dá ao Cantón, Nesa praza Ramón Piñeiro puido ver unha chea de entusiastas na campaña a prol do estatuto en xuño de 1936, un mes antes de que volvese encherse de entusiastas celebrando o golpe de Estado. Como explica Marx en O dezaoito brumario de Luís Bonaparte (1852), "Hegel di nalgures que todos os grandes feitos e persoeiros da historia universal aparecen, como se dixéramos, dúas veces. Pero esqueceu engadir: unha vez como traxedia e a outra como farsa". Non puiden evitar ver unha certa parodia na repetición da Historia cando escoitei a Santiago Abascal en Lugo aseverando que "los países en los que ha gobernado el comunismo han tenido guerras civiles". Afirmar iso en España é atrevido. Ben advertía Tolstoi que "o desexo dos desexos é a nostalxia".

Confío en que Abascal non teña lido esa pasaxe de Ana Karénina (1877) na que un personaxe propón a outro que imaxine que "se borra o pasado: non hai propiedade nin familia e, segundo iso, organízase o traballo" como "pasaba co cristianismo nos primeiros tempos". Tampouco debería preocuparse porque, ao cabo, Tolstói era un democristián, que son os socialdemócratas con propiedades e conciencia social. Outro personaxe de Ana Karénina solicita apoio para un partido que combata contra os sediciosos comunistas. A contestación ben podería aplicarse ao momento que padecemos: "Non existen os tales comunistas, pero os intrigantes precisan de inventarse algún partido perigoso e danino".

Agrupadas chegaron as nubes soberanas
Comentarios