martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Amaro Ferreiro pisa a delicada caixa de ovos

Cada vez hai máis persoas pisando na caixa de ovos que foi a Transición. Pode que fose o único xeito de acomodar as escuras flores franquistas sen que nos caese a tortilla, pero deberíamos evitar enchernos a boca co adxectivo modélica.

APETECÍA pescado na casa. Fun a unha peixería da praza.  Como todos os que nos criamos nun porto de mar, tiven que mandarlle unha foto do mostrador á muller para que ela ma devolvese cun círculo marcado en vermello para que eu identificase unhas xurelas.

Antes de entrar, na porta, estaba o home que fai os recados aos praceiros; cos seus ollos eslavos, coa súa figura de saltador, cos seus cincuentantos. Apoiara o lombo nunha parede exterior. Un sol saboroso negaba os 8 graos que axelaban Lugo. Fumaba un cigarro. Abrira a camisa delgada para que a caloriña lle brincase no peito moreno e depilado. Podería imaxinarlle unha historia, pero a quen podería contarlla neste tempo en que os premios de narrativa valoran a igualdade e a linguaxe inclusiva? Onda había criterios literarios, hai criterios sociais. Choramos porque os libros galegos non atopan lectores.

Ando lendo Veleno de tinta impresa (Xerais), onde Xosé Antonio Neira Cruz novela as escaramuzas das mulleres do século XIX coruñés por adentrarse na selva do periodismo. Que ben conta Xosé Antonio, como vai colocando a documentación, como ambienta A Coruña —a nosa nena bonita e consentida— e que sabido todo.

Escribo nunha cafeteria de hotel, ao sur da miña casa. Na mesa de enfronte senta un home duns setenta anos, pelo retirado con quitaneves e cazadora verde con nome de wishkey. É un señor de cara limpa coma a néboa e de zapatos de ministro. Pecha o ABC ao chegar unha rapaza morena. Ela pousa a mochila, inchada de novas tecnoloxías, nunha cadeira pálida. Empezan a falar do seu, sobre negocios de publicidade; pero entón o señor chasquea a lingua para pedir outro café e cambiar de diálogo.

Desenvolvo o cuarto parágrafo do meu texto ata que prenden a falar de depilación. Trato de concentrarme no artigo. O descafeinado vaime quedar frío. Pero a súa conversa arrástrame. O vello abomba o peito para comentar:

—La chica me preguntó si me quería hacer las nalgas. Yo le contesté, que sí y que se refiriese al culo por su nombre. Ella me dijo: "Veo que se puede hablar claro con usted".

O asunto capilar foi elevándose ata acadar un nivel de concreción que me repugnou. Refuxeime metendo os cascos nas orellas. Busquei no Spotyfy o novo disco de Amaro Ferreiro, a cara oculta de Iván Ferreiro.

En Personajes secundarios hai un tema, Homicidio involuntario, na que fala do "estruendo provocado en Estoril" na noite do Xoves Santo de 1956, cando "J. C. disparó sin querer a su hermano". O músico vigués plasma con claridade que se refire ao "futuro capitán, próximo jefe del estado". A letra pon en dúbida o coidado con que se enterrou o asunto. "Después de tantos años/ uno vive acostumbrado con lo que van repitiendo todos los telediarios/ democracia y libertad/ dinastía/ inmunidad".

Amador explícase na revista Efeme sobre esa canción que dedica a un personaxe que quedou en secundario: "Lo escribo desde la conciencia de que vivimos en un estado de derecho, de que hay libertad de expresión y uno puede hablar de cualquier cosa mientras lo haga con un poco de arte". 3, 2, 1. Estou contando os segundos que tarda algunha asociación de avogados monárquicos en levalo a xuízo. Pode ser desagradable e irritante escoitar a Willy Toledo bramando exabruptos sobre asuntos que afectan a túa fe, pero entre indignarse e querellarse debería haber uns atlánticos de reflexión.

Ás veces envexo a prensa de Madrid. El País recolleu na semana penúltima un debate de  Javier Cercas, e de Antonio Muñoz Molina e Almudena Grandes. O asunto trataba sobre Galdós: a súa tosquedade contra a súa desenvoltura. Comparable a Dickens, a Flaubert? A Flaubert! Sacre Coeur!. Cercas e Molina cruzaron varios artigos nos que a literatura amparaba todos os razoamentos.

En Galicia esquecemos as discusións sobre literatura. As polémicas tratan da porcentaxe de personaxes que son lesbianas nunha novela ou sobre se o escritor trata de xeito ético os persoaxes con diversidades étnicas e funcionais. Refírome a literatura dirixida a adultos, non a libros que buscan de formar persoas, onde é lóxico que se orienten certos valores. As novelas galegas deberían falar de galegos ou de asuntos que lles interesen, que para iso serve a literatura. A maioría  de galegos somos heteruzos e tirando a brancuxentos.

Aproveitando o centenario de Benito Pérez Galdós, regresei ao seu amor por Emilia Pardo Bazán, volvín á soltura coa que ela o contaba nas cartas que lle escribía. A editorial Turner xuntounas en Miquiño mío. Emilia confesa a Benito como a pon a tremer: "Brinco desde las alturas filosóficas hasta el tempestuoso océano de las pasiones de los afectos". Ela é tan resolta que nada pode angustiala. "Ante la moral oficial no tengo defensa, pero tú y yo se me figura que vamos un poco para nihilistas para eso".

Emilia Pardo Bazán tivo a mellor conexión neuronal que houbo en Galicia. Penso en homes e en mulleres da nosa historia, ninguén mellor se me ocorre. Sabemos que debatiu con Zola en francés, en París, sobre a literatura naturalista. Tomouno por un homiño: "Ayer me han dicho que Zola está a punto de enloquecer por miedo a la muerte. ¡Qué tonto es ese hombre de genio! ¡Miedo a la muerte! Si hubiera vivido en una semana lo que yo… y lo que tú, no le tendría miedo alguno", cóntalle ao escritor canario. Tampouco o propio Galdós lle mete medo: "En cuanto yo te coja, no queda rastro del gran hombre. En prueba te abrazo fuerte, a ver si de una vez te deshago y te reduzco a polvo".

Lendo as novelas e os ensaios de Pardo Bazán cómpre saber por que este país se permite o luxo de abandonala no fondo de armario como unha personaxe secundaria. Non escribiu en galego. Vai ser iso.

 A lingua é unha causa xusta. As causas xustas son válidas sempre que non afecten ao discurso político xeral. Un banderilleiro de Juan Belmonte trepou ata converterse en gobernador civil de Huelva durante o Réxime Anterior, que é un eufemismo que soamente un país que teme romper ovos para cociñar unha tortilla pode usar para referirse a unha ditadura.

Belmonte morreu cunha pistola Luger na man; "corneado por su propia sangre", como escribiu José María de Requena. Toreou nun festival benéfico onubense, que presidía quen fora o seu subordinado. O Pasmo de Triana era coñecido por non malgastar palabras. Un xornalista preguntoulle:

—¿Don Juan, como es posible que un banderilllero suyo llegase a ser gobernador civil?
—Degenerando, degenerando.

Amaro Ferreiro pisa a delicada caixa de ovos