Miércoles. 23.01.2019 |
El tiempo
Miércoles. 23.01.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Blanco Amor vestido de manchas húmidas

Nunca sospeitara que este spa que é a cultura galega dese para un relato de sexo, política, fama e morte. Os 500 días e 19 noites contadas por María Xosé Queizán en Vivir a galope son unha animada feira das vanidades

María Xosé Queizán.
María Xosé Queizán.

MARÍA XOSÉ Queizán deixa que a súa árbore xenealóxica medre nas primeiras cen páxinas das súas memorias. As nomenclaturas afectivas de pais, tíos e cúrmans —das vivencias e as facendas que ocuparon— son de interese inmenso, pero unicamente para quen conta. A sombra, os froitos, as pólas secas e os esquexes que rende unha familia permítenlle asentarse na randeeira do onde vimos e onde imos, pero tanta trascendencia deixa pálidos os lectores. Se eu fose editor deixaría que o Farenheit 451 aforrase o primeiro tramo de calquera autobiografía.

Pero Queizán (Vigo, 1943) pica no ventre do cabalo na páxina 108 de ‘Vivir a galope’ (Xerais). Non baixa o ritmo da cabalgada case que ata a chegada a destino, 700 páxinas despois, cando   volve a un paseo calmo de amizades. Nesa páxina 108 conta que, sendo unha moza, pasa ante o café  Derby de Vigo, onde é «consciente da mirada lasciva dun señor mangallón que sempre estaba sentado no café. Os seus ollos esculcábanme e pegábanseme no corpo como sinapismos». 

Requíreme esforzo imaxinar a Álvaro Cunqueiro desprazando a súa lingua de atrás a adiante polo ceo do seu padal para pronunciar «Lo-li-ta, Lo-li-ta», pero así o retrata condenatoriamente a escritora.

Menos traballo me supón representarme a Carlos Casares regresando a Vigo no mesmo coche con ela e «pedindo asilo nocturno, malia que a súa casa non estaba moi distante». A María Xosé Queizán non lle sorprendeu o rogo, polo que acomodou o daquela presidente do Consello da Cultura Galega nun cuarto no que durmía a rapaza que coidaba dos seus fillos. «De mañá non estaba. Agora supoño que nin se meteu no leito. Debeu de marchar en canto o deixei alí, cabreado».

A narradora conta o derradeiro día que o atopou. Foi nun acto, en marzo de 2002. Esa noite, o escritor morrería. «Quedaron varios asuntos pendentes entre os dous». A desputa máis grave veu provocada por «un libelo que tramaron» contra ela «algúns dos discípulos máis achegados a Ramón Piñeiro: Arcadio López Casanova, Salvador García Bodaño e  Casares» no 1964. Queizán acúsaos de  redactar e espallar un poema dun ton que se move entre o escarnio e a denigración que non me vou consentir reproducir. Nin sequera citar. Na altura, a novelista xa estaba casada con Xosé Luís Méndez Ferrín, quen, a consecuencia da afrenta, el «agardaba atoparse con Arcadio polas rúas de Santiago. Así foi. Retouno e pelexaron non sei onde. Eu, como Penélope, agardaba no hotel o regreso do heroe que, por suposto,non ía salvar a miña honra, senón a súa».

Pasados trinta anos, inqueriu a Casares pola sátira cruel. «Respondeu, con pouca seguridade, que a fixera Arcadio» e que non conservaba o texto difamador. Tería que chegar 2014 para que Henrique Monteagudo lle confesase que «coñecía o sucio poema porque Carlos Casares llo recitara nalgunha ocasión».

Sería inxusto pola miña banda rematar esta páxina deixando no aire do crepúsculo a percepción de que María Xosé Queizán se asaña con seu home no seu libro. A crónica do noivado e o matrimonio é contida. Soamente colle un peso amargo cando relata o final do seu amor.

A autora decatouse de que estaba casada con Sartre, pero rexeitou someterse a ser Simone de Beauvoir.

Con Ferrín na cadea por unha descomunal pena motivada pola novela inédita O corvo, a figueira e a fouce de ouro, «o tempo da prisión foi unha tregua, unha etapa de fidelidade —pola súa parte obrigatoria; pola miña, incuestionable—». Pero, ao ser liberado, o marido foi transtornado «nun ser superior. Calquera cousa que disexe era palabra de fe. Ao principio, cando se decatou daquilo, asombrouse. Seino porque mo comentou algo asustado. Despois a vangloria foino minando. A admiración, cando é feminina reafirma o poder sexual. As mozas admirábano e rendíanselle».
A autora decatouse de que estaba casada con Sartre, pero rexeitou someterse a ser Simone de Beauvoir. «O heroe nacional que vivía comigo comezou a ter unha corte de admiradores que souberon defender e confirmar a súa hexemonía como escritor e político». Paralelamente, «debín de ser a última en saber da súa adición sexual». En 1979, o matrimonio esgota os últimos disimulos. María Xosé Queizán non tarda en sorprenderse de ser obxecto dunha demanda de nulidade matrimonial. Sofre bravamente. Tampouco tarda en descubrirse nunha cama con outra muller. Mesmo repara en que lle resulta agradable.

Na mesma epifanía, decátase de que Méndez Ferrín exhibe no político «unha postura radical, a loita de clases, a loita de clases, a loita armada como método revolucionario de cambio político».

Esa néboa de inocencia que manifesta María Xosé Queizán parece un tanto xustificadora do conxunto do relato, un reforzo de candidez para buscar un asentimento do público, un situarse tras a bandeira de muller maltraída.

Dispuxera dunha década de convivencia co seu home, que soamente se vira interrompida polos outonos no cárcere do poeta, para decatarse da furia política de Ferrín. Xuntos participaran na creación do Consello da Xuventude, un intento de organización que «Ramón Piñeiro abortou». «Conseguiu dividir o Consello e formar dous bandos». Os piñeiristas López Casanova, Casares e García Bodaño fundaron o PSG en 1963, incorporando a Xosé Manuel Beiras. Da outra beira, da máis salvaxe, quedaron Queizán e Ferrín. Ambos os dous, xunto con outros, fundaron a UPG en 1964.

Daquela comezaron a padecer rexistros policiais na casa. Visitábanos axentes cinéfilos que repetían a xestualidade de Sam Spade e que eran igual de ineficaces para descubrir probas coa dimensión acusatoria abonda. A policía do franquismo buscaba o Falcón Maltés no piso de Queizán e Ferrín. Como na película, atopaba unha peza miserable de chumbo. «Eu tiña asignado un policía da secreta. Era alto, ben parecido, de mediana idade», describe a escritora.

A xeira contra a ditadura achegara a Ferrín e a Celso Emilio Ferreiro. Ese encontro empezou a ser «un motivo de discusión» co seu home: «A súa amizade non me gustaba, na medida en que os seus encontros se prolongaban ata a noite, e non só por razóns políticas». A narradora desconfiaba de Celso Emilio. Acabou por confirmar que abandonou «un barco político que se enfrontaba a unha perigosa travesía que custou moita dor, feridas, detencións, cadea e morte».

No mesmo 1972, ela sabía xa que Moncho Reboiras camiñaba na noite branca da violencia. «Iluminado polo raio da xustiza como un vaqueiro solitario, un Che Guevara sen guerrilleiros, un misioneiro extasiado entregado á causa con amor, cunha paixón sen acougo, persigue a loita revolucionaria. Así caeu, inflamado con idealismos, no fogón da fatalidade».

Contaba con estilo pueril que, fose onde fose dar unha conferencia, sempre atopaba en primeira fila a Blanco Amor

Se a morte de Reboiras lle afectou, máis fondamente a impresionou o pasamento de Blanco Amor, «unha persoa que padeceu o desprezo pola súa condición de homosexual». Poida que o que padecía advertise inconscientemente a Rafael Dieste. O dramaturgo era un home guapo. Contaba con estilo pueril que, fose onde fose dar unha conferencia, sempre atopaba en primeira fila a Blanco Amor.

Galicia é intensamente desagradecida cos talentos que mellor podería aproveitar. Os empregados do hotel no que vivía Blanco Amor non souberon que facer con aquel cadáver que se presentou na recepción para anunciar con voz de deserto a súa última hora. Confiaron o seu delgado pulso a un taxista de Vigo para remitilo ao hospital, onde finou tan deostado como vivira. «Foi depositado o seu corpo no chan dun cuarto miserable, vestido de humidade e manchas, onde eu o atopei. Ignoro o culto aos mortos. Só quero lembrar a xente cando vive. Non creo que o cadáver de Blanco Amor, alí un descoñecido, merecese máis honra que outro anónimo».

Blanco Amor vestido de manchas húmidas
Comentarios